0 Gardados para despois

Villares reivindica as mareas cidadás e "unha nación alegre, solidaria e combativa"

Redacción | @prazapublica

Luís Villares, voceiro nacional de En Marea, compareceu este martes no acto da súa formación polo Día da Patria para reivindicar un espazo político que sexa "Fénix e voe das cinzas que deixaron outros", herdeiro dun "movemento de rebelión cidadá" escenificado sobre todo nas mareas cidadás e nunha "nación alegre e solidaria, combativa e defensora do ben común". Ademais, aproveitou para facer un chamamento a construír unha "alternativa de esperanza". "Agora é o momento, cando non hai eleccións", dixo. 

Villares fai un chamamento a construír "unha alternativa de esperanza". "Agora é o momento, cando non hai eleccións", dixo

No parque compostelán de Vista Alegre, En Marea celebrou o seu acto central baixo o lema A Galicia que Queremos, nun acto lúdico-festivo con intervencións de representantes de colectivos sociais, sanitarios, animalistas, medioambientais que pechou Villares. O voceiro da formación comezou condenando "o acto covarde de violencia machista que volveu onte como un iceberg dunha estrutura patriarcal que non se resiste a deixar de ser un cancro da nosa sociedade"  para facer logo un percorrido pola "estafa xerada pola crise, dende os recortes en servizos sociais, o empeoramento da sanidade, da educación, do ensino, das pensións, onde se nos rouba o futuro".

Villares fixo referencia tamén ao "millón de vacas que nos roubaron no rural, ou as 2.300 familias que quedaron sen casa o ano pasado e as 108.000 persoas desempregadas a maiores que temos dende hai oito anos" e denunciou o clima de corrupción xeralizada que deu lugar a unha Galicia resignada, minguada e sen dereitos. "Non queremos esta Galicia, non queremos este país, as maiorías sociais non queren isto para o seu presente e moito menos para o seu futuro", denunciou, tras advertir que foi por todo iso polo que "agromou" ese movemento de rebelión cidadá. 

O portavoz pon as mareas locais como "primeiro exemplo de traballo de unidade popular e de empoderamento cidadán"

O portavoz de En Marea gabou o "proxecto cidadanista" que ten nas mareas municipais "o primeiro exemplo de traballo de unidade popular e de empoderamento cidadán onde ninguén está por riba da cidadanía" e lembrou que estas mareas son amén to exemplo para o todo país dunha espazo en construción "permeable, onde non se lle pide filiación nin carnés a ningúen".

Logo, en declaracións aos medios, tamén se referiu á "árbore dos desexos" que integrou En Marea no seu acto festivo de hoxe como un exemplo dun cambio de fase dunha En Marea de impugnación, "agora estamos na fase do compromiso, de deseñar unha alternativa en triple clave: ruptura democrática con participación plena da cidadanía, reconfiguración do carácter plurinacional do Estado e unha blindaxe clara dos dereitos sociais, como a renda social básica ou unha vivenda digna.

Por outra banda, no acto político falaron tamén representantes de diversos colectivos como SOS Sanidade Pública, Salvemos A Fracha, Arelas, Boa Vida, Amarante ou Libera. O acto continuou cunha sesión vermú, amenizada pola Fanfarria Taquikardia e un xantar campestre.

© En Marea

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.