- Primeiras reaccións en Galicia: chamadas ao entendemento dende as mareas e chiste 'futboleiro' no PP
Pedro Sánchez gañou este domingo as eleccións primarias á secretaría xeral do PSOE tanto no global do Estado como en Galicia. Case oito meses despois de deixar ese mesmo posto e de que unha xestora asumise a dirección do partido pola súa negativa a absterse para facilitar a investidura de Mariano Rajoy como presidente do Goberno, Sánchez volve facerse nas urnas coa secretaría que xa obtivera nelas en xullo de 2014.
En Galicia, onde podían exercer o voto 10.394 militantes do PSdeG-PSOE, participou preto do 80% dos afiliados. Co 100% escrutado Sánchez obtivo 5.442 votos, o 65,74% do total, fronte a unha Susana Díaz que quedou en 2.235 votos, o 27%. Sánchez estivo en Galicia máis de 15 puntos por riba dos seus resultados a nivel estatal, onde obtivo o 50% dos votos. O terceiro contendente, Patxi López, quedou en Galicia en 601 votos, o 7,26%. A vantaxe de Sánchez no PSdeG, daquela, practicamente cuadriplica en termos porcentuais á que obtivono global federal.
Sánchez obtivo en Galicia máis votos que avais previos, ao contrario que Díaz
Sánchez tamén obtivo en Galicia máis votos que avais previos, ao contrario que Díaz. O primeiro recollera en Galicia 3.816 avais, Díaz uns 2.500 e López uns 800. Como comparación, nas primarias de xullo de 2014 fronte a Eduardo Madina e Pérez Tapias, Sánchez obtivera 3.776 votos, un 50,82%, dous puntos por riba da súa media estatal, polo que agora o novo secretario xeral obtén uns 1.600 votos e 15 puntos máis que hai tres anos. Por provincias, na que máis preto estivo Díaz de Sánchez foi na de Ourense, onde a andaluza obtivo un 39% dos votos por un 55% do madrileño.
Anteriores primarias en Galicia
Hai tres anos Sánchez obtivera en Galicia 3.776 votos, o 50,82%
Hai agora un ano, nas últimas primarias realizadas en Galicia, para elixir o candidato socialista á presidencia da Xunta, acudiu ás urnas o 65% dos militantes, que deron a Xoaquín Fernández Leiceaga 3.662 votos (o 55,67%) e a José Luis Méndez Romeu 2.916 votos (o 44,33%).
Hai case tres anos, nas primarias nas que Pedro Sánchez se fixera coa secretaría xeral do PSOE, nas que se enfrontaba a Eduardo Madina e Pérez Tapias, Sánchez obtivo 3.776 votos (o 50,82%), por 2.807 (o 37,78%) do segundo e 847 (o 11,4%) do terceiro. Daquela, Sánchez obtivo en Galicia uns resultados dous puntos por riba da media estatal (50,82% fronte a 48,69%), acadando a súa maior porcentaxe en Lugo (co 66% dos votos), algo que fora interpretado como froito do apoio do daquela secretario xeral dos socialistas galegos, o lucense José Ramón Gómez Besteiro.
Caballero foi o principal apoio en Galicia de Susana Díaz pero tamén en Vigo gañou Sánchez
Posteriormente, nas primarias para elixir o candidato á Xunta, Leiceaga obtivo a vitoria en toda Galicia co 55,67% dos votos malia que as cidades de Vigo, A Coruña e Santiago deron maioritariamente o seu apoio a Méndez Romeu, que na primeira delas, co apoio do seu rexedor, Abel Caballero, acadou un 76,55%. Desta volta Caballero, tamén presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), amosouse como o principal apoio en Galicia de Susana Díaz, pero tampouco en Vigo a andaluza puido facerse coa vitoria. Alí, segundo fontes socialistas, Sánchez obtivo 313 votos, o 53%, por 254 de Díaz e 24 de López. Sánchez tamén gañou nas outras seis cidades galegas.