Rematado dende 2013 e, dende hai un ano, dotado coa instalación eléctrica que lle faltaba para comezar a funcionar. É o estado no que se atopa o Centro Galego de Desenvolvemento Integral (CEGADI), un enorme e innovador edificio de arquitectura singular que, unha década despois de ser impulsado polo Goberno bipartito da Xunta como espazo de referencia na atención á discapacidade, agarda pechado no compostelán barrio de Salgueiriños por unha data de apertura mentres xa presenta mostras de deterioro como humidades, corrosión e vidros escachados. Despois de que o BNG de Santiago reclamase a pasada semana coñecer un prazo certo de posta en servizo e anunciase iniciativas parlamentarias ao respecto a Consellería de Política Social non é quen de concretar datas máis alá dunha apertura parcial "ao longo deste ano" dun edificio cuxa factura, admite, xa superou os 13 millóns de euros, o que implica sobrecusto de máis do 50% a respecto do prezo de adxudicación.
A historia do CEGADI no seu actual emprazamento remóntase a maio de 2005, cando o Concello de Santiago aprobou a cesión a título gratuíto da parcela para construír o centro, 6.000 metros cadrados na principal zona de expansión do norte da capital galega. Poucos meses despois do cambio de cor política na Xunta, en novembro dese ano, o gabinete presidido por Emilio Pérez Touriño aceptaba formalmente a cesión e a Vicepresidencia que encabezaba Anxo Quintana, competente en materia de servizos sociais, iniciaba uns trámites que se concretaban en agosto de 2007 no concurso público para a construción do centro por un importe de ata 9,05 millóns de euros cofinanciados polo programa europeo Interreg III.
En novembro do propio 2007 a construtora Alcuba impúxose no concurso cunha oferta de 8,7 millóns de euros, gasto ao que a Administración tivo que engadir senllos contratos duns 130.000 euros e outros 112.000 para os servizos de arquitectura na dirección e mais na seguridade das obras. Púñase así en marcha a construción dun edificio con algo máis de 8.000 metros cadrados de superficie útil asinado polo arquitecto vasco José Ramón Garitaonaindía, gañador do concurso de ideas que convocara o Goberno galego cun orzamento de 174.000 euros.
En maio de 2008, cos traballos xa en marcha, o Consello da Xunta aprobaba o decreto que creaba formalmente o centro. Sería un espazo de "rehabilitación integral para persoas con discapacidade" con diversos servizos entre os que destacaba un centro de día para 71 persoas e unha área residencial para outras 38. O proxecto contaba ademais con "dúas vivendas piloto con capacidade para seis persoas", salas de rehabilitación, espazos polivalentes, unha piscina terapéutica e un comedor-cafetaría, entre outras áreas. Todos eses espazos están xa construídos.
Novos prazos e sobrecustos
As obras foron adxudicadas en 2007 polo bipartito, que prevía no centro un centro de día para 71 persoas e unha área residencial para 38, entre outros servizos terapéuticos
Os prazos calculados polo Executivo de socialistas e nacionalistas, que estimaba a execución total das obras en ano e medio, bateron no verán de 2008 co estourido da crise e mais da burbulla inmobiliaria. En novembro de 2008 o peche de liquidez dos bancos abocaba a construtora Alcuba ao concurso de acredores -non deu saído del totalmente ata 2011- e ameazaba seriamente a continuidade das obras malia que apenas dous meses antes, en setembro, a Xunta aprobara unha modificación do contrato, incrementándoo en 1,7 millóns de euros para atender un requerimento do Concello de Santiago sobre a necesidade de prazas de aparcamento na contorna do edificio. A factura chegaba xa, daquela, aos 10,8 millóns.
Mentres a construtora retomaba lentamente os traballos o Goberno galego mudaba de cor política e, apenas un mes despois da chegada do PP a San Caetano, a construtora dirixiuse á nova Consellería de Traballo e Benestar para solicitar unha prórroga no prazo de entrega ata maio de 2010. As causas, alegou, eran a necesidade de adaptar ao terreo a área do soto do edificio, así como un atraso na disposición de enerxía eléctrica na obra. A Xunta aceptou a prórroga e poucos meses despois, en marzo de 2010, a empresa pediu outra, nesa ocasión baseada en inclemencias meteorolóxicas e mais en adaptacións de eficiencia enerxética do centro. A data límite pasou a ser, co visto e prace da Consellería, o 31 de decembro dese ano.
