Primeiros actos en apoio do referendo catalán en Galicia e primeiro veto

Membros do BNG e ERC amosando nun acto en Santiago un cartel do referendo como os que incautan as forzas de seguridade CC-BY-SA Praza Pública

Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, organizou este martes en Santiago, na Facultade de Filosofía, o que cualificou como primeiro acto en Galicia de aberto apoio á celebración do referendo catalán do 1 de outubro, no que mesmo se exhibiu un cartel da convocatoria como os que as forzas de seguridade están a requisar en diversos puntos de Catalunya. Porén, a mesma organización informou tamén este martes da “prohibición” por parte do Concello de Ribeira de celebrar nun local municipal “unha palestra sobre o dereito a decidir nas nacións sen Estado”. Ao tempo, na Coruña a Delegación do Goberno autorizou unha concentración xunto o Obelisco da cidade convocada “en defensa dos dereitos civís e o dereito a decidir, ante os ataques á democracia e a liberdade que o Estado está a cometer para reprimir o referendo en Cataluña”.

Galiza Nova organiza sen obstáculos un acto na Universidade de Santiago con membros de ERC no que se exhibiu un cartel da consulta

O acto de Santiago, celebrado na Facultade de Filosofía pero con acceso libre da cidadanía e ao que asistiu un cento de persoas, foi convocado baixo o título “A loita pola liberación dos pobos” e presentado previamente por Galiza Nova como "o primeiro de apoio ao referendo catalán” que se celebra en Galicia -o pasado venres a organización xuvenil Isca organizou outro nun local de Santiago-. Nel participou o portavoz das xuventudes e membro da executiva de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) Pau Morales; a responsable de internacional de Galiza Nova, Navia Rivas; e o coordinador de relacións internacionáis do BNG, Rubén Cela. Estaba prevista a participación tamén do responsábel de internacional de Sortu, Pernando Barrena, pero perdeu o voo que o levaba a Santiago. Ao comezo do acto, os participantes despregaron un cartel dos elaborados pola Generalitat para publicitar o referendo como os que as forzas de seguridade están a requisar en Catalunya. "Nunca un cartel institucional foi tan subversivo", salientou Cela, quen engadiu que "o español é hoxe un Estado antidemocrático".

Segundo a Delegación do Goberno en Galicia, esta non interveu en permitir ou denegar o acto de Santiago por celebrarse no que considera un recinto privado mentres que si considerou aceptable a convocatoria da Coruña

Segundo informou a preguntas deste diario a Delegación do Goberno en Galicia, esta non interveu en permitir ou denegar o acto por celebrarse no que considera un recinto privado, a Universidade de Santiago, que pola súa banda autorizou a celebración. A Delegación do Goberno tamén indicou que si autorizou por considerala aceptable unha concentración cidadá a última hora da tarde no Obelisco da Coruña “en defensa dos dereitos civís e o dereito a decidir, ante os ataques á democracia e a liberdade que o Estado está a cometer para reprimir o referendo en Cataluña”. Nesa concentración da Coruña, á que asistiron varios centos de persoas, o escritor Manuel Rivas leu un manifesto no que apelou a defender “o dereito dos cataláns a decidir libremente o seu futuro” e asegurou que “está en xogo a defensa dos dereitos da cidadanía”. O acto rematou ao son de L'estaca, de Lluís Llach.

Acto denegado en Ribeira

Por outra banda, este martes Galiza Nova tamén denunciou que o Concello de Ribeira, gobernado polo PP, denegoulle “o uso dun local municipal para a realización dunha palestra sobre o dereito a decidir das nacións sen Estado”. Segundo a organización xuvenil, o concello amparouse nas resolucións do Tribunal Constitucional indicando que “puidese interpretarse a cesión da sala por parte do Concello como favorecer un acto de apoio a un referéndum convocado por uha lei que foi suspendida”. O BNG e Galiza Nova critican a “prohibición” do Concello e do PP do “libre dereito de reunión e debate” e “un feito que non ten outra finalidade que impedir a liberdade de expresión tal cal se facía na época da represión franquista” .

Convocatoria do acto de Santiago Dominio Público Galiza Nova
Concentración na Coruña CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.