O macroalbergue de peregrinos que a Xunta de Manuel Fraga construíu a principios dos anos 90 no Monte do Gozo, que nos últimos anos caera nun notable abandono, vén de ser licitado polo Goberno galego para que unha empresa privada o repare e xestione e, a cambio dos beneficios que obteña, lle entregue un canon anual. Segundo os pregos de condicións, ese canon deberá ser de polo menos 85.000 euros ao ano, cifra que pode ser incrementada nas ofertas que reciba, pero a propia Xunta fai unha estimación de beneficios anuais do complexo que oscilan entre os 350.000 euros previstos para 2019 e os 800.000 euros para 2027, período que inclúe dous anos xacobeos, en 2021 e 2027.
O Goberno galego vén de sacar a concurso a xestión privada do complexo, con capacidade para 620 peregrinos que pagarían entre 10 e 15 euros por noite
O Goberno galego xa iniciou varias actuacións de recuperación da deteriorada contorna exterior do complexo, con melloras paisaxísticas e a construción de dúas piscinas que supoñan un atractivo para os potenciais usuarios do recinto, actuacións nas que prevé investir un total de 1,2 millóns de euros. Pero a reforma interior dos edificios, que suporá outro tanto, correrá por conta da empresa que tamén os xestione durante a próxima década.
O concurso agora convocado pola Xunta inclúe a mellora e xestión posterior de 18 dos pavillóns do complexo, con capacidade para 620 persoas repartidas en 248 habitacións, ademais dos servizos de cafetería, autoservizo, sete espazos comerciais e as dúas piscinas agora construídas pola Xunta. A empresa que resulte adxudicataria deberá investir na remodelación un total de 1,2 millóns de euros, dos que 660.000 se corresponden ás obras e outros 540.000 á renovación do mobiliario e instalacións interiores. O complexo reformado deberá entrar en servizo a máis tardar o 1 de xullo do próximo ano. Porén, a Xunta non comezará a cobrar o seu canon anual ata comezos de 2021, cun período inicial sen pagamentos por parte da empresa para axudala a recuperar o seu investimento.
A Xunta prevé que no complexo se aloxen 96.000 persoas en todo o ano 2019, o primeiro íntegro en funcionamento, e incrementos posteriores como as 120.000 estimadas para o xacobeo de 2021
Co complexo en funcionamento, as contas da Xunta contemplan que a empresa comercialice os aloxamentos a prezos que oscilan entre os 15 euros por persoa en habitación dobre con aseo e os 10 euros por persoa en habitación tripla sen aseo, e o seu uso non estará limitado só aos peregrinos durante unha noite senón que poderá utilizalos calquera turista ou mesmo viaxes escolares e do Imserso durante varios días. As estimacións que baralla o Goberno galego son dun total de 96.000 aloxamentos en todo o ano 2019, o primeiro exercicio íntegro en funcionamento, e con incrementos posteriores como os 120.000 estimados para o ano xacobeo de 2021. A estas cifras hai que engadir outros ingresos, como o gasto medio en restauración de 6,25 euros por persoa e día que fai a Xunta para o primeiro ano en funcionamento. Con estas e outras cifras, a Xunta estima uns ingresos totais da adxudicataria de 1,9 millóns de euros en 2019, ou de 2,5 millóns en 2021.
Estimación de ingresos e gastos previstos pola Xunta para a concesionaria do complexo do Monte do Gozo
Mesmo no escenario menos optimista dos previstos pola Xunta, a concesionaria obtería en 2019, o primeiro ano íntegro en funcionamento, un beneficio neto de 130.000 euros
Canto aos gastos, que a Xunta estima nun total aproximado duns 1,5 millóns de euros anuais, ademais do investimento inicial na remodelación do complexo a concesionaria deberá dispor dun mínimo de 24 traballadores. Con estas e outras cifras, o estudo de viabilidade, que a Xunta encargou á consultora Estudio Técnico Gallego SA, contempla, unha vez amortizado o investimento inicial na remodelación, un beneficio neto de explotación tras impostos de 350.000 euros para 2019, o primeiro ano íntegro e funcionamento, ou de 800.000 euros para 2027, ano xacobeo e tamén o último da concesión. Se a concesión se prorroga por outros cinco anos máis, posibilidade que contempla a Xunta no actual prego, os beneficios seguirían a incrementarse. Os cálculos da Xunta tamén contemplan escenarios menos optimistas, pero incluso cun incremento dos gastos do 10% e unha redución de beneficios de outro 10%, a concesionaria obtería uns beneficios netos de 130.000 euros en 2019 e de 460.000 euros en 2027. En calquera dos escenarios, a Xunta só aspira a recibir como canon anual un mínimo de 85.000 euros entre 2021 e 2027.