"A unidade que nos interesa é a dos galegos e galegas fronte ao centralismo caduco". O BNG volveu mobilizar este 25 de xullo un amplo volume da súa base militante e simpatizante para secundar o acto central dos actos da formación soberanista polo Día da Patria, a manifestación que xuntou milleiros de persoas no centro de Santiago baixo o lema Galiza, a nación que compartimos e na que a portavoz nacional da organización, Ana Pontón, apelou á "unión útil" do país "contra a discriminación" e na reivindicación do seu carácter nacional.
"É o momento de dar pasos cara a adiante", proclama a líder nacionalista, que presenta o Día da Patria do 2017 como un punto de inflexión na reivindicación política do Bloque. Así, no inicio da marcha na Alameda compostelá a tamén parlamentaria subliñou o chamado por "superar o Estatuto de Autonomía, que deamos un paso adiante "para "construír un novo horizonte" no que "se nos recoñeza como unha nación" e iso se traduza en "instrumentos" como "unha facenda propia".
"Se un país precisa o nacionalismo, ese é Galiza", resumiu Pontón ao inicio dunha manifestación que desta volta estivo encabezada por unha gran bandeira galega co escudo da serea deseñado por Castelao, xusto diante dunha comitiva de bombos e gaitas envolvidos en enseñas do BNG que daban paso a outra bandeira galega estreleira de maiores dimensións e, á súa vez, á pancarta principal da mobilización, a da Executiva Nacional da formación. Berros de "Galiza ceibe, poder popular" e a prol da autodeterminación e a independencia xuntáronse un ano máis no percorrido da manifestación con outras reivindicacións como as de colectivos feministas, dos emigrantes retornados, a do persoal afectado pola segregación das centrais de Ferroatlántica ou o rexeitamento a ENCE.
O BNG aposta por "superar o Estatuto de Autonomía" para "construír un novo horizonte no que se nos recoñeza como nación"
A música de Caxade e do tamén deputado Xosé Luís Rivas, Mini, puxeron banda sonora na Praza da Quintana, que o acto do BNG ateigou amplamente, á espera polo discurso final de Pontón, quen incidiu na idea de que a formación nacionalista encetou unha nova xeira tras o seu recente proceso asemblear. "Fixemos algo tan sinxelo como transgresor, confiar nas nosas ideas e no noso pobo" e "tirar cara a adiante". "E aquí está o BNG de volta, forte e renovado", proclamou entre aplausos. O Bloque, asegura, vive un momento "para ser optimistas"
"Aquí está o BNG de volta, forte e renovado", di Pontón
Á base social nacionalista cómprelle, di Pontón, un "pacto pola esperanza" nun "país e nun mundo diferentes" e nun momento en que Galicia debe optar entre "quedar como estamos, retroceder" ou "aspirar a todo, ter ambición" de acadar un "poder político real". Nesa disxuntiva, advirte, no caso galego é o Bloque a opción que representa "a política transformadora", a que "vai á raíz e move o statu quo". "Nada hai máis transgresor neste momento que ser nacionalista", asegurou xunto a un chamado a seguir o exemplo dos "xestos transgresores" de mulleres como Rosalía de Castro ou Rosa Parks. Por iso "convida" a "todas as persoas que levan Galiza no corazón a suparse ao novo BNG". "O noso país -dixo- precisa dunha grande organización coa cabeza e no corazón na nosa sociedade, leal aos nosos intereses".
A xuízo de Pontón o país non pode agardar por "ese Feijóo que en campaña tivo a revelación mariana de ser militante de Galiza" pero que "rompe o carné de Galiza e fica co do PP", pero tampouco pola "esquerda española" que "tampouco qeuda atrás cando se trata de ignorar a Galiza". "A única esperanza de ruptura democrática está nas nacións sen Estado", conclúe nun contexto no que, asegura, dende o BNG "non lle imos fallar ao noso pobo".