O PPdeG carga contra oposición por reprocharlle a corrupción: "Corrupto é todo o mundo"

O grupo do PP, durante unha intervención de Feijóo no pleno do Parlamento © Parlamento de Galicia

Os casos de presunta corrupción que sacoden nas últimas semanas o aparello do PP e as súas derivadas a respecto de inxerencias gobernamentais na Xustiza están a xerar toda unha vaga expansiva na política galega. Como noutras ocasións os populares galegos están a apostar neste caso por tender unha barreira política que os diferencie da dirección central do partido, desligar a súa xestión na Xunta de calquera sospeita e, ao tempo, estender a sombra da corrupción ao conxunto de forzas políticas. Un novo episodio desta estratexia vén de producirse na comisión parlamentaria para as relacións co Consello de Contas, o órgano fiscalizador das finanzas públicas. Alí os populares cargaron con dureza contra a oposición por reprocharlles as prácticas corruptas e, ao tempo, lanzaron unha sentenza: "Todo o mundo é corrupto".

Poucos días despois de que, tamén nun acto ligado ao Consello de Contas, Alberto Núñez Feijóo ligase a corrupción política co relato bíblico da "famosa mazá do pecado orixinal", unha "tentación" que "hoxe toma moitas formas" e na que ninguén está libre de "caer", a deputada popular ourensá Cristina Romero censurou que a oposición en xeral e En Marea en particular "pretendan dirixir" as "actuacións fiscalizadoras" de Contas cun "criterio político". "As fan dun xeito partidista de acordo co seu discurso, é lexítimo pero non é congruente", reprochou".

Cristina Romero (PP): "A corrupción afecta ás persoas, é transversal; todo o mundo é corrupto"

"Non lles vou dar leccións nin sequera aos das mareas, que unhas cantas necesitan", afirmou Romero ante as referencias da bancada esquerda aos casos que nestas semanas volven encher titulares a respecto da "corrupción, da que tamén nos avergoñamos nós". Así e todo, a parlamentaria chama a ter en conta que cun eventual goberno de En Marea "non nos enteraríamos" de casos coma estas "porque se cargarían" a "todos os que o sacasen fóra, tamén a todo o sistema xudicial". "Vostedes teñen corruptos", advertiu ao vicevoceiro da formación, Antón Sánchez: "Teñen o piso de Espinar, el fraude a la Seguridad Social de Echenique, Monedero que pagó en B... De que están a falar?", cuestionou.

Antón Sánchez (En Marea): "Que pasaría se fose En Marea quen tivese un contable como o señor Bárcenas?"

Neste contexto, a representante do PP insta o resto de grupos a asimilar que "a corrupción afecta ás persoas" e, polo tanto, "é transversal". "Todo o mundo é corrupto", proclama, e os membros de En Marea "non o son máis porque non teñen oportunidade de gobernar e oxalá non poidan gobernar nunca, señores da esquerda radical totalitaria". "Se en Francia están apoiando a Le Pen!", acrecentou ante os risos da oposición e, nomeadamente, do propio Sánchez.

"Quizais cando falan de totalitarismo esquecen que son vostees os que colocan fiscais anticorrupción para tapala", retrucou Sánchez ás verbas de Cristina Romero. Se cadra, di, o que cómpre preguntarse é "que pasaría" se fose En Marea quen "ameazase con pegar dous tiros a xuíces por facer o seu traballo" ou "quen está dando o espectáculo lamentable de corrupción e podremia que está dando o PP". "Que pasaría -agregou- se o señor Mariano Rajoy fose das mareas e tivese un contable como o señor Bárcenas, con millóns de euros en Suíza de empresas ás que despois lles adxudicaban contratos?", cuestiona.

Propostas e recomendacións

Os populares rexeitaron a proposta do PSdeG para "garantir a confidencialidade de calquera denunciante" de casos de corrupción

Foi neste contexto de tensión no que a comisión aprobou as recomendacións para o Consello de Contas, órgano que tamén ten asignadas facultades en materia de prevención da corrupción. Entre elas figura unha formulada polo PSdeG para a "posta en marcha das necesarias medidas de cooperación coa Fiscalía Superior de Galicia" para "unha persecución integral das prácticas corruptas no ámbito autonómico" e outra, tamén dos socialistas, que reclama un informe "sobre o control interno dos sistemas de prevención de corrupción nas entidades locais e demais institucións dependentes dela".

A que non saíu adiante foi a iniciativa do deputado do PSdeG Juan Díaz Villoslada para a creación dunha "oficina específica" que "garanta a confidencialidade de calquera denunciante" dun caso de corrupción. "O obxectivo -explica o parlamentario- é garantir que os responsables políticos, funcionarios, reponsables de empresas e asociacións" poidan "poñer en coñecemento calquera actuación que puidese implicar un posible caso de corrupción". Os conservadores votaron en contra porque, di Romero, o Consello de Contas "xa está obrigado a manter a confidencialidade".

Cristina Romero, deputada do PP Dominio Público Parlamento de Galicia
Antón Sánchez, vicevoceiro de En Marea © Parlamento de Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.