Dende as eleccións municipais de maio de 2015, 18 concellos galegos cambiaron de alcalde ou alcaldesa (dúas veces no caso de Boimorto). E hai uns días sóubose que tamén en Narón o seu rexedor, José Manuel Blanco, abandonará o posto en setembro, convertendo a súa localidade na número 19 con mudanza no nome do seu primeiro edil.
Os motivos foron diversos: dende mocións de censura (7) ata substitucións motivadas polo nomeamento do rexedor ou rexedora elexida inicialmente para un cargo público ou de representación (7). Catro casos con causas xudiciais abertas (dous deles con sentenza de inhabilitación), un falecemento e, no caso de Narón, un abandono explicado por chegar á idade de xubilación.
No caso das mocións de censura, en cinco dos sete casos foi o PP quen accedeu ao Goberno municipal a través desta fórmula, sendo PSdeG-PSOE (catro mocións en contra) e BNG (dúas) as formacións máis prexudicadas. No que atinxe ás catro causas xudiciais abertas, dúas corresponderon a alcaldes do Partido Popular, unha ao PSdeG-PSOE e outra a Inta, en Monterroso, aínda que só neste caso e no do alcalde popular de Rairiz de Veiga houbo sentenza de inhabilitación.
En total, case 100 mil galegos e galegas teñen na actualidade un alcalde ou alcaldesa diferente aos votados en primeira instancia tralas eleccións do 2015, unha cifra que chegará ás 140 mil persoas cando Narón complete a súa mudanza na alcaldía en setembro.
Mocións de censura
- Boimorto: O 15 de agosto de 2015 Gonzalo Concheiro (PP) substituíu a Xosé Luis Rivas 'Mini' (BNG) a través dunha moción de censura. Gonzalo Concheiro dimitiu o 14 de maio de 2016 tras coñecerse a súa posible implicación nunha estafa, sendo substituído por María Jesús Novo (PP)
- Oia: O 12 de novembro de 2015, Cristina Correa Pombal (PP) substituíu a Rosa María Otero Carballa (PSdeG-PSOE) a través dunha moción de censura
- Noia: O 18 de febreiro de 2016, Santiago Freire (PP) substituíu a Miguel Paz (PSdeG-PSOE) a través dunha moción de censura
- Pontecesures: O 9 de maio de 2016, Juan Manuel Vidal Seage (PP) substituíu a Cecilia Tarela (BNG) a través dunha moción de censura
- Santa Comba: O 26 de maio de 2016, María José Pose (PP) substituíu a José Antonio Ucha Velo (PSdeG-PSOE) a través dunha moción de censura
- Mugardos: O 13 de agosto de 2016, Pilar Díaz (EU) substituíu a Juan Domingo de Deus (PP) a través dunha moción de censura
- Sobrado: O 28 de marzo de 2017 María Jesús García Souto (Todos por Sobrado) substituíu a Lisardo Santos (PSdeG-PSOE) a través dunha moción de censura
Causas xudiciais
- Rairiz de Veiga: O alcalde Xosé Xaquín Rodríguez Ambrosio (PP) foi inhabilitado por un delito de prevaricación. O 15 de decembro de 2015 foi substituído por Josefa Asunción Morgade (PP)
- Monterroso: O 19 de decembro de 2016 Miguel Rico (Inta) substituíu a Jesús Otero (Inta), que cesara para cumprir unha sentenza xudicial
- Negreira: Jorge Tuñas Caamaño (PSdeG-PSOE) dimitiu o 21 de abril de 2017 pola súa suposta implicación na apropiación indebida de 18 teléfonos móbiles do Concello. Foi substituído por Manuel Ángel Míguez (PSdeG-PSOE)
Nomeamentos e outros
- Melide: O 17 de outubro de 2015, Dalia García Couso (número 8 do PP) substituíu a Ánxeles Vázquez (PP) tras ser nomeada esta nova conselleira do Medio Rural.
- Baiona: O 26 de outubro de 2015, Ángel Rodal Almuiña (PP) substituíu a Jesús Vázquez Almuiña (PP) tras ser nomeado este Conselleiro de Sanidade
- A Gudiña: O 27 de febreiro de 2016, José María Lago Cabo (PP) foi elixido alcalde, despois do falecemento do seu pai e anterior rexedor, Guillermo Lago (PP)
- Outes: O 19 de agosto de 2016 Carlos López Crespo (PP) abandonou a alcaldía tras ser incluído nas listas do seu partido para as eleccións autonómicas. Foi substituído por Beatriz Molinos Vidal (PP)
- Vilalba: O 20 de agosto de 2016, Agustín Baamonde (PP) substituíu a Gerardo Criado (PP) tras ser nomeado este senador.
- Cerdedo: José Balseiros (PP), alcalde de Cerdedo, renunciou ao cargo o 22 de agosto de 2016, por ocupar un posto na lista do seu partido para as eleccións autonómicas e ante a inminente fusión do concello con Cotobade.
- Manzaneda: O 13 de setembro de 2016 Félix Domínguez Cortiñas (Anova) substituíu a David Rodríguez (Anova), convertido semanas despois en deputado do Parlamento por EnMarea
- Boqueixón: O 17 de novembro de 2016, Ovidio Rodeiro (PP) abandonou a alcaldía para ser delegado territorial da Xunta na Coruña. Foi substituído por Manuel Fernández Munín (PP)
- Narón: José Manuel Blanco (TG) anunciou a finais de abril que abandonará a alcaldía en setembro, pouco despois de facer 65 anos. Será substituído por Marián Ferreiro (TG)