1977: As eleccións que fixaron os límites do posible

A UCD, liderada na Coruña por Meilán Gil, foi a gran dominadora dos comicios en Galicia durante a Transición (cartel electoral de 1979) © Deputación da Coruña

O mércores 15 de xullo de 1977 tiveron lugar as primeiras eleccións democráticas en España en 41 anos. Uns comicios xerais rexidos aínda polas leis da ditadura (a Lei para a Reforma Política aprobada polas Cortes franquistas) e coa participación libre da maior parte das forzas políticas (mais non de todas), pero que abriron o camiño que levou ao actual sistema democrático. As eleccións viñeron precedidas de tres semanas de campaña e caracterizáronse no conxunto de España por unha elevada participación (78.83%), a maioría simple de UCD (165 deputados) e a hexemonía do PSOE na esquerda. 

En Galicia, no entanto, os comicios tiveron un funcionamento diferente, comezando por unha abstención moitísimo máis elevada (39.27%), sobre todo nas zonas rurais (acadou o 48% en Ourense e o 43% en Lugo). E, ademais, UCD acadou unha maioría moitísimo máis ampla, asentada tamén nun control absoluto nas localidades máis pequenas. Os centristas fixéronse do 53,7% dos votos e 20 dos 27 escanos en xogo, con 4 escanos e o 13,13% para a AP de Manuel Fraga e 3 escanos e o 15.52% para o PSOE. Entre o resto da esquerda e o nacionalismo, moi fragmentados, o PSP de Tierno Galván obtivo o 4.7% dos votos, o PCE o 3.03%, o PSG o 2.41% e o BNPG o 2.02%.

Os resultados das eleccións do 15 de xuño outorgáronlle á UCD (capitaneada en Galicia por Pío Cabanillas, José Luis Meilán Gil, José Manuel Otero Novas, José Rivas Fontán, Antonio Rosón ou Eulogio G. Franqueira) o dominio absoluto da política galega ata o esfarelamento da formación entre 1980 e 1981, comandando ademais a Xunta preautonómica (que tivo de presidentes a Antonio Rosón e a José Quiroga) e o proceso estatutario, que se abriría en 1979. O primeiro número de Teima tralas eleccións amosaba na súa portada, nunha composición sobre o cadro A rendición de Breda, a Meilán Gil entregando as chaves de Galicia a Adolfo Suárez ao tempo que lle dicía "Galicia é súa, señor". No editorial da revista, titulado: Galicia, ¿en segunda división?, alertábase de que "Xa se oíron voces advertindo de que as autonomías non poden ser iguais para todos, ou sexa, que para uns serán e para outros non".

No nacionalismo, os resultados levaron a inmediatas crises en BNPG (de onde marchou, entre outros, Camilo Nogueira para formar o Partido Obreiro Galego) e PSG, de onde se escindiu o Colectivo Socialista Galego de Ceferino Díaz, José Luis Rodríguez Pardo e Fernando González Laxe, que ingresaron nun PSdeG-PSOE necesitado de cadros. O finado Ceferino Díaz explicaba nunha entrevista que "dentro do PSG había unha certa inmadurez, e pensábase que este proceso democrático era provisional, que despois chegaría a ruptura, así que non había que enmerdarse moito nisto. Pero xa había moitos que pensabamos que non era así. Despois chegaron as eleccións e vimos como non pintabamos nada, que a xente que ía aos nosos actos ía tamén aos actos do PSOE, o voto foi un voto histórico e nós íamos diante do país. Unha das cousas que me fixo tomar a decisión definitiva de marchar foi cando escoito na dirección 'o pobo equivocouse' un demócrata non pode dicir iso, o pobo non se equivoca, equivocámonos nós que non soubemos conectar con el, coa realidade".

