0 Gardados para despois

A operación da Garda Civil polo 1-O desata unha vaga de protestas en Catalunya

Catalunya PluralCatalunya Plural | @Catalunyaplural


Praza PúblicaPraza Pública | @prazapublica


Operativo da Garda Civil para impedir que se celebre o referendo e aumento da tensión en Catalunya. Axentes da Garda Civil, por orde do xuíz, rexistran este mércores varios departamentos e organismos do Govern e dúas sedes de empresas privadas. Tamén practicaron un total de 14 detencións, na súa maioría a altos cargo da Generalitat, polo 1-O. Son os primeiros arrestos polo referendo, ademais de haber 21 investigados.

Son 14 os detidos na operación levada a cabo pola Garda Civil na Generalitat

Entre os detidos figuran dous estreitos colaboradores de Oriol Junqueras na Generalitat, o secretario xeral de Vicepresidencia e Economía e Facenda, Josep Maria Jové, é a figura principal, o coordinador técnico da consulta. Tamén foi detido o director de estratexia do Centre de Tecnologies de la Informació (CTTI), Josuè Sallent. O labor deste organismo era o de planificar e xestionar os servizos informáticos imprescindibles para asegurarse desde a base de deatos do censo ao reconto do resultado.  

A operación supón un golpe letal á loxística da consulta do 1-O

Os axentes entraron a primeira hora da mañá e rexistraron as sedes de Economía e Facenda, Exteriores, Gobernación e Traballo e Asuntos Sociais, así como entes dependentes da Generalitat como a Axencia Tributaria de Catalunya (ATC). Segundo informaron fontes do Govern, os axentes buscan documentación relacionada co referendo do 1-O. Así mesmo, a Garda Civil incautou papeletas para votar o 1-O nunha nave industrial de Bigues i Riells (Barcelona).

Foi un golpe aos plans do Executivo catalán, moito máis que un contratempo. Descabezouse a organización política e loxística do referendo, xusto o que pretendía o Goberno central, pero o que quizais non calculou o xuíz que dirixiu a operación nin tampouco Rajoy foi a resposta que as súas decisións ían ter na rúa. 

De madrugada, os Mossos cargaron contra os últimos manifestantes que se mantiñan ante a sede de Economia e os coches da Garda Civil abandonaron o lugar logo de sufrir varios desperfectos. As entidades independentistas convocaron para este xoves outra mobilización ante o Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya. 

A operación policial foi ordenada polo titular do xulgado de instrución 13 de Barcelona, Juan Antonio Ramírez Sunyer, que leva meses investigando baixo segredo de sumario os preparativos do referendo a partir das polémicas declaracións do xuíz e exsenador de ERC, Santiago Vidal. O maxistrado sorteou a investigación do referendo que desde a semana pasada leva a cabo o Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSJC) ao estar imputados o president da Generalitat, Carles Puigdemont, e todos os consellers, que son aforados ante o TSJC.

A operación policial foi ordenada por un xuíz que sorteou a invstigación que levaba a cabo o TSJC

Fontes xudiciais mostraron a súa inquietude e o seu malestar pola orde do xuíz Ramírez Súnyer. Lembraron que a investigación do referendo xa está en mans do TSJC, un tribunal de instancia superior ao de Ramírez Súñer, e consideraron que, unha vez o TSJC empezou a investigar o referendo o xuíz de instrución debería inhibirse a favor do alto tribunal catalán.

Poucos minutos despois de iniciarse os rexistros, varias decenas de persoas, convocadas a través das redes sociais por Òmnium Cultural e a Assemblea Nacional Catalá (ANC), concentráronse fronte á sede de Economía. A concentración obrigou a cortar a Gran Via de Barcelona.

