O PP ten en marcha dende hai tempo a súa estratexia para as aínda afastadas no tempo eleccións municipais de 2019. A ofensiva política lanzada por Alberto Núñez Feijóo dende a propia sede da Xunta inmediatamente despois de revalidar a súa maioría absoluta ten diferentes vertentes. Unha, a gobernamental, con escolleitos anuncios de investimentos. Outra, a estritamente partidaria, que polo momento vén tendo como protagonista ao secretario xeral da formación, Miguel Tellado, fixo parada esta semana en Pontevedra, cidade da que dixo non "merecer" ser "o último bastión do nacionalismo" cun goberno "inimigo da actividade económica". Inmediatamente despois da visita do 'número dous' de Feijóo os populares pontevedreses lanzaron unha proposta para "potenciar o municipio": a promoción das "aparicións marianas".
Un dos participantes no encontro do grupo municipal con Tellado, o edil Rafael Domínguez, vén de detallar unha iniciativa que o PP defenderá no vindeiro pleno da corporación. Instarán o goberno do BNG, din, a "sumar o turismo relixioso" ao que xa "ofrece" nos eidos "cultural, gastronómico ou deportivo". "Consideramos necesario explotar un feito diferencial que une a Pontevedra con Fátima e Lourdes: as aparicións marianas", nomeadamente, "a aparición da Virxe a Sor Lucía en Pontevedra", en referencia á relixiosa portuguesa á que a tradición católica sitúa como protagonista das aparicións de Fátima, que o Papa Francisco conmemorará cunha visita a mediados de maio.
"Consideramos necesario explotar un feito diferencial que une a Pontevedra con Fátima: foi aquí onde se lle apareceu a Virxe a sor Lucía e, posteriormente, o neno Xesús", mantén o concelleiro popular Rafael Domínguez
O plan proposto polo PP estaría sustentado en "tres accións", a primeira delas "promover o Santuario das Aparicións de Pontevedra" e, a continuación, "estudar a posibilidade de crear un roteiro turístico que ligue" este espazo relixioso "con outros enclaves relacionados coas aparicións marianas" e "establecer sinerxias con outras administracións". Así, asegura, lograríase que "un maior número de persoas poidan coñecer Pontevedra".
Domínguez explica que lanzan esta proposta porque "durante máis de 25 anos sor Lucía viviu en Pontevedra, escondida con outro nome" e "foi aquí, na nosa cidade, onde se lle apareceu Virxe a posteriormente, o neno Xesús". "O famoso terceiro segredo de Fátima -debulla o concelleiro- escribiuse sobre un baúl aquí, en Pontevedra, que aínda permanece gardado no Santuario das Aparicións". Neste sentido, os populares explican nun comunicado que Rafael Domínguez "desvelou ademais" un "feito que poucas persoas coñecen: o presidente dos Estados Unidos John Fitzgerald Kennedy, católico convencido, tras saber das aparicións marianas en Pontevedra enviou unha imaxe e unha carta que aínda permanecen custodiadas no santuario".
"Promover o coñecemento das aparicións marianas en Pontevedra supón abrir posibilidades de captar" o "importante fluxo de turismo" que se dirixe a Fátima, mantén o PP pontevedrés, polo que o goberno municipal debera "aproveitar" este "elemeno único e diferencial". A proposta enmárcase nun contexto no que a dirección galega do partido asegura, a través de Tellado, que Pontevedra precisa "recuperar o pulso" porque está "rezagada" e para isto cómpre "mudar de alcalde" e non que continúe o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, a quen ve "convertido nun defensor de ditadores" pola súa participación, este sábado, nun acto sobre Fidel Castro.