O BNG pide explicacións a Feijóo por ocultar unha reunión coa patronal da sanidade privada

Feijóo no encontro coa Fundación IDIS que a Xunta ocultou Dominio Público Fundación IDIS

O xoves 11 de maio o presidente Feijóo participou como convidado de honra no XIII encontro da Fundación Instituto para el Desarrollo e Integración de la Sanidad (IDIS), que aglutina o sector sanitario privado e ten como obxectivo “poñer en valor a sanidade privada”. A Xunta non informou do acto nin o incluíu na súa axenda pública, como obriga a lei de transparencia, pero sóubose del porque si o publicitou a propia entidade. A principios deste mes, a mesma Fundación IDIS ofreceuse a reducir a espera cirúrxica en Galicia a cambio de 88 millóns de euros e este luns o BNG pediu explicacións por esa concatenación de feitos que cualificou como “axenda oculta” do PP.

O portavoz popular, Pedro Puy, ironiza para evitar responder: “Se a axenda é oculta, non a teño nin eu, non estou ao tanto”

A portavoz do BNG, Ana Pontón, anunciou que pedirá explicacións a Feijóo no Parlamento de Galicia por “incumprir a lei de transparencia” e “favorecer empresas amigas”. “Que outros encontros nos oculta?”, preguntouse. A nacionalista tamén preguntará se o que cualifica como “chantaxe” se verá reflectida nos vindeiros orzamentos da Xunta “para desviar fondos públicos co fin de que engorden empresas privadas”.

Para o BNG, os recortes na sanidade “non foron produto da crise” senón “privatizacións que responden a un modelo económico e unha posición idolóxico política do PP”. Pontón tamén lembrou que, fronte á proposta da sanidade privada de axudar a reducir as listas de espera, o maior hospital privado concertado de Galicia e o Estado, o vigués Povisa, “duplica as listas de espera cirúrxicas dos centros públicos galegos”.

Tras estas declaracións de Pontón, o portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy, foi preguntado por estes feitos e recorreu á ironía para evitar responder. “Se a axenda é oculta, non a teño nin eu, non estou ao tanto”, dixo Puy, derivando ao Goberno a responsabilidade de contestar ao BNG.

A portavoz do BNG, Ana Pontón, durante a súa comparecencia deste luns Dominio Público BNG
Feijóo no encontro coa Fundación IDIS que a Xunta ocultou Dominio Público Fundación IDIS

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.