O curso escolar comezará con máis de cen obras sen rematar nos colexios

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, nunha visita ás obras nun colexio de Tomiño Dominio Público Xunta de Galicia

A Xunta programou 617 traballos de mellora por 15,7 millóns e rematou só o 80%. “O resto as iremos finalizando nas próximas semanas”, di Feijóo a catro días do inicio das clases.

“A piques de comezar o curso escolar”, a catro días do inicio o próximo luns das clases, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fixo balance este xoves das obras de reparación, mantemento e mellora que está a realizar o Goberno galego nos centros educativos. Segundo el mesmo salientou, a Xunta programou un total de 617 traballos, dos que “a data de hoxe máis do 80% desas obras están finalizadas”. O 20% restante, o que supón máis dun cento delas, “as iremos finalizando nas próximas semanas”, dixo Feijóo. Un balance que a Xunta fai despois de que nas últimas semanas diversos portavoces locais do PP veñan criticando a lentitude dos Concellos que non gobernan os populares á hora de contratar ou executar traballos ou servizos relacionados coas instalacións educativas que son de competencia local, como algúns comedores ou obras de acceso.

Segundo os detalles que ofreceu o Goberno galego, a Xunta destina 28,7 millóns a obras de mellora dos centros educativos, dos que preto da metade, uns 13 millóns, van destinados a “oito grandes actuacións cuxa tramitación comezou en 2016 e que se seguiron executando en 2017: a construción do novo CEIP de Culleredo e do novo IES de Soutomaior; o novo pavillón do CEIP Felipe de Castro, en Noia; e as ampliacións do CEIP As Mercedes (Lugo), da EOI de Ourense, do IES Francisco Asorey (Cambados), do IES Laxeiro (Lalín) e do IES de Teis (Vigo).

Segundo o Goberno galego, actuouse en centros de 180 concellos galegos nos que estudan uns 115.000 alumnos

As outras máis de seiscentas actuacións, ás que a Xunta destinou 15,7 millóns de euros, son de menor entidade e supuxeron actuar en centros educativos de 180 concellos nos que estudan uns 115.000 alumnos. Uns traballos que, segundo o Goberno galego, permitiron crear 2.000 empregos durante a súa execución. Sobre a súa tipoloxía, Feijóo indicou que 163 foron para o acondicionamento xeral dos centros, 113 destináronse a reparar as cubertas dos edificios debido as incidencias causadas polo clima e outras 69 supuxeron melloras nas instalacións de fontanería e calefacción. Segundo indicou a Xunta, “as obras que levaron unha maior parte do orzamento foron as destinadas a mellorar a eficiencia enerxética dos centros de ensino: máis de 3,6 millóns de euros”.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.