Todas as cidades galegas agás Ourense logran fondos da UE para plans de desenvolvemento sostible

Vista da Coruña © Concello da Coruña

Seis de sete. O Ministerio de Facenda vén de facer público o reparto dos 35,6 millóns de euros que corresponderon a Galicia na segunda convocatoria de axudas para Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI), un programa de fondos europeos canalizado a través do Goberno de España que sufraga proxectos dos concellos -ou de varios municipios agrupados- ata o ano 2020. Tras esta segunda quenda catro candidaturas galegas uníronse con éxito ás 12 que xa lograran fondos na primeira, resolta o pasado outubro. Son, en total, 118 millóns de euros que na Galicia urbana chegarán a todos os gobernos locais agás o de Ourense, cuxo plan canalizado a través da Deputación provincial volveu quedar fóra.

Case o 70% dos fondos EDUSI asignados nesta segunda convocatoria son captados pola Coruña e Ferrol, que non foran seleccionadas en outubro por non obteren puntuación suficiente, o que deu lugar a fortes críticas por parte de cadansúas oposicións municipais. Desta volta o proxecto coruñés logra os 15 millóns de euros que as axudas fixan como máximo para concellos de maís de 100.000 habitantes. No caso ferrolán, que presentou o seu proxecto Ría de Ferrol, Cidade 2020, xunto ao Concello de Narón, a cantidade que chegará dos fondos comunitarios serán 10 millóns de euros, o máximo para cidade ou áreas urbanas de 50.000 a 100.000 habitantes.

A Coruña e Ferrol súmanse deste xeito ás outras catro cidades que xa obtiveran financiamento para cadanseus proxectos EDUSI, todas elas chegando ao límite máximo cofinanciable. Así, o proxecto Vigo Vertical do concello vigués logrou 15 millóns de euros, Pontevedra recibiu 10 millóns para unha nova fase do seu modelo urbano, Santiago captou a mesma cantidade para o seu plan EDUSI e Lugo logrou tamén 10 millóns para o proxecto Muramiñae, centrado en conectar a cidade co río Miño a través da contorna do Carme.

As propostas de 16 concellos galegos serán cofinanciadas polos fondos EDUSI cun total de 118 millóns de euros

Nesta segunda convocatoria foron tamén seleccionados os proxectos de Ames e Arteixo, con cadanseus 5 millóns de euros. Os seus proxectos de desenvolvemento urbano sostible van ter un financiamento comunitario como o que xa lograran en outubro, na categoría de 20.000 a 50.000 habitantes, as propostas formuladas por Redondela, Ponteareas, A Estrada, Vilagarcía, Ribeira e, cun chisco menos de fondos, Marín e Culleredo.

Na banda dos proxectos non seleccionados por non acadaren as puntuacións esixidas -unha "cualificación mínima de 50 puntos" nunha escala de 100, segundo as bases- quedaron desta volta as candidaturas de Cambre, Cangas e Carballo e, xunto a elas, a de Ourense, que tampouco chegou ao mínimo en outubro. A ourensá era a única candidatura impulsada formalmente por unha Deputación, se ben tivo unha participación activa do Concello da capital da provincia en virtude dun acordo "pechado" polo presidente do ente provincial, José Manuel Baltar, co alcalde, Jesús Vázquez, a principios de 2016. O proxecto Conecta Ourense, segundo o avanzado daquela, tería catro eixos: Cidade intelixente, accesibilidade e mobilidade, dinamización turística e conexión e desenvolvemento do espazo metropolitano.

O proxecto de Ourense foi promovido pola Deputación e o Concello, que en xaneiro anunciaran "as modificacións que se teñan que facer" para lograr os fondos

Tras a primeira negativa o rexedor ourensán anunciou que o seu goberno "falaría" co Ministerio de Facenda para "facer as modificacións que se teñan que facer" e lograr os fondos, que estimaba en ata 19 millóns. Neste sentido, un dos vicepresidentes de Baltar, o tamén concello de Promoción Económica da cidade, Jorge Pumar, sinalaba como "algo natural" a ficar fóra na primeira convocatoria pola "competencia" que existe "nunha convocatoria destas características". "Presentarémonos á segunda fase convencidos de que lograremos os fondos", auguraba entre críticas da oposición. Tras a segunda exclusión a única posibilidade para financiar o plan cos Fondos EDUSI sería unha eventual terceira convocatoria, que o Ministerio non dá por segura.

Satisfacción de Ferreiro e Suárez

A Coruña e Ferrol logran 15 e 10 millóns tras ficaren fóra do reparto na primeira convocatoria

Duras críticas da oposición foran tamén as que recibiran os gobernos da Coruña e Ferrol tras ficaren fóra do primeiro reparto. Neste sentido, o alcalde coruñés, Xulio Ferreiro, aplaudiu este luns a "moi boa noticia" da concesión dos devanditos 15 millóns. "Fomos quen de mellorar tecnicamente o proxecto que se presentara na primeira convocatoria" que, resalta, "fora aprobado pero quedara sen fondos". "Sempre dixemos que o proxecto era bo e agora ratificámolo", subliñou tras anunciar o inicio do proceso para "incorporar eses 15 millóns ao orzamento municipal". O proxecto EIDUS Coruña, lembra o rexedor, foi presentado baixo o título A Coruña, cidade cercana e, asegura, vai permitir "desenvolver un proxecto de cidade que ten que ver co aproveitamento do espazo público, coa peonalización das rúas, coa mellora dos mercados e a primacía da mobilidade sostible".

Pola banda ferrolá o alcalde Jorge Suárez, e mais a edil de Urbanismo, María Fernández Lemos amosaron igualmente a súa satisfacción xa que, indica o rexedor, apenas "tres de cada dez estratexias" presentadas lograron financiamento. Para o goberno local, indica, os fondos EDUSI son unha "inxección de optimismo" para poñer a andar a xunto a Narón o proxecto Ría de Ferrol, cidade 2020, un plan estruturado en seis "obxectivos estratéxicos" entre os que Suárez destaca os plans de emprego "para avanzar máis alá do naval", a potenciación "da candidatura a Patrimonio da Humanidade", un eixo de medidas sociais para "mellorar a calidade de vida" ou medidas para "mellorar o aspecto urbanístico" en áreas como Recimil ou Ferrol Vello.

Vista da ría de Ferrol © Concello de Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.