Homenaxe á 'Comisión dos 16' e ao Estatuto que non chegou a ser

Capa do libro de Manuel Reimóndez Portela © Editorial Galaxia

O 9 de abril de 1979 os integrantes da Comisión dos 16 entregáronlle ao presidente da Xunta preautonómica, Antonio Rosón, o anteproxecto de Estatuto de Autonomía, coñecido a partir dese momento como Estatuto dos Dezaseis. O texto, superior ao de 1936 e moi semellante ao que nese momento estaba a piques de aprobar Cataluña, sufriu importantes recortes no seu trámite parlamentario no Congreso, sendo finalmente aprobado unicamente cos votos de UCD e xerando unha importante reacción social impulsada por concellos, forzas de esquerda e a prensa galega.

Boa parte deses recortes (mais non todos) foron revertidos un ano despois nos Pactos do Hostal, de xeito que o texto finalmente votado en referendo e hoxe vixente é esencialmente o redactado por aquela Comisión. Con todo, mentres que o actual Estatuto naceu nun contexto de indiferenza (cunha participación do 28% no referendo de decembro de 1980) e grazas a un pacto de última hora entre elites políticas, o dos 16 caracterizouse pola súa redacción participada e o respecto á diversidade ideolóxica de Galicia, pois nel traballaron representantes de ata sete forzas políticas: UCD, PSOE e AP, que acadaran representación no Congreso polas provincias galegas en 1977, e PCG, POG, PG e PTG, que foran convidadas á Comisión, converténdose ademais en grandes protagonistas do proceso (PSG e BNPG, tamén convidadas, rexeitaron participar). Polo camiño perdeuse a posibilidade de que a autonomía galega nacese nun ambiente de entusiasmo e de reivindicación consciente do seu autogoberno.

O Parlamento concederá en abril a súa medalla aos dezaseis políticos que redactaron o anteproxecto do actual texto estatutario

Os integrantes desta Comisión dos 16 serán homenaxeados esta primavera, recibindo a medalla do Parlamento de Galicia, nun acto que terá lugar o vindeiro 6 de abril, coincidindo co 36 aniversario da promulgación do Estatuto. A Mesa da Cámara galega, que aprobou o recoñecemento, considera que a achega destas 16 persoas e a de todas as demais que colaboraron e participaron nos traballos da Comisión, “resulta ineludible” na conmemoración do 35 aniversario do Parlamento. Así pois, recibirán a medalla Luis Cordeiro, Víctor Vázquez Portomeñe, Lutgarda García Boente, Pablo González Mariñas, Pablo Padín, Ramón Álvarez Cid, Francisco Puy, José Vázquez Fouz, Luis Sobrado, Camilo Nogueira e Fernando Solla. E, a título póstumo, Luis Cordeiro, Manuel Reimóndez Portela, Juan Manuel Álvarez, Manuel Vázquez Río, Indalecio Tizón e Anxo Guerreiro.

Capa do libro de Manuel Reimóndez Portela © Editorial Galaxia

O Estatuto dos 16

A Asemblea de Parlamentarios Galegos, constituída o 25 de xullo de 1977, acordou designar unha comisión composta por dezaseis representantes de partidos, con e sen representación parlamentaria, para elaborar unha proposta de Estatuto de Autonomía. O atraso no proceso de conformación dos órganos de autogoberno levara á convocatoria de grandes manifestacións o 4 de decembro de 1977

O Estatuto dos dezaseis caracterizouse por unha vontade de consenso, de representación de todas as forzas políticas e de aproveitamento do teito que a Constitución permitía para o autogoberno galego. Garantíase a cooficialidade do galego e a iso engadíase o vencellamento dos poderes públicos ao potenciamento do galego e a obrigatoriedade do seu coñecemento, dado o seu carácter de lingua propia de Galicia. Practicamente desaparecían as deputacións provinciais e asegurábase a redivisión territorial en función das formas propias de Galicia: a parroquia rural, o concello e a comarca. Na xustiza, prevíase a creación dun Tribunal galego con competencia exclusiva na resolución en última instancia das cuestións referentes ao Dereito Civil de Galicia.

