O PP impide investigar os contratos de Villar Mir coa Xunta para non "destruír a democracia"

Villar Mir, nun acto co conselleiro de Industria en 2014 © Xunta

Unha liña argumental prepondera sobre todas as demais do PPdeG no que atinxe aos casos de presunta corrupción que atinxen ao partido e, nomeademente, ao financiamento irregular que a Xustiza deu por certificado en casos aínda en andamento como o da caixa B ou Gürtel. A dirección dos populares galegos aposta, como na campaña das últimas eleccións galegas, por colocar unha barreira de contención política no Padornelo que este martes volveu tentar tender para rexeitar a comisión de investigacións sobre os contratos das empresas do Grupo Villar Mir que, ao fío das revelacións da Operación Lezo, En Marea e BNG propuxeron conxuntamente. Ao contrario do inicialmente esperado finalmente o PSdeG uniuse á petición do resto da esquerda, deixando os conservadores sós nun "non" que, proclaman, defenderon para non contribuíren a "destruír a democracia".

A elección da representante popular no debate amosou ás claras que, fronte ao declarado, o partido que sustenta o Goberno tampouco cinguiu este debate ao ámbito da industria e do futuro das concesións de Ferroglobe -antiga Ferroatlántica-. Quen respondeu á investigación defendida por Luís Villares (En Marea) e Ana Pontón (BNG) non foi o voceiro, Pedro Puy, nin ningún dos membros do Grupo Popular que adoitan encargarse de asuntos económicos ou industriais. Foi a vicevoceira, Paula Prado, para quen o feito de que o xuíz do caso Lezo "non solicitase á Xunta nin un só contrato" proba que a única ligazón do PPdeG coas presuntas irregularidades de Villar Mir son "as malintencionadas inxurias do señor Villares".

A irada intervención de Prado respondía aos discursos de Villares e Pontón, para quen a apertura dunha investigación é o mellor xeito de "deixar o xogo de máscaras" e "permitir que se aclaren as dúbidas", en verbas do voceiro de En Marea. "Esta comisión só pode molestar a quen teña algo que ocultar", coida a líder do BNG, para quen a investigación "xa estaría xustificada" polo feito de que "descaradamente, un empresario imputado por financiamento irregular do PP" estea a "chantaxear a Galiza" coa operación para segregar e vender as centrais da Costa da Morte. "Nin acusamos nin condenamos, só describimos feitos", agrega Pontón, a cuxo xuízo existen "evidencias moi claras de que o foco" da corrupción do PP "non está localizado en Madrid", senón que se "expande".

Villares: "É certo que Villar Mir contrata con gobernos de moitas cores, pero a cor do diñeiro está só posta no PP"

É "certo", anticipou Luís Villares antes da resposta de Prado, que o Grupo Villar Mir "contrata con gobernos de moitas cores". "Pero a cor do diñeiro só está posta no PP" e por iso a Cámara galega non debe "ollar cara a outro lado". "De ser certo o que afirman" a respecto da legalidade das relacións entre a Xunta e as empresas investigadas "nada terían que temer", sinala. "Seguro que o señor Villar Mir estará encantado de resolver as dúbidas" e de paso, sinala, o lexislativo galego podería "saber como se financia cadaquén" e "se alguén vai dopado ás eleccións". As comisións de investigación, lembra, "non teñen por misión investigar delitos", senón "aclarar dúbidas en sede parlamentaria e defender os intereses da cidadanía".

Pontón: "Esta comisión só pode molestar a quen teña algo que ocultar"

Neste contexto, a agardada dureza da xustificación do PP para vetar a investigación semellou acrecentada polo feito de que o PSdeG, a través de Juan Díaz Villoslada, anunciase o seu voto a prol malia ver pouco "rigor" na formulación da porposta. "Se xorden irregularidades actuarase en consecuencia e se non, a sombra da sospeita desaparecería", indicou o socialista. Tras os discursos de En Marea, BNG e dos socialistas Paula Prado accedeu á tribuna para clamar que "non todo vale". "Xa sabemos", dixo a popular, que En Marea "irrompeu" para "destruír as institucións, destruír a democracia e a nobreza da política", uns "vimbios podres" que non serven para "levantar o país". 

Villoslada: "Se xorden irregularidades actuarase e se non, a sospeita desaparecerá"

"Con nós non conten para destruír a democracia", proclamou Prado, quen enmarca o rexeitamento á comisión no "compromiso" con quen "nos votaron para protexelos de vostedes, os que non cren na democracia", dixo en referencia a En Marea. Aínda que o grupo encabezado por Villares centrou as súas acusacións, a parlamentaria da dereita incluíu tamén o Bloque na súa intervención para reprochar a ambos que "pretandan facer unha investigación prospectiva" malia "non coñecer un só contrarto que poida ser fraudulento". "Non se poñen do lado da xustiza" porque "queren axustizar", acusou entre sospeitas sobre o financiamento de ambas formacións e referencias "aos que ocupan casas", "actos violentos" e mais ao Goberno de Venezuela.

Paula Prado: "Non se poñen do lado da xustiza, queren axustizar"

"O que desprestixia a política é a corrupción xeralizada do PP", retrucou Ana Pontón, para quen Prado amosa que non pasou o "curso de primeiro de democracia" ao obviar que "as comisións de investigación non están para investigar o que se investiga nos xulgados", senón "cuestións de interese xeral", como estipula o Regulamento. "Por que teñen medo a que se investigue? A que poida vir o señor Villar Mir e nos explique a cambio de que fixo a xenerosa doazón á Fundación Fraga?", preguntou. "O imputado" por financiamento irregular "no é o PP de Madrid, é o PP de España, en cuxa cúpula directiva está Núñez Feijóo, mala sorte", concluíu Villares, quen augura un "final" no que a Xunta autorizará as solicitudes de Ferroatlántica. "Saben quen son os seus amigos", resalta.

Luís Villares, durante o debate da comisión de investigación CC-BY-SA En Marea
Pontón, defendendo a creación da comisión CC-BY-NC-SA BNG
Juan Díaz Villoslada, deputado do PSdeG, durante o pleno © Parlamento de Galicia
Prado, durante a defensa da negativa do PP á comisión CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.