A clara vitoria de Sánchez en Galicia acantoa a vella garda do PSdeG

Pedro Sánchez, entre Leiceaga e Caballero en Vigo © PSdeG

"Pensamos que Pedro Sánchez ía gañar, pero non que a vitoria fose tan clara e demoledora". Sorpresa pola vantaxe, que cuadriplicou ao triunfo xeral en todo o Estado, que a militancia do PSdeG deu ao ex-secretario xeral nas primarias en Galicia. Esa era a reacción aínda este luns de fontes da xestora galega logo de analizar con detalle uns resultados que reforzan a dirección (provisional) e unha visión de partido contraria á de baróns e veteranos líderes que foron os principais apoios de Susana Díaz no país. 

Venceu con claridade Pedro Sánchez en Galicia, nas sete grandes cidades e en todas as provincias. Triplicou os apoios de Díaz na da Coruña e na de Lugo, sacoulle máis do sobre en Pontevedra e gañou con solvencia -aínda que con menos vantaxe- na de Ourense. Triunfou claramente en todas as urbes, mesmo en Vigo, onde a presidenta andaluza contaba co seu grande apoio, o alcalde e presidente da FEMP, Abel Caballero, que se volveu trabucar nas súas predicións que daban por segura, evidente e lóxica a vitoria. "Foi un varrido total", insisten fontes achegadas á actual dirección do PSdeG, diana dos ataques do rexedor vigués, da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ou do ex-conselleiro e ex-candidato á Xunta, Pachi Vázquez, que este luns mantivo as críticas e estendeunas á decisión das urnas. "A militancia decidiu apoiar a quen fixo desaparecer o socialismo en Galicia; Pilar Cancela, Leiceaga... aí seguen os que puxeron o socialismo galego ao bordo da desaparición", dixo na Radio Galega. 

"A militancia decidiu apoiar a quen fixo desaparecer o socialismo en Galicia", di Pachi Vázquez

A do Carballiño, feudo de Pachi Vázquez, foi -á espera dos resultados completos- unha das poucas agrupacións socialistas onde Susana Díaz superou en votos a Pedro Sánchez. Xunto á de Palas de Rei, lugar de nacemento do ex-ministro José Blanco, ou Becerreá, onde é alcalde Manuel Martínez, vicepresidente da Deputación de Lugo que non hai moito facilitara o goberno do PP na institución provincial. "O PSOE non é un partido asembleario nin podemita", declarou a EFE tras coñecer uns resultados polos que se mostrou "sorprendido". 

O Carballiño, Palas de Rei ou Becerreá foron algunhas das poucas agrupacións onde venceu Susana Díaz

Desde Vigo, con todo, Caballero destacou o triunfo "incontestable" de Sánchez, a quen lle corresponde, dixo, "tomar o temón e marcar o rumbo" do PSOE tras contar "con todo o aval democrático dunhas eleccións primarias cun nivel de participación elevadísimo". Malia iso, non quixo manifestarse ao ser preguntado polas repercusións que o resultado terá no futuro do PSdeG. 

Fernández Leiceaga, quen recibira duras críticas de Caballero durante os últimos meses, amosouse convencido de que o rexedor vigués "aceptará o resultado" e porase "ao servizo" do PSOE e de Sánchez, ao que atribúe unha "gran lexitimidade". Alén disto, e malia que apostou por "non facer extrapolacións" do triunfo do novo secretario xeral ao futuro do PSdeG, si que aceptou que na cita do domingo reproducíronse "aínda máis afirmados" os resultados das primarias dos que saíu elixido candidato á Xunta.

