A Fiscalía ordena aos Mossos inutilizar e precintar os colexios do refendo catalán

Documento entregado aos directores coas advertencias do fiscal © Catalunya Plural

Axentes dos Mossos d'Esquadra empezaron a cumprir este martes a orde da Fiscalía e acudiron a centros educativos previstos como punto de votación do referendo do 1-O para identificar os seus directores e tomarlles declaración. Ademais, o Ministerio Público quere deixar todo ben atado e dará máis traballo ás forzas de seguridade catalás: precintar os colexios electorais designados e desaloxar antes do sábado as persoas que estean dentro. Inhabilitalos desde o venres ata o domingo ás 9 da noite. 

A Fiscalía ordenará aos Mossos precintar os colexios electorais e desaloxalos antes do 30 de setembro para evitar a votación

Esta última instrución do fiscal superior de Catalunya, José María Romero de Tejada, é dunha dureza inédita e será trasladada este mércores na xuntanza de mandos policiais, na que se pedirá que se identifique as persoas que estean no centro e os participantes na suposta ocupación e se incauten especialmente de urnas, equipos informáticos, papeletas, documentación e propaganda. Así o informan varios medios cataláns. TV-3 mesmo asegura que o obxectivo é que os Mossos queden coas chaves dos centros de ensino unha vez acabadas as clases para asegurarse que non se abren os centros para a votación. 

O fiscal ordena impedir a constitución das mesas cun amplo dispositivo e prohibir votar nun radio de cen metros 

No documento, e segundo informa a SER, o fiscal advírtelles aos Mossos que o precintado debe ser "visible e efectivo" e que deben informar tamén dos posibles incidentes que poidan ocorrer, así como identificar a participantes e responsables. Romero de Tejada ordena impedir a constitución das mesas despregando un amplo dispositivo para evitar que os responsables poidan entrar nos locais de votación. Mesmo lembra que nos edificios máis amplos, a policía debe impedir que se vote en calquera outro punto e mesmo "nas inmediacións, incluída a vía pública, nun radio de seguridade de cen metros do local". 

A cúpula dos Mossos d'Esquadra, segundo tamén indica a SER, ve con "moita preocupación" as directrices porque poden crear "graves problemas de orde pública".

Xa este martes, un director de instituto da provincia de Tarragona, que preferiu non dar o seu nome, confirmou a este diario a visita de dous axentes dos Mossos d'Esquadra sobre as 14 horas, cando aínda había alumnos no centro.

Os Mossos acatan a orde da Fiscalía e empezar a acudir a varios centros de ensino previstos como puntos de votación

Os axentes entregáronlle un documento de dúas follas. A primeira, a acta policial pola que os mossos procederon a identificalo como responsable do centro. A acta contén así mesmo un breve formulario coas preguntas que a Fiscalía ordenou trasladar aos directores: se recibiron urnas e sobres para o 1-O así como ordes da Generalitat por escrito ou orais para entregar as chaves do centro.

A Fiscalía insta ademais os directores a dar os nomes dos responsables da Generalitat no caso de que lles trasladasen de palabra ordes para ceder as chaves dos centros. A este tres preguntas o director tarraconense respondeu que non, posto que no seu caso ningún responsable dos servizos territoriais de Ensino da Generalitat lle requiriu tarefa ningunha relacionada co referendo, explicou a este diario.

Documento que los Mossos han entregado a directores de instituto

Documento que os Mossos entregaron a directores de instituto / Catalunya Plural

Os axentes tamén trasladaron aos directores o aviso da Fiscalía -que algúns docentes ven como unha ameaza- polo que o ministerio público os advirte de que ceder as chaves do seu centro á Generalitat para o 1-O "poderá ser considerado un acto de colaboración" cos delitos de desobediencia, prevaricación e malversación de fondos públicos, este último penado con ata oito anos de cárcere, nos que poidan incorrer os consellers e o president da Generalitat.

A Fiscalía advirte aos directores que ceder as chaves do centro para o 1-O "poderá ser considerado un acto de colaboración" cos delitos de desobediencia, prevaricación e malversación de fondos

É a primeira vez que a Fiscalía apunta a funcionarios de ensino. Ademais da advertencia de incorrer en delitos penais, o fiscal sinala que se xa entregaron as chaves, os docentes "están obrigados a impedir" a apertura do seu centro o 1-O e a denunciar ante a policía "a presenza no centro de persoas alleas ao mesmo".

O ministerio público advirte aos directores que é "rotundamente falso" que non estean en perigo como lles advertira a Generalitat

A terceira comunicación do fiscal aos directores nega o que a Generalitat dixo sempre aos funcionarios, isto é, que os empregados públicos non están en perigo porque non teñen ningún papel no 1-O. A Fiscalía indica aos directores que calquera comunicación da Generalitat que lles exima de responsabilidade no 1-O "é rotundamente falsa e sen fundamento legal".

Finalmente, o fiscal tamén pide aos directores que lle trasladen calquera "ameaza, coacción ou presión" para ceder locais.

Nin a Fiscalía nin os Mossos tiveron a ben concretar o número de centros de votación para o 1-O -que a Generalitat cifra nuns 2.000, incluídos escolas, institutos, centros cívicos e centros sanitarios de atención primaria- afectados pola instrución do fiscal superior de Catalunya, José María Romeu de Tejada.

O conseller de Presidència e portavoz do Govern, Jordi Turull, cargou contra a orde "equivocada" da Fiscalía, aínda que defendeu que os Mossos non teñen outra opción que cumprir co ministerio público. "Os Mossos fan o que teñen que facer e respectámolo", afirmou.

 

Sánchez reprocha a actitude de Podemos

Por outra banda, Pedro Sánchez reprochou a Unidos Podemos e a Ciudadanos a actitude política que están a manter ante o referendo do 1-O. O secretario xeral do PSOE foi especialmente duro coa formación liderada por Pablo Iglesias, logo de que este o emprazase para lanzar unha alternativa ao Goberno e Rajoy que acabe cunha consulta pactada. 

"Están pensando en participar porque consideran que é lexítima a votación. Que teñan moito coidado, dicímolo desde o respecto, non vaia ser que a posición que están mantando co 1-O sirva de coartada ao independentismo para impoñer a independencia o vindeiro 1 de outubro", subliñou Sánchez ante deputados e senadores do PSOE. 

 

Así defendía Rajoy un referendo sobre o Estatut en 2006

Mariano Rajoy defendía un referendo sobre o Estatut de Catalunya en 2006. O vídeo, rescatado por LaSexta, é unha intervención no Congreso na que o agora presidente do Goberno defende consultar ao pobo. 

"Cando os cidadáns piden un referendo porque queren opinar, a resposta non pode ser 'tranquilos, non pasa nada, confíen en min', que broma é esta?", dicía Rajoy

"Cando os cidadáns piden un referendo porque queren opinar, a resposta non pode ser 'tranquilos, non pasa nada, confíen en min', que broma é esta?", así é como Rajoy argumentaba a celebración da consulta. Ademais, sinalaba que non podía "nin imaxinar" como "ante unha demanda tan lexítima, cun apoio tan vigoroso", un goberno democrático "se opoña e a rexeite". 

Para acabar a súa intervención, Rajoy describía como "moi fácil" escoitar "a voz dos cidadáns" e aconsellaba ao daquela goberno socialista facelo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.