Todo segundo o previsto. A segunda xornada do debate da moción de censura formulada por Unidos Podemos contra o Goberno de Mariano Rajoy foi rexeitada no mediodía deste mércores polo pleno do Congreso con 170 votos en contra (PP, Ciudadanos, Coalición Canaria e as escisións popular UPN e Foro Asutrias), 82 a prol (o grupo propoñente e as súas confluencias, Compromís, Esquerra e Bildu) e 97 abstencións (PSOE, PDeCAT, PNV e Nueva Canarias). Ante un resultado agardado o líder de Podemos aproveitou para animar o PSOE a sentaren a negociar unha nova censura cara ao horizonte posterior ao verán.
Os reproches e descualificacións tiveron este mércores unha maior presenza no debate que no seu inicio, marcado pola confrontación dialéctica de Mariano Rajoy coa voceira do grupo propoñente, Irene Montero, e mais con quen formalmente foi candidato a remudalo na presidencia. Esa tensión marcou as intervencións e retruques entre Iglesias e o presidente de Ciudadanos, Albert Rivera, quen o acusou de "preguiceiro" no ámbito parlamentario e considerou que "se Podemos non existise, Rajoy non sería presidente".
Así e todo, o protagonismo da intervención do líder do partido laranxa ficou diluída por se producir antes da máis agardada da xornada, a do socialista José Luis Ábalos, quen combinou o "agradecemento" polo "convite" a sumarse á iniciativa e o "ton" de Iglesias coa lembranza do "non" que impediu a Pedro Sánchez ser electo presidente na primavera de 2016. Como se agardaba, Ábalos apostou por marcar distancias; fíxoo lembrando un documento interno no que Podemos apostaba pola confrontación cos socialistas e tamén instándoos a sumárense á reprobación do ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, que anuncia como inminente.
Referencia a Galicia
Gómez-Reino: "Ímolo censurar pola corrupción, pero tamén polas súas políticas co meu país"
A segunda xornada foi tamén a das fugaces referencias a Galicia no debate da censura, no marco da intervención de Antón Gómez-Reino como voceiro de En Marea. "Ímolo censurar pola corrupción, pero tamén polas súas políticas co meu país", dixo Gómez-Reino a Rajoy, a quen reprochou aspectos como a prórroga que permite a ENCE "seguir contaminando" a ría de Pontevedra, o seu veto á transferencia de competencias sobre a AP-9 ou "estragar o noso sistema financeiro", co "agasallo" do Banco Pastor ao Santander como último episodio. O líder conservador, reprochou, é tamén responsable de "que non teñamos trens de cercanías" ou do "desmantelamento do rural" e "dise galego, pero baixa un 30% os orzamentos para Galicia".
Gómez-Reino contrapón a xestión de Rajoy coa de concellos como A Coruña, Santiago ou Ferrol, aos cales tamén aludiu Iglesias na súa resposta. "Galicia é un deses territorios nos que os concellos do cambio están demostrando que somos unha alternativa de goberno, porque sabemos gobernar mellor", dixo en resposta Gómez-Reino, de quen dixo que o axudou "cando eramos activistas" a "entender a realidade nacional galega" a través do "pensamento de Xosé Manuel Beiras".
A lea de Hernando
Con todas as posicións xa fixadas o peche da quenda de grupos foi para o popular Antonio Hernando, quen mantivo con Iglesias o debate máis enlamado dos dous días da moción de censura. Hernando contrapuxo unha "España que volve ir ben, si, si" para despois retrucar ás acusacións de corrupción con referencias a Irán ou Venezuela e lanzar unha insinuación sobre a vida privada do candidato e a voceira do seu grupo, Irene Montero, o que suscitou mostras de rexeitamento en boa parte das bancadas da esquerda. "Non vou dicir que o discurso da señora Montero estivo mellor que o de vostede, non vaia provocar algo nesa relación", ironizou. "Falei dunha relación política", dixo despois, entre o balbordo.
A lista de acusacións de Hernando, que ligou o modelo de España do PP á do mozo asasinado nos recentes atentados de Londres mentres tentaba protexer a unha das vítimas do ataque, culminaron cunha descualificación xeral de Iglesias, "un mercenario ás ordes" de Nicolás Maduro. Os conservadores, gabouse, seguirán á fronte dun Goberno ao que define como "honrado, decente e honesto".