No campo da esquerda sorprendeu precisamente a elevada porcentaxe de voto dun Partido Socialista case sen estrutura en Galicia, pero que se beneficiou pola lectura dos comicios en clave estatal, do elevado nivel de coñecemento de Felipe González e da fortaleza histórica da marca do PSOE. E, sobre todo, os malos resultados de PCG e do PSG de Xosé Manuel Beiras. Neste senso, Carlos Barros -daquela responsable de comunicación do PCG- explicaba que "viviamos coa idea de sendo nós o partido principal na loita contra a ditadura e esperabamos superara a outros partidos que non xogaran ese papel. Tiñamos a idea de que o PC podía conseguir un resultado que levase a un sistema de partidos parecido ao francés ou parecido ao italiano, de feito a socialdemocracia alemá estaba moi inquieta porque pensaba que na esquerda se ía formar un sistema dese tipo, cun PSOE moi feble. Polo tanto o cativo resultado e o feito de que un partido que non xogara en Galicia case ningún papel nos sobrepasase, chocounos moito. O batacazo foi enorme".

Teima publicou que UCD gastara en Galicia uns 12 millóns de pesetas, por 10 millóns de AP ou 10-11 por parte do PSOE; e os restantes partidos só puideron acceder a cantidades moito máis pequenas

Con todo, estes resultados cómpre contextualizalos nunha campaña electoral na que os partidos pequenos contaban con moi escasos medios e menores posibilidades de acceso aos medios de comunicación. Como mostra, a revista Teima publicou pouco despois dos comicios que UCD gastara en Galicia uns 12 millóns de pesetas, por 10 millóns de AP ou 10-11 por parte do PSOE; e os restantes partidos só puideron acceder a cantidades moito máis pequenas: PSP, dous millóns; RSE, millón e medio; PCG, 1.200.000 pesetas; a democracia cristiá, menos dun millón; o PSG, entre seis e setecentas mil pesetas e menos de medio millón o resto dos partidos.

 

Fraga, en mangas de camisa

Outro dos grandes derrotados das eleccións foi a Alianza Popular liderada por Manuel Fraga, que reunía a algunha das personalidades máis coñecidas da ditadura (os chamados "sete magníficos", como Arias Navarro, Utrera Molina ou Fernández de la Mora). Con todo, Galicia foi un dos lugares nos que o xerme do actual PP obtivo os seus mellores resultados. En calquera caso, a campaña dos populares deixou unha das imaxes destas semanas. O 6 de maio, en Lugo, o propio Manuel Fraga descendeu do estrado no que estaba dando un mitin para encararse e mesmo perseguir a un grupo de persoas que protestaba contra el. Na crónica publicada por La Voz de Galicia o día seguinte, titulada "Fraga, en mangas de camisa, se enfrentó con los interruptores del acto de Alianza Popular en Lugo", destacábase que "el secretario general de AP había descendido del estrado dispuesto a encaminarse hacia la grada desde donde partieron las voces. Recorrió un corto trecho, pero fue convencido de que abandonase la idea”. O xornalista tamén informaba de que “un grupo de muchachos del servicio de seguridad de AP (serían unos 20) saltó por las vallas (...) para encararse contundentemente con los que chillaban (...) en escena aparecieron cadenas, cinturones, porras y guantes de cuero".

Unha semana despois das eleccións (o 22 de xuño de 1977) Francisco Pillado foi substituído por Juan Ramón Díaz á fronte de La Voz de Galicia

As eleccións de 1977 fixeron así mesmo estoupar definitivamente o conflito interno que se vivía en La Voz de Galicia entre María Victoria Fernández España, número 1 de AP pola provincia da Coruña e neta do fundador da cabeceira, e o director do diario, Francisco Pillado (que vetara a entrada nas oficinas do xornal ao propio Manuel Fraga), xornalista de esquerdas e galeguista. Unha semana despois das eleccións (o 22 de xuño de 1977) Francisco Pillado foi substituído por Juan Ramón Díaz, tralas presións de Augusto Assía e Mª Victoria Fernández España (que propoñían outros nomes máis conservadores). O detonante final fora a negativa de Pillado a publicar unha crónica de Mº Victoria Fernández España do mitin de Manuel Fraga na Coruña, que tivo que ser inserido finalmente como Publicidad Política de pago, remitida por Alianza Popular.

 

A UCD, liderada na Coruña por Meilán Gil, foi a gran dominadora dos comicios en Galicia (cartel electoral de 1979) © Berto Yáñez
O PSOE fíxose coa hexemonía no campo da esquerda (cartel dun mitin celebrado en 1979) © Berto Yáñez
Cartel do PSG en 1980 © UAB
Cartel do PCG durante a Transición © UAB
Cartel do BNPG durante a Transición © UAB

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.