0 Gardados para despois

Baiona planifica un campo de golf no alto dun monte comunal e di que pode regalo co que alí chova

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Un campo de golf no alto dun monte de propiedade comunal sen abastecemento nin ríos próximos que se regue a maior parte do ano coa auga do que alí chova e que acumule en balsas propias a cantidade necesaria para autoabastecerse nos meses en que non chove. Iso é o que di que é posible construír no alto da serra da Groba un estudo de viabilidade que o Concello de Baiona vén de expor ao público despois de que hai dous anos a Xunta amosase as súas dúbidas sobre a información “confusa e contraditoria” sobre as necesidades hidráulicas do recinto que daquela se barallaban. O goberno local do PP asegura que o actual é un “documento de desenvolvemento urbanístico, non construtivo, co que traballar no futuro” e non se marca prazos nin di saber de ningunha empresa interesada en acometer un proxecto do que di que o campo de golf é só unha parte máis, malia que sexa a máis extensa, do que denomina como a “maior área deportiva da provincia”.

O goberno local do PP di que é só un estudo de viabilidade por se no futuro algunha empresa está interesada e salienta o reducido impacto ambiental e paisaxístico, algo do que a Xunta dubidou hai dous anos

O estudo de viabilidade foi elaborado por unha consultora con fondos achegados ao Concello cando o alcalde era o agora conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, por parte da Deputación de Pontevedra durante o mandato do tamén popular Rafael Louzán. O documento herdouno o actual alcalde, primo e man dereita do ex-rexedor, Ángel Rodal Almuiña, que vén de expolo ao público.

En 2015, cando o Concello someteu o documento inicial do proxecto a avaliación ambiental por parte da Xunta, esta amosou dúbidas sobre o que consideraba “información confusa e contraditoria ao respecto das necesidades de consumo de auga precisas para o mantemento do campo de golf” e do xeito en que se prevía obtela, prevendo mesmo a posible escavación de pozos. O documento agora exposto ao público di que a auga de chuvia permitiría por si soa manter o campo durante boa parte do ano mentres que varias balsas distribuídas polo recinto permitirían almacenar para os momentos do ano máis secos a auga de escorrentía sobrante e que, pola situación do campo, doutro xeito acabaría no mar sen outro tipo de aproveitamento.

Terreos nos que se asentaría o campo de golf no alto da serra da Groba, coa costa de Oia ao fondo. [Foto: Google Street View]

A zona é coñecida pola súa poboación de cabalos salvaxes e está próxima a espazos cuxa incorporación á Rede Natura está paralizada desde hai anos polo actual goberno galego

Naquel informe ambiental da Xunta, o Goberno galego tamén sinalou que o complexo se situaría nun monte catalogado como de alto risco de incendios e indicou que “a zona noroeste do ámbito [que ocuparía o recinto] foi afectada por un incendio forestal no ano 2014”. É no alto da serra da Groba, xusto no límite co concello de Oia, lonxe de calquera núcleo habitado e a 8 quilómetros do centro turístico da vila, xunto a unha estrada provincial e nunha zona coñecida pola súa poboación de cabalos salvaxes próxima a espazos cuxa incorporación á Rede Natura está paralizada desde hai anos polo actual goberno galego. O complexo non inclúe ningún aproveitamento residencial nin hoteleiro senón un único edificio a xeito de sede social cun restaurante ou cafetería e os redactores do plan argumentan o seu limitado impacto ambiental e paisaxístico. Ao seu redor habilitaríanse varias pistas deportivas descubertas, piscina, pistas hípicas e mesmo unha “zona de deportes aéreos” destinada aos numerosos practicantes de parapente e ala delta que adoitan lanzarse tanto cara Baiona como cara Oia desde diversos puntos da serra da Groba. O plan inclúe tamén a construción dun “curro e dos espazos necesarios para a recepción e cercado dos cabalos ao aire libre”, similar ao tradicional que xa existe nas súas proximidades e que varias voces presentan como unha chiscadela aos comuneiros propietarios do terreo para que non se opoñan ao proxecto se alguén decide impulsalo.

O complexo requiriría dun investimento de 14 millóns e o estudo di que sería rendible tanto para o Concello como para a iniciativa privada, pero o goberno local di non coñecer de ninguén interesado

Todas estas instalacións, que ocuparían unha superficie total de 675.000 metros cadrados, a maioría deles para o campo de golf, construiríanse en dúas fases que suporían un investimento total duns 14 millóns de euros. Segundo o estudo de viabilidade, “respecto ao impacto nas Facendas Públicas, tanto a opción da explotación directa do servizo polo Concello, como a través dun Concesionario resultan sustentables economicamente”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.