A sanidade privada 'ofrécese' a reducir a lista de espera cirúrxica a cambio de 88 millóns

Hospital ​HM Modelo​​ na Coruña © HM Modelo​​

A pasada semana a fundación Instituto para el Desarrollo e Integración de la Sanidad (IDIS), que aglutina o sector sanitario privado do Estado e que ten entre os seus obxectivos "poñer en valor a sanidade privada", realizou unha proposta para "eliminar a lista de espera cirúrxica" do sistema sanitario público. Nunha serie de cartas remitidas ao Ministerio de Sanidade e ás distintas comunidades autónomas, IDIS "ofrecía" os recursos dos seus 452 hospitais privados, unha proposta que tería un custo para as arcas públicas de 1.500 millóns de euros, 88 millóns de euros en Galicia, o 2,5% do orzamento da sanidade galega e case o 1% do orzamento total. A entidade anuncia que nas vindeiras semanas manterá xuntanzas cos responsables sanitarios autonómicos para reiterarlles a proposta.

"É necesaria unha vontade política na procura de solucións que garantan a continuidade do sistema, deixando á marxe formulacións ideolóxicas", afirmou o director xeral de IDIS, Manuel Vilches, que destacou que "a sanidade privada é un aliado estratéxico para garantir a sustentabilidade do sistema e o mantemento dunha sanidade universal" e que subliñou que aceptación deste ofrecemento por parte dos gobernos autonómicos e estatal sería "un paso decisivo para sentar as bases dun modelo de cooperación público-privado eficaz".

"Esta desviación de fondos públicos á privada suporía un novo avance da descapitalización de SERGAS, que xa destina máis do 11% do seu gasto a concertos coa privada", di a AGDPS

Esta proposta, que implicaría unha importante subtracción de fondos públicos para entregarllos ao crecente sector sanitario privado, foi xa respondida pola Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP), que sinalou que "esta desviación de fondos públicos á privada suporía un novo avance da descapitalización de SERGAS". A entidade subliña que "recorrer á sanidade privada non é a solución", lembrando que "un hospital privado como POVISA en Vigo duplica as listas de espera cirúrxica dos centros públicos galegos". A entidade denuncia, igualmente, que "a dobre dedicación á pública e á privada dunha parte do persoal sanitario, especialmente dos xefes de servizos", que é "tolerada" polo SERGAS segundo a asociación, "favorece o crecemento das listas, xa este persoal esta interesado en reducir a actividade en centros quirófanos públicos para desviala á concertada onde tamén traballa".

A AGDSP explica que "os plans de choque baseados no uso intensivo dos quirófanos, ben mediante concertos ou con peonadas na pública, resultaron sempre un fracaso, dado que ao pouco tempo volven crecer aos niveis previos, xa que esta medida non afronta de xeito integral os determinantes das listas como a falta de camas pública, a escaseza de persoal medico e de apoio, a non utilización dos recursos en horario de tarde, a baixa produtividade dos quirófanos ou a ausencia de incentivos profesionais". E esíxelle á Consellaría de Sanidade que rexeite a proposta e que "abra as camas e quirófanos pechados nos últimos anos" e "utilice os quirófanos e recursos diagnósticos pola tardes", como forma de reducir as actuais listas de espera.

A AGDSP esíxelle a Sanidade que rexeite a proposta e que "abra as camas e quirófanos pechados nos últimos anos" e "utilice os quirófanos e recursos diagnósticos pola tardes"

Dende hai case tres anos funciona en Galicia a Lei de Garantías Sanitarias, que inclúe un mecanismo a través do cal o sistema sanitario público lle remite pacientes aos centros privados, pagándolles despois os servizos realizados. A norma fixa un tempo máximo de espera por unha intervención cirúrxica programada e non urxente de 60 días naturais, unha espera máxima de 45 días nas consultas externas e doutros 45 días nas probas diagnóstica e terapéutica. Se esta cifra é superada o SERGAS "deberá ofertar a realización da prestación noutro centro da rede pública ou nun centro concertado", segundo prevé a lei, isto é, privado pero sufragado con fondos públicos. Se isto tampouco acontece ou non é posible "o paciente terá dereito a acudir a un centro privado da súa elección, situado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, e a que se lle reembolse o gasto de acordo coas tarifas que se establezan regulamentariamente para o proceso realizado".

Dende hai case tres anos funciona en Galicia a Lei de Garantías Sanitarias, que inclúe un mecanismo a través do cal o sistema sanitario público lle remite pacientes aos centros privados, pagándolles despois os servizos realizados

A medida foi sempre defendida polo Goberno galego como un avance cara á "calidade" do servizo, malia as críticas dos grupos da oposición, sindicatos, asociacións de pacientes e do propio Consello Económico e Social (CES), que alertaron do crecente peso da sanidade privada ao abeiro desta lei. Xa no ano 2012 a Asociación de Hospitales Privados de Galicia (Ahospgal), que viña de presentarse, ofrecíase á Xunta para cumprir as funcións dos hospitais públicos. De igual xeito, na web desta entidade -que pasou a denominarse simplemente Asociación de Hospitales de Galicia e que agrupa 12 centros nas sete cidades- afírmase que estes centros privados "contribúen de forma decisiva á sustentabilidade da sanidade galega, xa que permiten unha contención do gasto e unha axilización da atención aos usuarios". Engaden que "a súa achega permite reducir as listas de espera de forma notable e diminuír os recursos públicos que destina a Administración a financiar a sanidade".

 

Hospital ​HM Modelo​​ na Coruña © HM Modelo​​
Profesionais médicos nun quirófano © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.