O goberno local de Ourense queda sen cartos para servizos sociais. Así o manifestou este xoves o seu alcalde, o popular Jesús Vázquez, nunha rolda de prensa acompañado polo resto de concelleiros do PP. Nela anunciou a convocatoria dun pleno extraordinario para dentro dunha semana no que reclamará ao PSOE que apoie unha modificación de crédito de 1,6 millóns de euros que poña fin a unha situación "dramática", segundo as súas propias palabras, ao ter baleira a caixa da que dependen centros cívicos, diversas prestacións sociais, a asisencia a domicilio, bolsas para libros, albergues ou comedores.
Vázquez convoca un pleno extraordinario para o vindeiro xoves e pide ao PSOE que apoie unha modificación de crédito de 1,6 millóns
Jesús Vázquez -que goberna Ourense cunha prórroga dos orzamentos de 2014, as derradeiras contas que deu aprobado o daquela alcalde socialista- advirte a oposición, e nomeadamente o PSOE, da situación "gravísima" que se daría de non aprobarse o que considera un simple "trámite administrativo". "Porque diñeiro hai", explica. "Trátase das necesidades da xente que máis o precisa", advertiu na comparecencia o rexedor, cuxo goberno foi posto como exemplo de "estabilidade" polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
O alcalde asegurou que o "problema" na área social do Concello non tiña "nada que ver" coa mala xestión política da concelleira de Benestar Social, Sofía Godoy, de quen o PSOE pide a súa dimisión para poder apoiar esa modificación de crédito. Vázquez asegura que foron "trámites administrativos e circunstancias persoais como baixas" as que provocaron esta situación. Tardouse en resolver un recurso administrativo entre dúas concesionarias dun dos servizos municipais e paralizouse o pagamento de facturas ata novembro. Ao estar ausente a funcionaria que debería asinar os pagos, estes non se puideron facer antes de que finalizase o ano, polo que se acabaron sacando fondos do servizo para este exercicio.
Deste xeito, ao estar xestionándose o Concello cun orzamento prorrogado desde 2014, a concellería quedou sen eses 1,6 millóns para rematar o presente ano, polo que o goberno do PP piden que se saquen do remanente que queda e que Vázquez cifrou en máis de 53 millóns de euros, "como acredita un informe de Tesoureiría".
O PSOE esixe a destitución da concelleira Sofía Godoy para aprobar o modificativo de crédito
Desde a oposición, o voceiro do PSOE en Ourense, José Ángel Barquero, asegura que o que pide o goberno local é o apoio dunha modificación de crédito "para taparlle as vergoñas á concelleira de Benestar Social", á que acusa de "gastar todos os recursos dispoñibles" no seu departamento para un ano "en catro meses". "O alcalde ten que depurar responsabilidades e destituír a Godoy; a partir de aí estamos dispostos a falar pero non imos asinar un cheque en branco", di. Jesús Vázquez, pola súa banda, cualifica de "chantaxe" a posición dos socialistas.