Os cargos detidos este mércores traballan en cinco departamentos. Trátase de Joan Manel Gómez, responsable do voto electrónico da conselleria de Gobernación; Juan Manuel Gómez, cargo de Economia; Xavier Puig Farré, de Asuntos Sociais; Josué Sallent e David Franco, do Centro de Telecomunicacións, dependente de Presidència; e David Palancad, de Asuntos Exteriores.

Hai outros dous detidos que non son altos cargos senón que están relacionados cunha nave industrial de Bigues i Riells (Barcelona), onde a Garda Civil incautouse de entre nove de dez millóns de papeletas para votar no referendo do 1 de outubro. Ademais das papeletas impresas co "si" e o "non", os axentes interviñeron numeroso material electoral para o 1-O que aínda non foi contabilizado.

Junqueras lamenta o rexistro e fala de "demostración de estado policial"

O vicepresident e conseller de Economía, Oriol Junqueras, lamentou o rexistro policial na sede do seu departamento, actuación que tachou de "demostración de estado policial". "Entran no Govern como en calquera empresa. Poden tentar intervilo todo, como os carteis", afirmou Junqueras.

Tras os rexistros, o president da Generalitat, Carles Puigdemont, convocou unha reunión extraordinaria do Govern para este mediodía. O portavoz do Executivo, Jordi Turull, pediu calma a través do seu perfil de Twitter e reiterou o seu compromiso co procés. "Moita calma e serenidade ante este estado policial e de sitio. O noso compromiso segue intacto e con máis razóns cada hora que pasa".

O president da Generalitat, Carles Puigdemont, compareceu para asegurar que o Goberno central "declarou un Estado de excepción" e asegurou que se mantén o referendo. "O día 1 de outubro sairemos de casa, levaremos unha papeleta e usarémola", dixo. A alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, lamentou a operación policial e animou a "defender as institucións". Máis tarde, a presidenta do Parlament, Carme Forcadell, defendeu reaccionar mantendo a consulta: "Sexa cal for o resultado, Catalunya terá gañado".

Xa á noite, Rajoy volveu comparecer, desta vez de maneira solemne, para reclamar ao Govern que renuncie á "quimera" do referendo para "evitar males maiores".

Reaccións desde Galicia

As protestas cidadás sucedéronse case inmediatamente ao comezo dos rexistros nas sedes gobernamentais. A máis importante é a que agrupa milleiros de persoas fronte a Economía, no cruzamento entre a Rambla Catalunya e a Gran Via, en pleno centro de Barcelona e onde se xuntaron unhas 40.000 persoas. A medida que avanzou o día, máis e máis cidadáns concentráronse para protestar contra a operación da Garda Civil. Tamén varios centos fixérono fronte a sede da CUP, ante o intento de rexistro por parte da Policía. Ademais, noutras vilas e urbes tamén saíu xente á rúa e son moitos os concellos que chaman os veciños a manifestarse ás 20 horas. 

Ademais, numerosas entidades culturais, civís e sociais de Catalunya rexeitaron a actuación da Garda Civil. Entre elas, o Fútbol Club Barcelona, que condenou as accións que "atenten contra a democracia, a liberdade de expresión e o dereito a decidir". Noutros puntos do Estado, desde Euskadi até Andalucía, pasando por Madrid, tamén se convocaron mobilizacións a favor do dereito a decidir e polas liberdades. Foron un total de 40 cidades. 

En Galicia, celebráronse concentracións para a tarde deste mércores nas sete cidades galegas e, ás portas do Parlamento, os deputados de En Marea e BNG tamén se concentraron "en contra da represión e en defensa da democracia". Desde En Marea amosaron o seu "apoio" ao referendo do 1 de outubro como "expresión do dereito da cidadanía de Catalunya a decidir democraticamente o seu futuro" e asegurou que o que se xoga no Estado ese domingo "non é consulta si ou non, senón democracia si ou democracia non". 

