A Xunta fai oficial o peche dos dous colexios comunicado no remate do curso escolar

Alumnado e familias de Outes, contra o peche do Emilio Navasqüés CC-BY-SA Praza Pública

Os retallos de información que chegaron ás comunidades educativas de catro localidades galegas na véspera do fin do curso escolar e que as sacaron á rúa xunto a docentes, estudantes e familias doutros concellos polas mudanzas nos planteis de profesorado. O Diario Oficial de Galicia recolle este martes os efectos concretos da "reorganización de centros docentes" en Outes, As Pontes, Ribadavia e O Porriño que, como anticiparan nos municipios atinxidos, implica o peche de dous colexios, o envío do seu estudantado a outros centros e mais a "transformación" doutros dous.

Os colexios que botan o ferrollo son o CPI Monte Caxado das Pontes e o Emilio Navasqüés de Outes. O colexio pontés "extínguese", tal e como reflicte o decreto da Consellería, e por mor deste peche é trasladado o alumnado das súas 17 unidades (3 de Infantil, 6 de Primaria e 8 de ESO). Os estudantes de Infantil e Primaria son trasladados ao CEIP A Magdalena e os de Secundaria, ao IES Moncho Valcarce. No caso do Emilio Navasqüés a fórmula legal para o seu peche é a da "integración": fica fusionado co colexio Serra de Outes e dá lugar a un centro con nova denominación, CEIP de Outes, con 6 unidades de Infantil e 12 de Primaria.

O CPI Monte Caxado das Pontes "extínguese" e o Emilio Navasqüés de Outes desaparece pola vía da fusión

No caso dos CPI Tomás de Lemos de Ribadavia e da Ribeira, no Porriño, a mudanza principal consiste na perda dos niveis da ESO. No colexio ourensán as ensinanzas de Secundaria son trasladadas ao IES do Ribeiro e no porriñés, ao IES Ribeira do Louro, ambos nos mesmos concellos. Unha vez realizadas estas operacións a Consellería "determinará as necesidades e a situación do profesorado dos centros afectados", xa que no caso do persoal con praza perden o seu destino.

Centro Concello Operación Destino
Emilio Navasqüés Outes Fusión  Unido ao ao CEIP Serra de Outes co nome CEIP de Outes
CPI Monte Caxado As Pontes Extinción Infantil e Primaria: CEIP A Magdalena
ESO: IES Moncho Valcarce
CPI Tomás de Lemos Ribadavia Transformación Infantil e Primaria: no centro
ESO: IES o Ribeiro
CPI da Ribeira O Porriño Transformación Infantil e Primaria: no centro
ESO: IES Ribeira do Louro

Alén da concreción dos peches e traslados o decreto deste martes inclúe tamén unha ampla xustificación política da decisión, na que a xestión da información xerou practicamente a mesma controversia que os propios peches. Esta "revisión da rede de centros", di a Consellería, obedece á "realidade sociolóxica e educativa" e á necesidade de "optimización dos recursos". As mudanzas, indica, realízanse "garantindo a escolarización de forma satisfactoria do alumnado afectado, sen menoscabo dos seus dereitos a recibir unha educación de calidade e "respectando as esixencias de ratio e de postos de traballo docentes".

A Xunta asegura que esta "optimización de recursos" obedece á "realidade sociolóxica e educativa" e terá "efectos pedagóxicos positivos"

Sempre segundo o decreto, esta "reorganización" vai traer consigo "efectos pedagóxicos positivos para o alumnado de Educación Infantil e Primaria" porque "o traslado permitirá aos centros dispoñer de máis espazo" e o profesorado poderá "centrarse en proxectos educativos máis acordes coa tipoloxía do alumnado".  Pola banda da ESO, di a Consellería, o alumnado vai ser "beneficiado" porque se vai "integrar en grupos de estudo máis amplos" que "permiten aumentar a oferta educativa en determinadas materias que necesitan un número mínimo" de estudantes e, ademais, "participará dunha contorna socioeducativa máis afín nun centro no que poderá cursar tamén o bacharelato.

Esta xustificación política do Goberno galego contrasta coas críticas das comunidades educativas afectadas, das centrais sindicais e da oposición parlamentaria galega. A xuízo da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, convocante das mobilizacións da pasada semana, a Xunta obviou os "proxectos educativos" dos centros afectados e está a xestionar colexios como se fosen "establecementos económicos", sen ter en conta as súas repercusións sociais e económicas. Os peches e fusións, agregan, semellan responder máis a "unha ocorrencia tras outra" que a un plan a medio ou longo prazo.

CPI Monte Caxado das Pontes Dominio Público CPI Monte Caxado

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.