"Nunca". Foi a rotunda explicación que o director xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Industria, Ángel Bernardo Tahoces, ofreceu hai apenas un ano, o 21 de abril de 2016, ao ser preguntado no Parlamento a respecto dos plans de Ferroatlántica, que viña de tornar en Ferroglobe pola fusión coa estadounidense Globe Speciality Metals, para segregar as súas actividades de ferroaliaxe en Cee, Dumbría e Sabón das centrais que explota nos ríos Xallas e Grande como paso previo á venda das hidroeléctricas. Tahoces, visiblemente molesto, asegurou que quen o cuestionaba, o daquela voceiro do BNG, Francisco Jorquera, estaba a "equivocarse claramente e con rotundidade" sobre unha "separación" que, afirmaba, non se ía producir. Dende este xoves a Xunta ten sobre a mesa a petición formal de segregación e o Goberno, polo momento, evita avanzar cal será a súa postura.
O director xeral de Enerxía limitouse este venres a afirmar o "compromiso" da Xunta "cos postos de traballo"
O propio Tahoces tiña este venres cita no Parlamento para responder varias preguntas, unha delas formulada polo Bloque a respecto da enerxía fotovoltaica. No entanto, a voceira da formación en materia industrial, Noa Presas, instou o director xeral a deixar o Regulamento "nun segundo plano" e aclarar a postura gobernalmental a respecto da petición de Ferroglobe, toda vez que se producira escasas horas antes. Tras acusar a parlamentaria de ter escasa "seriedade" por non "cumprir as normas" Tahoces proclamou o "compromiso absoluto" do Executivo "co mantemento dos postos de traballo e da actividade industrial" e coa "transparencia" sobre "todo o que aconteza neste tema tan sumamente importante para Galicia".
Hai un ano Tahoces viu "innecesaria" a alerta porque "nunca houbo tal segregación nin nunca a haberá"
A intervención do alto cargo difire en boa medida da de abril de 2016, cando entre chamados á "prudencia" considerou "innecesario" alertar sobre algo que non ía pasar. "En Ferroatlántica desenvólvense e se seguirán desenvolvendo dúas actividades industriais de xenito simultáneo: a fabricación de ferroaliaxes e a produción de enerxía eléctrica a través de sete centrais nas concas dos ríos Xallas e Grande". "Son -resaltou- dúas actividades que se están a desenvolver simultaneamente por parte dunha mesma empresa, Ferroatlántica S.A., empresa que existiu, existe e seguirá a existir sen ningún tipo de dúbida" e, "polo tanto, continuará o desenvolvemento en Galicia destas dúas actividades". "Nunca houbo tal segregación nin nunca a haberá", remachou.
Informe esgrimido por Ferroglobe
Mentres a Xunta opta polo perfil baixo na transmisión de información a respecto desta delicada operación -o persoal afectado reclama unha xuntanza co conselleiro Francisco Conde e, na propia comisión parlamentaria, En Marea reclamou "o traslado urxente de toda a documentación"-, a empresa está a facer todo o contrario. Así, horas despois de facer pública a solicitude divulgou un comunicado sobre un "informe que veñen de elaborar" dous catedráticos de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago, José Luis Carro e Luis Míguez Macho, no que, afirma, ambos profesores conclúen que a Xunta "non podería lexitimamente negarse" a autorizar a segregación, porque "incorrería en arbitrariedade" ao non existir motivos "dabondo" para negarse.
A empresa divulgou un informe de dous profesores da USC para argumentar que a Xunta "non podería negarse" a autorizar a segregación
Sempre segundo a versión da empresa ese "ditame" indica que se "produciu un cambio substancial das circunstancias" nas que o Goberno de Manuel Fraga "se apoiou nos anos 90 para a prohibición da segregación", xa que "as razóns de interese público esgrimidas daquela, manter as fábricas de ferroaliaxes sosténdoas sobre a produción eléctrica" xa "non subsisten", toda vez que "o resultado de explotación crecente" das fábricas de Cee, Dumbría e Sabón "permite soster que a súa viabilidade non se atopa na precariedade" que padecían daquela. A cláusula que impide a segregación, engade, "foi produto dunha decisión discreacional" que "limita as facultades de organización empresarial".
Outro informe da UDC avalou hai apenas un mes a prohibición da segregación nos termos actuais
O informe ao que alude a nota de Ferroglobe chega apenas dous meses despois da publicación doutro, tamén procedente do ámbito universitario pero xusto no sentido contrario. Foi o solicitado á Universidade da Coruña polo comité de empresa de Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas e asinado por Carlos Aymerich, ex-deputado e profesor titular de Dereito Administrativo. Aquela análise consideraba que a autorización dunha venda por partes chegaría a implicar un "delito de prevaricación administrativa", ademais de resaltar que a prohibición da separación "persegue un interese público lexítimo, o mantemento do emrpego e da actividade industrial na Costa da Morte" que "non limita de forma desproporcionada a liberdade de empresa".
Neste sentido, a análise xurídica de Aymerich indica tamén que, ao contrario do apuntado pola empresa, a prohibición de segregación é compatible coa lei do sector eléctrico de 2013 e engade tamén dúas advertencias. Se a Xunta chegase a suprimir a prohibición estaría a aprobar unha "alteración substancial" das concesións que implicaría a súa "extinción", coa "conseguinte reversión á Administración galega" das centrais. Adicionalmente, se Ferroglobe abandonase a actividade de ferroaliaxes, iso sería "un suposto de caducicade das concesións" e a súa "reversión gratuíta" á Xunta, concluía.
Manifestación contra a segregación e venda das centrais / CIG
O persoal anuncia mobilizacións ante a "operación especulativa"
O informe da UDC é, precisamente, ao que alude o comité de empresa de Cee e Dumbría para reclamar explicacións á Xunta e advertila de que todo o que non sexa manter a prohibición da segregación será "unha ilegalidade, unha decisión nula de pleno dereito". Nun comunicado emitido este venres a representación do persoal acordou "levar adiante todas as mobilizacións que sexan necesarias", ademais de formular a devandita petición de xuntanza, como parte das medidas contra a "operación especulativa" que Ferroglobe, di, pretende lograr a través de "mentiras".
"Cando Villar Mir adquiriu o complexo as actividades xa estaban unidas" e así seguiron porque "o TSXG e o Supremo" denegaron a segregación, resaltan
"Cando di que solicita o retorno ao estado orixinal das concesións", di o comité, deberan "lembrar" tamén que "a concesión dos aproveitamentos hidráulicos estivo sempre vinculada á produción de ferroaliaxes", polo que "volver ao estado orixinal sería recuperar os ríos como estaban hai 100 anos, sen saltos de auga nin encoros". "As únicas razóns polas que as fábricas se instalaron en Cee e Dumbría foi a presenza dos ríos e a produción de electricidade" e "cando o Grupo Villar Mir adquiriu o complexo industrial en 1992 as actividades xa estaban unidas". Así continuaron, resaltan, aínda que a empresa "litigou pola vía xudicial para conseguir a segregación", denegada "tanto polo TSXG como polo Supremo".