En Marea e BNG escenifican o seu apoio ao referendo convocado en Catalunya para o 1 de outubro

Concentración no Obradoiro a prol do referendo catalán do vindeiro 1 de outubro Dominio Público @obloque

Máis dunha cuarta parte da representación parlamentaria en Galicia apoia o referendo de autodeterminación que a Generalitat vén de convocar para o vindeiro 1 de outubro. A cidadanía de Catalunya está chamada a responder en menos de catro meses á pregunta de se "desexa que Catalunya sexa un Estado independente con forma de República". O apoio claro de Junts pel Sí -que agrupa independentes, a antiga CiU e ERC- e a CUP á consulta e o menos contundente de Catalunya Si que es Pot (CSQP) reprodúcese no país na defensa que da votación prevista fan BNG e En Marea -que acumulan máis do 25% da representación na Cámara-, ademais doutros colectivos do ámbito nacionalista. 

Representantes de En Marea e BNG participaron na concentración da ANC deste sábado no Obradoiro

Tanto o Bloque como En Marea escenificaron o seu explicitado apoio ao referendo coa presenza de varios dos seus dirixentes na concentración que a Assemblea Nacional Catalana (ANC) levou a cabo no mediodía deste sábado en Compostela baixo o lema Isto vai de democracia. Na praza do Obradoiro, a delegación en Galicia do colectivo catalán a prol do dereito a decidir xuntou apenas cento de persoas nun acto que foi apoiado tamén por Anova, Cerna, Agora Galiza, Causa Galiza, Briga, PCPG, Compromiso por Galicia, Erguer, Galiza Nova, polos sindicatos CIG e CUT ou colectivos como Ceivar, Mar de Lumes, SDC.Condado e a Gentalha do Pichel.

O escritor Suso de Toro foi o encargado de ler -en galego, catalán, castelán e inglés- o manifesto, no que se demandou un Estado que "protexa" os seus cidadáns e que lles permita "decidir o seu destino libremente" en lugar de "encerralos". "Estamos aquí pola democracia e a liberdade", engadiu para asegurar que "non se pode construír un país democrático sometendo os cidadáns pola forza", á vez que criticou "a utilización partidista" que, en opinión da convocatoria, se fai en España dos fiscais e da "policía política secreta".

"Non queremos ser carcereiros dos nosos compatriotas", seguiu De Toro, quen reclamou un "cambio de actitude" por parte do Executivo central, a quen recriminou os seus "ataques contra o Estatu" ou a campaña de hostilidade" contra o soberanismo. 

"Non se pode construír un país democrático sometendo os cidadáns pola forza", di o manifesto que leu Suso de Toro

No acto, os participantes votaron simbolicamente nunha urna cunha pancarta de fondo na que podía lerse Isto vai de democracia. Entre os votantes atopábanse a deputada do BNG no Parlamento, Montse Prado; o voceiro do mesmo partido en Compostela, Rubén Cela; a portavoz nacionalista, en Bruxelas, Ana Miranda; o membro da coordinadora de En Marea Mario López Rico; a senadora do PDeCAT Beth Abad; ou Joam Péres, de Causa Galiza, entre outros. Tanto os representantes do Bloque como do espazo de confluencia reivindicaron o dereito a decidir do pobo catalán e insistiron na "cuestión democrática" que supón poder poñer urnas.

Ana Miranda, Rubén Cela, Montse Prado ou Mario López Rico participaron na moblización

A concentración deste sábado repetirase tamén en Euskadi un día antes de que en Catalunya estea prevista tamén unha mobilización en apoio do referendo para este domingo. 

 

En Marea, BNG ou Anova, coa consulta

Xa horas antes, tanto En Marea como o BNG emitiran senllos comunicados nos que deixan claro o seu apoio á consulta fixada polo Govern catalán para o vindeiro 1 de outubro. O espazo de confluencia advertiu que defende "o dereito radical e democrático das nacións a decidir", polo que "saúda positivamente a convocatoria de referendo para decidir se a cidadanía catalá está de acordo para constituír un Estado baixo a forma de República". Así, a formación lembra que no seu documento político, aprobado en Santiago o decembro pasado, propugna a defensa do "dereito a decidir, a decidilo todo, como un dereito fundamental". "Decidilo todo implica tanto a toma de decisións respecto ás políticas que afectan directa e indirectamente á vida das persoas coma o propio dereito de autodeterminación como pobo", di o documento. 

En Marea di "saudar positivamente" o referendo" e lembra que sempre defendeu "o dereito radical e democrático das nacións a decidir"

O Bloque, pola súa banda, di "apoiar a celebración da consulta vinculante" anunciada polo presidente da Generalitat ao entender que "nunha situación na que a maioría da sociedade catalá quere votar para decidir o seu futuro, ningún demócrata se pode opor a que se lle consulte ao pobo e se acaten os resultados".

A formación nacionalista "lamenta" que o Goberno español "se negase en banda a acordar un referendo pactado e vinculante como se teñen realizado en Escocia ou no Quebec" e lembra que institucións e organizacións catalás "intentaron todas as vías posíbeis para cumprir co mandato de consultar ao pobo de Catalunya". O BNG denuncia que o Executivo de Rajoy "non só respondeu con reiteradas negativas e menosprezos ás institucións e á sociedade catalá, senón que desencadeou unha escalada represiva que pasou por riba de calquera hipotética separación de poderes e chegou até o enxuizamento de diversos cargos políticos". 

O BNG reitera a súa "solidariedade coa sociedade catalá, coas forzas que reclaman unha ruptura popular e un proceso constituínte"

O BNG "reitera a súa solidariedade coa sociedade catalá, coas forzas políticas que reclaman unha ruptura popular e un proceso constituínte" e cre que a convocatoria do referendo "abre un novo escenario político no estado no que Galiza non pode estar ausente". Ademais, aclara que "cada pobo ten as súas realidades e os seus propios ritmos", pero di "comprometerse a traballar activamente para lograr que Galiza sexa tamén protagonista na superación do actual marco autonómico e na consecución dun novo estatus político". 

Ademais, formacións como Anova -integrada en En Marea- expresaron tamén o seu apoio á consulta e entende que "a non celebración do referendo sería un atentado contra a vontade popular, elemento fundamental para entender a democracia", visto o masivo apoio a ela na sociedade e no Parlamento autonómico. "Agardamos que antes ou despois a lexítima aspiración dunha República Catalá construída para servir aos intereses da maioría social sexa posible e se poña en práctica", di nun comunicado. Outra organización soberanista, Cerna, tamén saudou o referendo do 1 de outubro como "un paso adiante para o exercicio do dereito á autodeterminación". 

Pola súa banda, en En Marea, ao igual que ocorre en Catalunya, as posturas sobre o referendo teñen matices. No grupo de CSQP, por exemplo, Catalunya en Comú -a nova coalicion de Ada Colau á que se incorporaron ICV e EUiA- mostrouse contraria a pactar co Govern os termos do referendo, alegando que é este quen terá que explicar as condicións nas que o pensa celebrar. Con todo, aseguran que chamarán á participación na consulta, aínda sen recoñecerlle o carácter vinculante.

Podemos fixou unha posición coa que se opoñen á celebración dun referendo non pactado, mentres que o seu filial catalán, Podem, leva a cabo un proceso participativo no que as bases se posicionarán sobre a decisión final do partido. Con todo, o líder da formación estatal, Pablo Iglesias, asegurou a EFE que "poñer urnas non é ilegal" e considera "perfectamente lexítima" a celebración da consulta.

Votación simbólica no Obradoiro a prol do referendo Dominio Público @obloque

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.