O PSdeG-PSOE expulsa o seu edil en Coristanco e desactiva a moción de censura

Casa do Concello de Coristanco CC-BY-SA Jglamela

Non haberá moción de censura en Coristanco. O PSdeG-PSOE presentou este mércores un escrito no rexistro do Concello que supón o cese do seu único edil (Abraham Gerpe) como voceiro municipal, pasando a integrar o grupo dos non adscritos, o que condena ao fracaso a hipotética moción na que os votos do PP converterían a Gerpe en rexedor. En virtude da Lei Antitransfuguismo o voto de Gerpe non tería valor, polo que o apoio dos 6 concelleiros populares serían insuficientes para expulsar da alcaldía a Amancio Lavandeira (Terra Galega), ao non poder sumar nin a Gerpe nin a ex-TG Verónica Facal.

A pesar de non contar cos votos necesarios, Gerpe asegura que seguirá adiante coa moción de censura, prevista para este venres ao mediodía

Péchase así un longo proceso dunha moción de censura que nos últimos meses pairou pola política da localidade, entre as acusacións lanzadas por concelleiros de Terra Galega de intentos de suborno para a apoiar a operación. E tamén un longo enfrontamento entre Gerpe e o PSdeG-PSOE, que dado que o edil non era militante non podía expulsalo, tendo que recorrer ao seu cese como portavoz municipal. A pesar da súa expulsión e da aparente imposibilidade de éxito da manobra, Gerpe asegura que seguirá adiante coa moción de censura, prevista para este venres ao mediodía.

Evaristo Ben (PP) culpou do rexeitamento da moción de censura "á radicalización que viven os socialistas"

No PP, pola súa banda, recoñece que "non se dan as condicións legais para unha moción de censura" e afrma que "o Partido Popular sempre cumpre coa lei e as institucións". Con todo, o vicesecretario xeral do PP na Coruña, Evaristo Ben, cargou contra os socialistas, sinlando que "o PSOE prefire condenar a Coristanco e aos seus veciños a unha situación insustentable e de ingobernabilidade total antes que gobernar este Concello cos votos do Partido Popular". Evaristo Ben culpou do rexeitamento da moción de censura "á radicalización que viven os socialistas". 

Pola súa banda, Terra Galega declarou que "hai certo cheiro a podre nesta moción de censura" e a través do alcalde Amancio Lavandeira acusou o PP de "optar por un silencio sospeitoso".

Nas eleccións de 2015 Terra Galega accedeu a un Goberno municipal que estivera ocupado polo PP dende 1991

Nas eleccións de 2015 Terra Galega accedeu a un Goberno municipal que estivera ocupado polo PP dende 1991 (e anteriormente por un rexedor de CP). Nos últimos meses oito concelleiros do anterior Goberno municipal popular, entre eles o ex alcalde, foron denunciados por prevaricación, tráfico de influencias e malversación de caudais públicos.

 

Casa do Concello de Coristanco CC-BY-SA Jglamela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.