0 Gardados para despois

Telmo Martín retorna á alcaldía de Sanxenxo dez anos e varias polémicas despois

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O popular Telmo Martín, quen foi alcalde de Sanxenxo de 1999 a 2006, construtor ao que a Xunta de Feijóo perdoou unha multa de tres millóns de euros malia o seu patrimonio persoal de máis de 21 millóns que o convertería no deputado máis rico do Congreso entre 2011 e 2015, volve á súa orixe e recupera a alcaldía da súa vila. Entrégalla o ata o de agora alcalde, Gonzalo Pita, dun partido local escindido no seu momento do PP e que gobernaba desde hai dous anos co apoio de PSdeG e BNG. A dous anos dunhas novas eleccións municipais, o paso dado en Sanxenxo supón unha reedición da vella estratexia do PP provincial, antes dirixido polo imputado Rafael Louzán e agora polo vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda, de facerse forte con tempo a nivel local antes das seguintes eleccións municipais. Esa estratexia pasa por recuperar alcaldías a través da reintegración de independentes escindidos, como no caso de Sanxenxo, ou de mocións de censura, opción máis complexa e á que só poderá recorrer durante o próximo ano, xa que a lei impídeo no último ano de mandato.

Rexedor entre 1999 e 2006, recupera o bastón de mando logo de que Feijóo lle perdoase en secreto en 2011 unha multa de 3 millóns e de pedir hai un ano unha axuda mensual de 2.800 euros ao Congreso malia ter un patrimonio de 21 millóns

Martín (Meaño, 1958) montou nos anos 90 a construtora Construcuatro, coa que desenvolveu unha importante actividade inmobiliaria na provincia de Pontevedra. En Sanxenxo, na primeira liña de costa da súa praia máis céntrica, a de Silgar, a poucos metros de onde Mariano Rajoy ten un apartamento, Construcuatro levantou un edificio de seis plantas co que invadiu o dominio público, o que lle supuxo recibir en 2005 unha proposta de sanción de tres millóns de euros que lle sería perdoada en segredo a finais de 2011 nunha reunión do Consello da Xunta presidida por Alberto Núñez Feijóo. Hai un ano o Tribunal Supremo confirmou unha sentenza que obriga a demoler parcialmente o edificio. Construcuatro está envolta en outras varias causas xudiciais por ilegalidades nas súas promocións inmobiliarias, algunha delas baixo réxime de protección pública.

Martín deixou a alcaldía de Sanxenxo para aspirar sen éxito en dúas ocasións á da cidade de Pontevedra, e logo foi recolocado polo PP no Congreso

Martín accedera á alcaldía da vila en 1999, e deixouna logo de dous mandatos para aspirar sen éxito en 2007 e 2011 á da cidade de Pontevedra. Na cidade de Mariano Rajoy o popular foi nas dúas ocasións o candidato con máis votos, pero insuficientes para arrebatar o bastón de mando a Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde do BNG co apoio do PSdeG desde 1999. Logo do segundo fracaso, o PP recolocouno no Congreso dos Deputados, onde a comezos de 2012 se faría coñecido en toda España por ser o deputado máis rico, cun patrimonio declarado de 21 millóns de euros. Malia ese patrimonio, en 2016, logo de deixar o Congreso, Martín solicitou a prestación de 2.800 euros mensuais prevista para os deputados que quedan sen traballo tras a disolución das Cortes. A polémica que xerou obrigouno a renunciar a ela logo de reiterar que era un dereito que legalmente lle correspondía.

En Sanxenxo, logo da súa marcha en 2006, a súa substituta e ata daquela tenente de alcalde, Catalina González, non foi quen de manter a unidade do PP, que se escindiu e deu orixe a Sanxenxo Agrupación Liberal (SAL). Nas municipais de 2015, nas que volveu ser o candidato do PP no seu municipio, Martín obtivo 8 concelleiros, quedando a un da maioría absoluta, o que facilitou que accedese á alcaldía o SAL (4 concelleiros), co apoio de BNG (3 concelleiros), PSdeG e Sanxenxo Pode (un concelleiro cada un dos dous últimos).

Martín agradeceu ao ata o de agora alcalde a súa “xenerosidade” por cederlle “voluntariamente” o cargo

Ao pouco tempo esa última formación deixou o goberno local en minoría e agora o alcalde do SAL, Gonzalo Pita, entrega o seu bastón de mando a Martín, quen este venres agradeceulle a súa “xenerosidade” por cederlle “voluntariamente” o cargo. Faino argumentando como detonante discrepancias coa rama nacionalista do goberno de PSdeG e BNG da Deputación de Pontevedra coa que o Concello executa as obras de reforma da avenida Luis Rocafort, principal acceso á praia de Silgar, esa tan ligada ás vidas de Telmo Martín e Mariano Rajoy.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.