Villoslada, Caballero e Leiceaga comezan a carreira cara ao liderado do PSdeG

Gonzalo Caballero, Fernández Leiceaga e Díaz Villoslada CC-BY-SA Praza Pública

O PSdeG comeza a súa carreira cara a un novo liderado. Os tres aspirantes á secretaría xeral do partido nas primarias do vindeiro 8 de outubro rexistraron este luns as súas precandidaturas, á espera agora de reunir cadanseus avais necesarios -máis dun milleiro, o 10% da militancia- ata o vindeiro día 20 e certificar a súa candidatura. A acreditación de Juan Díaz Villoslada, Xoaquín Fernández Leiceaga e Gonzalo Caballero deron a saída a un percorrido que xa tivo a súa primeira polémica na fin de semana tras a alusión ao pasado laboral nos gobernos de Fraga dun dos inscritos.

Villoslada, Caballero e Leiceaga rexistraron a súa precandidatura e agora teñen ata o día 10 para xuntar os avais necesarios

Foi o economista vigués Gonzalo Caballero quen o domingo dixo que non lle convencía que o PSdeG fose dirixido "por quen foi subdirector xeral ou directora xeral nos gobernos de Fraga Iribarne". Non era só un ataque a Villoslada, subdirector xeral de Administración Local en tempos PP, senón tamén á xestora do partido, xa que a súa presidenta, Pilar Cancela, exerceu de directoral xeral de Relacións Laborais cos populares. "Os socialistas de base, daquela, estabamos traballando contra as maiorías absolutas de Fraga en Galicia e de Aznar en Madrid", insistiu.

Caballero aludiu ao cargo que ocupou na Administración durante o Executivo de Fraga o candidato Villoslada, que pide "xogo limpo"

Villoslada, tras rexistrarse como precandidato, apelou ao "xogo limpo" e asegurou que lle chamaba a "atención" ou ben a "falta de coñecemeno sobre a función pública e a súa estrutura" por parte de Caballero ou, pola contra, "un comentario que pode ser malitencionado". "O partido precisa unha nova etapa e non abrila con formas vellas de actuar", engadiu logo de pedir aos compañeiros que sexan "construtivos" e non "destrutivos". "Levamos certo tempo nesa dinámica e este tipo de formas de usar unha biografía ou un currículo profesional non creo que sexa o que os militantes queren", rematou quen anunciou doce compromisos, dos que destacou "a necesidade de reforzar as canles de participación da militancia, así como a rendición de contas por parte dos cargos socialistas”.

"O partido precisa unha nova etapa e non abrila con formas vellas de actuar", contestou Villoslada

Gonzalo Caballero, que foi o último en inscribirse, chegou á sede socialista en Compostela acompañado do avogado Pablo Arangüena e do depuado José Antonio Quiroga. Lonxe de botarse atrás, o candidato vigués insistiu que non lle "convencía, como militante de base" que o líder do PSdeG fose un antigo cargo nos gobernos de Fraga e dixo estar "moi tranquilo" polas súas palabras. Ademais, advertiu que leva "20 anos participando no debate de ideas" do partido e que continuará así. 

"Non vou caer en confusión ningunha do proceso, pero hai que definir tamén que tipo de proxecto, de referente e de actuación se pretende", engadiu, tras proclamarse orgulloso de ter loitado "contra os políticos e tamén as políticas da dereita". 

O outro aspirante, Xoaquín Fernández Leiceaga, acudiu a primeira hora ao Barco para participar nunha protesta contra a supresión das áreas sanitarias no seu papel de voceiro parlamentario do partido. Foi un representante da súa candidatura, Blas García, quen rexistrou a súa precandidatura. Desde Valdeorras, o que fora tamén candidato á presidencia da Xunta pediu que o proceso que agora se abre na formación veña marcado por “un debate transparente e claro, no que haxa a máxima participación da militancia”. Ademais, chamou á unidade como “factor imprescindible para recuperar o papel protagonista que debe ter o Partido Socialista en Galicia”, recalcou.

Leiceaga pediu "deixar atrás as divisións e non preguntarlle a ninguén que fixo nos procesos anteriores"

En referencia ás polémicas, Leiceaga reclamou “deixar atrás as divisións e non preguntarlle a ninguén que fixo nos procesos anteriores, senón que está disposto a facer no futuro”, ademais de “deixar xa" de ocuparse "dos debates internos para dirixirnos directamente á sociedade” e "dar solución aos seus problemas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.