Leiceaga está convencido de que Caballero "porase ao servizo de Sánchez" e asume que as primarias reproducen "aínda máis afirmados" os resultados do proceso celebrado en Galicia

Pola súa banda, Carmela Silva, presidenta provincial en Pontevedra, tamén recoñeceu a vitoria de Sánchez, a quen felicitou, pero dixo optar "polo silencio a partir de agora". "O que toca é silencio dos que non obtivemos a maioría do apoio e actuación dos que si a obtiveron. Non vou falar absolutamente nada de política interna", asegurou logo de amosarse "orgullosísima" de ter apoiado a Susana Díaz, a quen definiu como "grande líder e profundamente socialista"

O seu hómólogo socialista na Deputación de Lugo, Darío Campos, considera que Pedro Sánchez conta "cunha lexitimidade indiscutible, que lle dá toda a forza e responsabilidade para devolver á sociedade a esperanza". Desde a capital provincial, a súa alcaldesa, Lara Méndez, destacou o "apoio importante" obtido polo novo secretario xeral e pediu "pechar filas" e "seguir creando estruturas integradoras" nun "partido vivo". "O que toca no PSdeG é celebrar ese congreso en xuño e establecer un calendario para a elección do secretario xeral; sairemos fortalecidos", engadiu. 

Caballero, José Blanco, Mar Barcón, Ricardo Varela ou Pachi Vázquez foron algúns dos grandes apoios de Susana Díaz en Galicia

É, no fondo, o retrato da división entre os vencedores e os vencidos neste proceso. Por unha banda, os apoios a Susana Díaz, centrados fundamentalmente en veteranos cargos con importante poder institucional no pasado ou hoxe en día. Ademais de Caballero ou José Blanco, a portavoz socialista en Ferrol, Beatriz Sestayo; a ex-voceira na Coruña, Mar Barcón; o ex-ministro Francisco Caamaño; o ex-conselleiro Ricardo Varela ou figuras como García Mira, Laura Seara, Antón Louro ou o ex-rexedor lucense López Orozco. Entre as caras visibles que apostaron por Sánchez, Gonzalo Caballero, Pablo López Vidal, a deputada Noela Blanco, alcaldes como José Miñones e Julio Sacristán ou o secretario do PSOE pontevedrés, Tino Fernández, ademais da deputada galega no Congreso, Rocío de Frutos, unha das parlamentarias que mantivo o non a Rajoy e fora expedientada. 

As feridas aínda abertas

Aquela vitoria de Fernández Leiceaga no proceso interno para elixir candidato á Xunta fronte a Méndez Romeu xa afondara na división e, tamén, nas diferenzas entre dous modelos de cara a futuros acordos coas mareas ou mesmo co BNG. Daquela impuxérase a liña que optaba por un maior entendemento con outras forzas de esquerda fronte a quen divide as súas críticas a partes iguais entre o PP e Podemos ou as candidaturas municipalistas. O triunfo, máis contundente aínda, das teses de Pedro Sánchez semellan tamén abrir a porta a un maior entendemento no espazo do progresismo. 

"Hoxe debe ser o primeiro día dese consenso; non vai haber unha vara máxica que elimine as visións internas; a democracia obriga a aqueles que teñen unha posición minoritaria a colaborar con aquel que ten unha posición maioritaria para sacar adiante o proxecto", dixo a presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, nada máis coñecerse os resultados en Galicia que, dixo, foron "incontestables". Desde dentro da dirección, as palabras son máis directas. "Se cadra é o mellor escenario posible malia o que poida parecer: hai quen agora está obrigado a apostar pola unidade ou pola irrelevancia", din fontes internas.

Desde a dirección do PSdeG cre que agora hai figuras que terán que elixir entre "apostar pola unidade ou a irrelevancia"

"O futuro do PSdeG pasará polo seu propio proceso de participación: o ano pasado foi electoral, este é orgánico; esperemos que remate e poidamos empezar a traballar", asegurou Cancela sobre un futuro próximo que non parece que vaia ser sinxelo nun partido onde a militancia marcou un rumbo claro pero onde algúns dos dirixentes con máis importante cargo institucional non queren seguir ese ronsel. Cicatrizar as feridas depende, e moito, de elixir ben. "Agora é cando hai que acertar", advirten desde a dirección. 

Laura Seara, Pachi Vázquez e Antonio Hernando © PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.