A previsibilidade do seu goberno adoita ser un dos elementos que destaca o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Porén, esta semana tivo que recorrer a un mecanismo extraordinario do que o Diario Oficial de Galicia (DOG) só reflicte que fose empregado noutras dúas ocasións en toda a súa historia. Este mércores publicaba unha “Instrución interpretativa” do polémico Decreto de vivendas turísticas que ese mesmo día entraba en vigor, medida que adoptaba logo de que a norma recibise un requirimento de corrección por parte da Comisión Nacional de los Mercados y la Competencia. Feijóo fixo responsable da emisión desa “Instrución interpretativa”, coa que considera que se dá resposta ao requirimento de Competencia, á Asesoría Xurídica da Xunta.
Por terceira vez na súa historia o Goberno galego vese obrigado a empregar unha “instrución interpretativa” para matizarse a si mesmo. O presidente fai responsable da medida á Asesoría Xurídica.
O Decreto sobre vivendas turísticas publicouse no DOG o pasado 10 de febreiro coa previsión de que entrase en vigor tres meses despois, este mércores 10 de marzo. Porén, hai dúas semanas Competencia emitiu un requirimento criticando diversas disposicións desa norma por considerar que atentan contra a liberdade de mercado. A resposta da Xunta, ademais de enviar alegacións a Competencia, foi publicar este mesmo mércores o que denomina “Instrución interpretativa 1/2017, do 9 de maio, para a aplicación do Decreto” antedito. As outras dúas veces anteriores que a Xunta publicou unha Instrución interpretativa foron en 2008, matizando unha Orde da Consellería de Política Territorial sobre a revisión dos prezos dos autobuses interurbanos, e en 1998, matizando un Regulamento da Consellería de Industria sobre as liñas eléctricas de alta tensión. O Decreto que agora se “interpreta” é a norma de maior rango que se ve así afectada.
Segundo salientou este xoves o propio Feijóo na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno, “a Asesoría Xurídica plantexou facer unha instrución para garantir unidade de criterio na aplicación do decreto”, unha frase que revelaría que dita norma permitía unha aplicación discrecional. “Pensamos que con esta instrución resolvemos as dificultades que plantexaba Competencia”, engadiu o presidente.
A Xunta vén dicir que as cuestións que o Decreto de vivendas turísticas prohibe están realmente permitidas porque non se dan nas vivendas turísticas senón noutros ámbitos que non regula o Decreto
Entre outras cuestións, Competencia criticaba que o Decreto “prohibe o alugueiro por habitacións e limita o período de aloxamento a tres meses” e “permite que os concellos limiten o número de vivendas, ou incluso as prohiba, en determinados edificios ou sectores urbanísticos”, cuestións que o ente regulador considera contrarias á libre competencia. O que fai a Instrución agora emitida é matizar que o que Competencia interpreta como unha prohibición por parte do Decreto non é máis que unha constatación nesa propia norma de que esas cuestións quedan fora do seu ámbito de aplicación.
“No caso de cesión por estancias, non estaremos ante o concreto concepto de vivendas de uso turístico”, di a Instrución, polo que deixa esa modalidade fóra do ámbito do Decreto. Do mesmo xeito, a Instrución di que, en contra do que interpretara Competencia, “os supostos de aloxamento por períodos continuados superiores aos tres meses non entrarán dentro do concepto de vivendas turísticas ou apartamentos turísticos, polo que non lles será de aplicación o decreto”. Isto é, a Xunta vén dicir que as cuestións que o Decreto de vivendas turísticas prohibe están realmente permitidas porque non se dan nas vivendas turísticas senón noutros ámbitos que non regula o Decreto.
A rectificación da Xunta foi ben acollida por Airbnb, a plataforma dixital que facilita que particulares aluguen “estadías” dentro da súa propia vivenda. Pola contra, o denominado Clúster de empresas turísticas de Galicia, que agrupa o sector da hostalería máis tradicional e ao que a Xunta entregou hai tempo a definición das súas políticas turísticas, di non entender as críticas realizadas por Competencia.