Por "consolidar a democracia, o sentimento galeguista e a identidade" de Galicia dentro da "gran nación española". Esa foi a principal razón pola que o PPdeG e Novas Xeracións decidiron celebrar o seu único acto oficial co gallo do Día Nacional de Galicia -catro xornadas antes do 25-X- cunha homenaxe a Manuel Fraga, fronte ao seu busto na súa vila natal de Vilalba.
O PPdeG celebra o seu único acto oficial polo Día Nacional de Galicia cunha homenaxe a Fraga en Vilalba catro días antes
A poucos metros da casa onde naceu o presidente fundador do Partido Popular, o portavoz da formación no Parlamento galego, Pedro Puy, tirou de estatísticas para destacar como Fraga "consolidou a democracia e o sentimento galeguista", xa que ao chegar ao goberno da Xunta "un 40% das persoas sentíanse tan galegos como españois" e a cifra aumentou até o 60% ao final do mandato, mentres descendía a porcentaxe dos que se declaraban só españois ou galegos. Para o voceiro na Cámara, o ex-presidente da Xunta "reforzou o sentimento autonomista" e a "identidade" propia de Galicia pero dentro, aclarou, "da gran nación española e da construción europea".
O acto estivo marcado polas protestas contra o peche do CPI Monte Caxado das Pontes
Puy foi un dos protagonistas dun acto marcado polas protestas dunha vintena de persoas chegadas desde As Pontes e que aproveitaron a presenza de altos cargos do PP en Galicia para protestar contra o peche do CPI Monte Caxado, anunciado a poucas horas de rematar o curso xunto co doutros centros que xa non volverán abrir no vindeiro setembro. Varios pais de alumnos do colexio esixiron que non se leve a cabo a medida anunciada pola Consellería de Educación durante as intervencións de varios persoeiros.
Entre eles, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, que asegurou que "o galeguismo é o trazo ideolóxico diferencial" da súa formación, algo que definiu como "a reivindicación dunha terra que ten capacidade para ser prósopera, de producir por si mesma e de adaptarse como calquera aos novos tempos" fronte á postura, dixo, daqueles que "o entenden como a reivindicación dun país que se reprega sobre si mesmo". Ao tempo, defendeu o galeguismo "desde a apertura ao exterior" e a "vontade de cooperación cos que están ao lado e cos que están lonxe" e "non desde a confrontación ou o rexeitamento ao diferente".
Tellado considera o galeguismo como "o trazo ideolóxico diferencial" do PP en Galicia
Tellado, ademais, reivindicou o labor do PPdeG á fronte da Xunta, as continuas vitorias electorais da súa formación no país e os datos económicos froito dunha "xestión seria e rigorosa" desde a posición política "que máis se parece a Galicia".
Pola súa banda, Elena Candia, presidenta do PP de Lugo, asegurou que hai "moitas cousas que agradecerlle" a Manuel Fraga, sobre todo a súa "honrosa e honorable traxectoria" de servizo público a través dos distintos cargos que tivo. A tamén alcaldesa de Mondoñedo gabou a figura do que tamén foi ministro do goberno ditatorial franquista porque "co seu traballo foi quen de transformar Galicia e de poñer en valor o noso patrimonio material e inmaterial".