0 Gardados para despois

A Garda Civil denuncia ao Concello de Gondomar por sinais en galego de hai unha década

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


A Garda Civil de Gondomar volve evidenciar que ten un problema coas linguas oficiais do Estado español. Hai dous anos a Defensora del Pueblo censurou que un veciño da vila non puidese ser atendido en galego polos axentes dese cuartel, que argumentaron que descoñecían a lingua. Desta volta, a Garda Civil destinada na vila vén de denunciar ao propio Concello de Gondomar por tres carteis de tráfico rotulados só en galego. A denuncia prodúcese agora malia que os carteis levan máis dunha década colocados.

A lei di que as indicacións escritas que leven os sinais de tráfico deben estar, polo menos, en castelán, e ademais na lingua cooficial da comunidade autónoma que a teña. Porén, o rechamante do caso é que os tres sinais agora denunciados levan máis dunha década instalados cos textos só en galego nos accesos a un instituto e a un polígono industrial. Son sinais vermellos con franxa branca claramente recoñecibles de dirección prohibida nos que se incorporaron textos en galego que contemplan a excepción de que si poidan circular máis alá deles o profesorado do centro e os usuarios do polígono.

Desde que están instalados, o municipio foi gobernado a maioría do tempo polo PP, pero a sanción chega agora que está á fronte un bipartito de PSdeG e Manifesto Miñor

Durante os anos que levan os sinais instalados, o goberno local de Gondomar estivo a maioría do tempo en mans do PP, pero a sanción chega agora que goberna un bipartito de PSdeG e Manifesto Miñor, que encabezan respectivamente o alcalde socialista Paco Ferreira e Antonio Araujo, que fora rexedor previamente polo BNG. Este último, tenente de alcalde no goberno actual, considera “un disparate” a denuncia, que entende que é un ataque contra o galego desproporcionado por producirse agora malia que os sinais levan anos instalados.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.