Oroso plántase ante Fomento polo enlace da AP-9 que leva meses rematado e pechado

Obras no enlace de Sigüeiro da AP-9 © Concello de Oroso

Oroso érguese contra Fomento. O Concello convocou para este venres unha "manifestación pacífica" para reivindicar a "apertura inmediata" do enlace sur da AP-9 en Sigüeiro, unha obra solicitada por primeira vez polo municipio hai quince anos e cuxas obras  están rematadas desde o pasado mes de maio pero coa infraestrutura aínda pechada e "sen posibilidade de uso nin ningunha xustificación lóxica". 

O Concello convoca unha manifestación para este venres co apoio de todos os grupos da corporación

A protesta conta co apoio de todos os grupos da corporación municipal (PSdeG, PP, BNG e Son de Oroso) e o Concello "anima a participar a toda a veciñanza, así como aos axentes sociais e económicos e aos colectivos sociais, educativos, deportivos, culturais e veciñais que integran a sociedade do municipio". A marcha saírá ás 20.30 horas da praza Isacc Díaz Pardo, diante da Casa do Concello, para rematar na entrada da auoestrada. 

Oroso demanda a apertura do enlace para "facilitar as viaxes directas de ida e volta tanto á capital galega como a todo o sur da comunidade, evitando as dificultades que desde hai anos presenta a estrada N-550, saturada de tráfico e cun claro déficit de conservación". Así o aclara o manifesto lido no pleno deste xoves e aprobado tamén por todos os concelleiros da corporación. 

Un manifesto asinado por todos os grupos pide a posta en servizo do enlace da AP-9, cuxas obras están rematadas desde maio

"A posta en servizo do novo enlace da AP-9 en Sigüeiro será proveitosa tanto para particulares como para empresas, tanto para as que están radicadas aquí como as que chegarán atraídas por esta nova facilidade de comunicación, e tanto para o concello como para o conxunto da comarca e da súa área de influencia", explica o manifesto, que destaca "o esforzo e a paciencia e a xenerosidade" que Oroso ten demostrado para "ver materializada" esta obra. 

"Son quince anos de espera, pendentes das decisións dos cargos de distinto signo político que pasaron polo Ministerio de Fomento", lémbrase no texto, no que se recorda tamén que tras a petición de 2002, as obras foron "aprobadas polo Consello de Ministros en novembro de 2011". "Houbo que agardar case catro anos, ata marzo de 2015, para ver a maquinaria traballando sobre o terreo, deténdose aos poucos meses. Logo de varios episodios similares e continuos, chegamos á situación actual, coas obras rematadas desde finais de maio pero coa infraestrutura pechada, sen posibilidade de uso e sen ninguna xustificación lóxica", indica. 

"É unha necesidade irrenunciable e inaprazable que o Ministerio de Fomento abra á circulación o enlace sur da AP-9 en Sigüeiro sen perder un minuto máis"

Toda a corporación do Concello, onde goberna o PSdeG con maioría absoluta, cre que "non é tempo de xulgar a xestión pasada do proxecto" porque "cada un é quen de sacar as súas propias conclusións", senón de "mirar cara adiante e facer que canto antes estea ao servizo da sociedade e dos sectores produtivos". "É unha necesidade irrenunciable e inaprazable que o Ministerio de Fomento abra á circulación o enlace sur da AP-9 en Sigüeiro sen perder un minuto máis", reclama. 

No manifesto exprésase que "pode chegar a ser comprensible que unha construción deste tipo sufra atrancos durante a súa execución", pero que "non é defendible nin presentable que estea rematada e non se poida utilizar". Por iso, a corporación convoca a manifestación para "esixir o funcionamento inmediato dunha infraestrutura esencial para o municipio e a súa contorna", e chama aos distintos axentes sociais e económicos a sumarse coa súa participación.

Pleno do Concello de Oroso © Concello de Oroso

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.