A diferenza das sucesivas modificacións que sufriría nos meses seguintes, non se fixaba un tope mínimo para a consecución dun escano na asemblea autónoma, o número de membros da cámara se estipulaba entre 100 e 125 e, asemade, marcábase unha distribución provincial dos escanos proporcional á poboación da cada unha delas, aínda que garantindo unha compensación xusta para Lugo e Ourense. En canto ás competencias, o proxecto dos dezaseis acadaba o teito máis alto previsto pola Constitución, e mesmo incluía disposicións financeiras e de intervención económica (Banca Pública e recadación de impostos mediante o sistema de recargas).

O Estatuto dos dezaseis caracterizouse por unha vontade de consenso, de representación de todas as forzas políticas e de aproveitamento do teito que a Constitución permitía para o autogoberno galego

Posteriormente, unha nova comisión formada por 9 parlamentarios (na que UCD impuxo a súa maioría) modificou algúns elementos do borrador estatutario, que nomeadamente afectaron ao rango e funcionamento das deputacións, cuxas estruturas seguirían existindo á marxe (en paralelo) á autonomía. A Xunta quedaba, ademais, privada de competencias para regular certos aspectos do sistema educativo galego, da economía e dos medios de comunicación. E en canto á lingua, desaparecía do Estatuto o deber de coñecer o idioma galego. O texto foi así aprobada pola Asemblea de Parlamentarios.

Portada de La Voz de Galicia do 22 de novembro de 1979 Dominio Público Praza Pública

O recorte definitivo: a aldraxe

En outubro e novembro o texto chegou á Comisión Constitucional do Congreso, onde necesitaba do apoio da UCD e o PSOE para ser aprobado. O consenso ao que se chegara en Galicia e os precedentes catalán e vasco (que aprobaran os seus estatutos en referendo en outubro, despois dun trámite parlamentario sinxelo) auguraban unha resolución rápida. Pero o conto foi outro. As modificacións que efectuou a Comisión Constitucional nos meses de outubro e novembro de 1979 afectaron a temas fundamentais do Estatuto, coma as competencias ou a organización territorial. 

A transformación máis importante foi a coñecida como Disposición Transitoria terceira (nun comezo, artigo 32.4), que definía a delimitación unilateral por lei das Cortes Xerais nas materias competenciais compartidas, e eliminaba a iniciativa do Parlamento autónomo para a súa cesión, tendo que agardar á vontade (mesmo sine die) do Congreso. É dicir, na práctica, o Estatuto nacía sen competencias, estaba baleiro. No Congreso modificouse tamén o número de deputados do Parlamento, xa que o artigo 11.5 pasaba a fixar o número de entre 100 e 125 a “entre setenta e oitenta”. Asemade, fixábase un tope mínimo do 3% sobre o censo para que unha lista electoral puidese obter representación no Parlamento.

En setembro de 1980 o Pacto do Hostal eliminou unha boa parte dos recortes que foran introducidos no Congreso. Con todo, non se recuperaron algúns elementos máis ambiciosos e, sobre todo, a autonomía naceu carente de entusiasmo social

O texto foi aprobado só cos votos da UCD no medio de importantes manifestacións en Galicia, vixilias en prazas e concellos e a reacción editorial de xornais como La Voz de Galicia e El Ideal Gallego, acompañada de artigos de opinión e posicionamentos públicos de intelectuais e entidades sociais e profesionais, que denunciaban un trato discriminatorio con Galicia, cun Estatuto de moita menor entidade que os que obtiveran Cataluña e Euskadi. O obxectivo era utilizar a Galicia e Andalucía como fronteira para Estado das Autonomías. Os seus serían os primeiros estatutos de rexión.

En setembro de 1980 o Pacto do Hostal, impulsado por UCD, AP e PSOE, eliminou unha boa parte das restricións e recortes que foran introducidos no Congreso. Con todo, non se recuperaron algúns elementos máis ambiciosos que si estaban presentes no proxecto dos 16. E, sobre todo, o acordo chegou sen entusiasmo e participación social, determinando en boa medida a construción da autonomía galega nos anos seguintes.

Editorial de El Ideal Gallego do 17 de novembro de 1979 Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.