En Marea e BNG defenden o referendo e censuran a "aberración democrática" que cren que supón a operación policial

Desde o BNG, a súa voceira, Ana Pontón, considerou "un escándalo que se deteñan persoas por defender o dereito do pobo catalán a votar". "O PP está pasando todas as liñas vermellas”, dixo a portavoz do Bloque, que expresou a súa "total condena" polas detencións e cualificou de "aberración democrática" a operación policial. 

Feijóo, pola súa banda, advertiu de que "todos os altos cargos" están "sometidos ao que digan os xuíces" e ao que "propoñan os fiscais" tras as detencións en Catalunya. O presidente da Xunta, durante un acto en Compostela, pediu "tranquilidade" e opinou que son "decisións ilegais" as que "contribúen a quentar os ánimos". O xefe do Executivo galego, preguntado polas mobilizacións xurdidas, pediu "non mobilizar cidadáns por decisións xudiciais".

Protesta na Rambla de Catalunya

© eldiario.es

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Concentracións nas cidades galegas contra os rexistros en Catalunya

A plataforma Galiza con Catalunya -constituída desde hai meses, "en apoio ao proceso democrático iniciado en Catalunya", por organizacións sociais, culturais, políticas e sindicais galegas- convocou a unha manifestación que terá lugar en Compostela o vindeiro sábado día 30 de setembro, con saída ás 12 horas da Alameda, “en apoio á democracia e ao dereito a decidir do pobo catalán”.

A plataforma convoca a manifestación do 20 "en apoio ao proceso democrático iniciado en Catalunya"

En representación da Plataforma, Olaia Chaves sinalou que as organizacións que a conforman uníronse “por unha causa común que é a defensa dos dereitos colectivos dos pobos e a defensa da democracia”. Asegurou que “desde Galiza somos conscientes de que a situación política en Catalunya é de máxima excepcionalidade” e denunciou que se chame “desafío secesionista ao dereito de autodeterminación dun pobo” e que se cualifique como “referendo ilegal a un acto lexítimo de expresión da democracia”.

Desde a plataforma Galiza con Catalunya condenaron tamén a "represión" que se está a vivir, por mor das detencións realizadas estae mesmo mércores, mais tamén por todos os acontecementos "que se veñen producindo e que están poñendo en evidencia que se está aplicando o artigo 155 da Constitución de maneira encuberta”. Por iso, reiterou, queren "expresar a nosa máis rotunda condena a estes feitos”.

Milleiros de persoas concéntranse nas sete cidades galegas en apoio do referendo catalán ou contra a actuación do Estado

Alén disto, e "diante da gravidade da situación e das detencións que se produciron esta mañá, lanzouse tamén unha convocatoria catoria urxente de concentracións a última hora da tarde desde mércores que nas sete cidades galegas sumaron milleiros de persoas en apoio ao referendo catalán ou contra a actuación do Estado, aos berros de “votarem” ou “Galiza con Catalunya”. Nelas estiveron presentes dirixentes ou cargos públicos de BNG, En Marea, Anova ou CxG.

A preguntas das/os xornalistas respecto da posibilidade de que se impida a saída da manifestación do día 30, a portavoz da plataforma lembrou que "non houbo problema ningún" cunha manifestación de características semellantes celebrada en Euskadi a semana pasada. Xunto a isto, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, aclarou que xa está comunicada á delegación do Goberno e asegurou que “si ou si, o día 30 vai a haber esta manifestación á que chamamos a todas as galegas e galegos a participar”.

A Plataforma convidou a sumarse a todas as organizacións que se queiran adherir e convidou a participar na manifestación “a todas aquelas persoas que estean de acordo co dereito dos pobos á súa autodeterminación e a decidir cal é o futuro para o seu pobo”.

Concentración en Santiago

Concentración en Vigo (Foto:@cernaviva)

Concentración na Coruña (Foto:@BNG_comarcaAC)

Concentración en Ourense (Foto:@AnovaOurense)

Concentración en Lugo (Foto:@cernaviva)

Concentracións en Galicia