O 80% da delegación galega no congreso do PSOE será afín a Pedro Sánchez

Acto de Pedro Sánchez na Coruña durante a campaña das primarias © Candidatura Pedro Sánchez

Das 1.035 persoas que conformarán o plenario do Congreso Federal do PSOE entre o 16 e o 18 de xuño un total de 56 proceden do PSdeG. E delas, 46 apoiarán as posicións políticas do reelixido como secretario xeral, Pedro Sánchez. As votacións provinciais celebradas nos últimos días, os alcumados como congresiños, afondaron na clara vitoria de Sánchez entre a militancia galega que votou nas primarias -cuadriplicou a vantaxe media que obtivo sobre Susana Díaz no conxunto do Estado- e deron lugar a unha delegación que chegará ao conclave de Madrid decantada nun 80% cara a quen será ratificado como líder. 

A intención explicitada polo equipo de Sánchez para lograr listas de integración que respectasen o resultado das primarias, cumprida na maior parte dos conclaves provinciais, no caso galego só se fixo realidade na Coruña, o que non implica que a cita coruñesa estivese exenta de tensión. A delegación con 14 sanchistas, 4 susanistas e 2 partidarios de Patxi López recibiu 104 votos a favor, 8 en contra e 17 abstencións. Antes, non obstante, membros da plataforma que apoiou a Sánchez nas primarias abandonaron o congreso por considerar que a renovación reclamada pola militancia nas urnas non ficou garantida na candidatura. Esas tensións volvéronse explicitar este domingo nun debate en Radio Coruña.

Só na Coruña foi votada unha lista de integración

Onde a integración non se produciu, nin sequera formalmente, foi en Lugo. Os 11 asentos da provincia no Congreso Federal estarán ocupados por afíns a Sánchez, os da lista encabezada polo alcalde de Pedrafita, José Luis Raposo, que recibiu o 73% dos votos dos 123 participantes -previamente elixidos en votacións locais-. No caso lucense chegou a existir un bosquexo de lista integrada, con 8 afíns a Sánchez e 3 a Díaz. No entanto, factores como a presenza na banda susanista do rexedor de Becerreá, Manuel Martínez, incrementaron o desencontro en torno a unha delegación na que non figuran referentes institucionais como o presidente da Deputación, Darío Campos, ou a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.

En Ourense concorreron unha candidatura 'sanchista' e outra 'susanista', mentres que en Lugo e Pontevedra finalmente só se votaron listas de afíns ao secretario xeral

No congreso extraordinario ourensán a ausencia de lista de integración culminou coa elección entre dúas candidaturas: unha encabezada pola deputada Rocío de Frutos, ligada a Sánchez, e outra liderada polo alcalde de Amoeiro, Rafael Rodríguez Villarino, afín a Díaz. Nun contexto definido pola dirección provincial como de "absoluta normalidade" a votación outorgou 44 votos á lista de De Frutos e 42 á de Villarino, o que deriva en que a representación ourensá será de 5 sanchistas fronte a 4 susanistas.

En Pontevedra, como en Lugo, toda a delegación apoiará a Pedro Sánchez. Nesta provincia só se someteu a votación unha lista, a liderada por Gonzalo Caballero, e logrou 116 votos a favor e 27 en branco. Como recolle Pontevedra Viva, unhas 70 persoas -con ligazóns ás posturas representadas por Abel Caballero ou Carmela Silva- abandonaron a cita para evitar votar xa que, censuraron, non existía un mínimo de "consenso e unidade" para poder participar no proceso. Este escenario, como no conxunto de Galicia, inclina a balanza do Congreso Federal a prol de Sánchez tamén en Galicia, pero non aclara o panorama para ao Congreso nacional galego, aínda pendente de convocar.

'Congresiño' para elixir a delegación de Lugo CC-BY-NC-SA PSdeG Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.