As obras sufriron dous modificados, un deles solicitado pola empresa tras entrar en concurso de acredores e aceptado pola Xunta entre receos do Consello Consultivo
Pero as mudanzas do guión non remataron aí. Nese mesmo 2010 a construtora, en pleno concurso de acredores, aínda se dirixiu noutra ocasión ao departamento daquela dirixido por Beatriz Mato. Foi para solicitar un segundo modificado que, mediante o incremento doutros 1,7 millóns no prezo final, permitiría "mellorar as prestacións enerxéticas" do edificio, entre outros cambios. Antes de aprobalo Traballo e Benestar solicitou o preceptivo informe ao Consello Consultivo, que observou "ausencia de toda xustificación" para o modificado -os informes da Xunta facían referencia implícita a unha norma sobre eficiencia enerxética que non sería de aplicación neste caso, segundo o Consello-, se ben considerou que podería ser procedente polo risco de que non se chegase a rematar un centro dirixido "a un sector de poboación, os discapacitados, merecedor dunha especial protección".
Reinicio dos traballos e novas obras
O último atraso debeuse obras eléctricas que a Consellería anunciou para 2014 e adxudicou en 2016
Tras consumir practicamente un ano con estes trámites as obras do CEGADI retomáronse cun evidente atraso e un sobrecusto de en torno ao 40%, isto é, un orzamento de arredor de 12,5 millóns de euros e unha previsión de remate para o verán de 2012. Foi finalmente en 2013 cando a Xunta puido dispoñer do edificio e nese mesmo ano Traballo modificou a súa relación de postos de traballo para crear a praza de dirección do CEGADI, complexo para o que reservou 990.000 euros nos Orzamentos dese ano. Pero as dificultades non remataron. Ben ao contrario, no outono de 2014 a Consellería revelaba, en resposta a senllas preguntas do PSdeG e do Bloque, que o centro estaba "pendente da licenza de ocupación", trámite que á súa vez estaba "pendente de achegar ao Concello de Santiago" un "certificado de FENOSA" no que a compañía eléctrica acreditase que a conexión do CEGADI á rede era axeitada.
O que realmente tiña que "informar favorablemente" FENOSA era o proxecto para unha nova obra no centro, a construción dun transformador eléctrico sen o cal o CEGADI podía pór en risco o subministro do gran número de vivendas da zona. A Xunta prevía daquela a axudicación deste traballo para "principios de outubro de 2014", pero realmente non se produciu ata febreiro de 2016 por importe de 166.000 euros, cun prazo de execución de algo menos de dous meses.
Futuro incerto
Neste punto, catro anos despois do remate da construción e cando xa transcorreu case unha década dende a súa adxudicación, Política Social evita ofrecer datas concretas sobre a apertura do CEGADI. A preguntas de Praza.gal o departamento de José Manuel Rey Varela confirma que "os custos de construción desta infraestrutura" están xa "cifrados en 13,2 millóns de euros" tras os últimos traballos eléctricos. No que atinxe aos prazos, a Consellería indica que "o CEGADI comezará a prestar servizos para persoas con discapacidade de xeito paulatino ao longo deste ano". Ata hai poucos meses situaba o horizonte no "primeiro semestre" deste 2017.
Política Social prevé agora que o CEGADI "comece a prestar servizos" de "xeito paulatino ao longo deste ano"
O Executivo galego tampouco precisa polo momento o que nos inicios do proxecto se presentara como un dos piares do CEGADI, a colaboración coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI). Esta entidade, sinalan as mesmas fontes gobernamentais, "solicitou a concesión de uso dunha serie de espazos nas instalacións" para "a prestación de determinados servizos vinculados ás persoas con discapacidade física, ás súas familias e tamén aos profesionais" do sector. "Nese caso -agrega a Consellería- sería dita entidade quen xestionaría eses servizos no ámbito dos espazos nos que os desenvolva".
Neste contexto, as iniciativas do BNG forzarán que a Xunta teña que informar o Parlamento sobre os seus plans para un centro que, lembran, foi concibido como "de vangarda, innovador e único no Estado para o tratamento integral da discapacidade". Ao tempo, dende o Concello de Santiago fontes do goberno local consultadas por este diario ratifican a "esixencia" de que o CEGADI abra e preste servizos canto antes pola necesidade de asistencia a este colectivo na cidade, pero tamén porque a súa "posta en marcha" foi incluída polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, entre os "quince grandes proxectos" para Compostela prometidos na súa xuntanza do pasado marzo co alcalde da capital galega, Martiño Noriega.