A Xunta di "colaborar" na preservación da memoria histórica en San Simón que Feijóo descoñece

Monólito en homenaxe ás vítimas do franquismo na Illa de San Simón, instalado pola Xunta en 2006 CC-BY-SA Praza Pública

O pasado 16 de xullo a Iniciativa Galega pola Memoria volveu viaxar á Illa de San Simón para, en vésperas do octoxésimo primeiro aniversario do golpe franquista, lembrar e reivindicar as vítimas da ditadura no espazo tornado polos golpistas en campo de concentración, onde ata 6.000 persoas estiveron presas por motivos políticos entre 1936 e 1943. Alén da homenaxe anual a IGM aproveitou o acto como lanzamento da súa campaña para recuperar a declaración de San Simón como Illa da Memoria, a mesma decidida pola Xunta en 2006 e que caeu no esquecemento en 2009, co retorno do PP ao Goberno. Poucos días despois deste acto o propio presidente da Xunta asegurou descoñecer esta reivindicación e, no entanto, hai poucos días a Consellería de Educación e Cultura afirmou por escrito que "colabora" con ela.

Poucos días despois da homenaxe nacional impulsada pola IGM e en plena controversia polo Pazo de Meirás o presidente da Xunta foi cuestionado en rolda de prensa pola petición de que San Simón volva ser a Illa da Memoria. "A verdade é que descoñezo esa proposta, pero me sorprende" porque "mire que gobernaron en Galicia", dixo en referencia aos representantes de PSdeG e BNG presentes na homenaxe. "En Galicia houbo outros gobernos que tramitaron esa illa" e "fixeron alí todo tipo de actos". "Sempre que as solicitudes" para celebrar actos en San Simón que "entren dentro dos plantexamentos normais, sempre as autorizamos". El mesmo, agregou, participou "nun acto ben fermoso coa Real Academia Galega" na illa, sen ben "descoñezo cal é a proposta concreta" sobre a Illa da Memoria, que o propio Executivo desactivou hai oito anos.

A Consellería de Cultura resalta que "vén colaborando" coa homenaxe nacional ás vítimas do franquismo en San Simón "na medida das posibilidades actuais deste departamento"

Con este pano de fondo a Consellería de Educación e Cultura vén de rexistrar no Parlamento a resposta a unha pregunta formulada en xuño polo BNG sobre as actividades desenvolvidas en San Simón e, nomeadamente, a respecto do "lugar que ocupa nelas a recuperación da memoria histórica". O departamento que dirixe Román Rodríguez detalla na resposta que na illa se veñen celebrando diversas actividades culturais, artísticas e de lecer e "ademais, en homenaxe aos presos que se estima que pasaron por San Simón dende 1936 e ata 1943" a IGM "co apoio do Concello de Redondela vén organizando na illa anualmente, coincidindo coa data do inicio da Guerra Civil, o Acto da Memoria, co obxectivo de recordar as vítimas da represión franquista e as súas familias".

"Para favorecer a súa realización, a Consellería vén colaborando tamén con esta homenaxe na medida das posibilidades actuais deste departamento", agrega a resposta. Adicionalmente, explica que "o obxectivo da Xunta é seguir colaborando coas asociacións en defensa da memoria histórica que pretendan visitar, celebrar, homenaxear ou organizar activos ás vítimas da represión franquista na Illa de San Simón"..

"Autorizan e financian o catamarán, nada máis"

A indefinida referencia á colaboración coa preservación da memoria histórica en San Simón á que alude á Xunta concrétase, segundo a IGM, nunha única e escasa actuación cada ano. "A colaboración que fai a Xunta é, exactamente, autorizar a entrada ese día e financiar o catamarán que leva ás 400 persoas" ata San Simón, detalla o voceiro do colectivo, Matías Rodríguez, en declaracións a Praza.gal. "Isto é o qu efai dende 2009, única e exclusivamente, como política pública da memoria. Nada máis".

"Feijóo ten que ser consciente desta demanda pero se cadra non se entera, igual que coas súas saídas co Pazo de Meirás", di Matías Rodríguez, da IGM

A xuízo do representante da entidade memorialística este papel da Xunta na recuperación da memoria histórica é "ridículo" e "sabemos que o fan" porque o contrario "tería contestación social, por iso se molestan". Neste escenario Rodríguez amósase abraiado por que Feijóo aluda "descoñecer" as reivindicacións da IGM e, concretamente, a petición de que San Simón volva ser Illa da Memoria. "Ten que ser consciente desta demanda, tanto el como o conselleiro", agrega, ademais de lembrar que "o secretario xeral de Cultura", Anxo Lorenzo, tamén "coñece perfectamente a reclamación porque estivo presente na visita que se realizou" á zona xunto a Pablo de Greiff, o relator especial da ONU ante o que a Xunta se gabou de actividades de memoria histórica que deixara de apoiar, como o proxecto interuniversitario Nomes e Voces.

"Se cadra, Feijóo non se entera igual que coas súas saídas co Pazo de Meirás", ironiza Matías Rodríguez, quen en calquera caso resalta a "boa acollida" social que está a ter a campaña da IGM. A declaración como Illa da Memoria, resalta, non impediría que San Simón teña "outros usos complementarios" sempre que o central sexa "profundar na parte histórica como colonia penitenciaria, como campo de concentración" para que non fique no esquecemento o seu "negro pasdao". Pero a Xunta, polo momento, lamenta, amosa unha "falta de sensibilidade total".

Reivindicación de San Simón como Illa da Memoria, na homenaxe nacional do pasado xullo Dominio Público Memoria da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.