0 Gardados para despois

AO MINUTO | O referendo catalán, entre a mobilización e a prohibición

Praza PúblicaPraza Pública | @prazapublica


Catalunya vive este domingo unha xornada histórica. Se en algo concordan partidarios e detractores do referendo convocado polo Govern da Generalitat e suspendido polo Tribunal Constitucional é que este 1 de outubro é un punto de inflexión na histórica política catalá e no seu encaixe en España. A suspensión do TC e as sucesivas accións xudiciais e da Fiscalía contra o dispositivo da consulta levaron o Goberno de Mariano Rajoy a dar a votación por desactivada e a manter que, como moito, o que se celebrará será un "simulacro" ou unha mobilización que, se tenta ir máis alá, será freada polo enorme dispositivo policial despregado en territorio catalán. Mentres, formacións políticas, colectivos soberanistas e o propio Govern aseguran que o seu roteiro está intacto e, se na noite deste domingo son quen de contar máis votos afirmativos que negativos, o paso seguinte será poñer en marcha os mecanismos da independencia.

20:52 | Pedro Sánchez apela a un "novo marco de diálogo" con Catalunya tras a "vergoña" do 1-O

O secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, compareceu no serán deste domingo ante a prensa para apelar á "construción dun novo marco de diálogo" con Catalunya que "reverta a imaxe de fracaso que ofreceu hoxe a política española e catalá ao mundo". O líder socialista asegura sentir "vergoña" polas "imaxes" que deixa o 1-O, das que ao xuízo son responsables tanto o Govern da Generalitat como o propio Goberno de España. O PSOE, resalta, está en "profundo desacordo" coas cargas policiais vividas e esixirá responsabilidades ao respecto

O partido que encabeza, di Sánchez, ten claro que "todo presidente do Goberno ten que anticipar crise, e non alimentalas" coa estratexia de "non facer nada", que atribúe ao PP. Pero a Generalitat, censura, "impuxo a súa visión da realidade á metade do Parlament catalán" e, "o que é o mesmo, á metade da sociedade catalá". Neste contexto, avanza, "pedímoslle ao Goberno que cumpra a súa función e abra un proceso de negociación política" co Executivo de Carles Puigdemont que "permita superar esta crise". "É a súa obriga", agrega.

Dende unha apelación á "calma" o secretario xeral dos socialistas proclama que é "o momento de estar á altura" e de "trasladar unha mensaxe de estabilidade" para "lograr ese acordo que supere esta crise". Non cabe durante máis tempo, conclúe, o "inmobilismo" de Rajoy nin o proxecto independentista que, ao seu xuízo, xa fracasou.

20:35 | Rajoy erixe en"exemplo para o mundo" a resposta policial ao referendo que "non existiu"

D.L.

O presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy, realizou este serán unha declaración sen preguntas dende o Palacio de La Moncloa para asegurar que o referendo de autodeterminación de Catalunya simplemente "non existiu". Non houbo "ningunha sorte de consulta", mantén o líder popular, senón un "grave ataque á nosa legalidade" ante o que a resposta policial elevou a España á categoría de "exemplo para o mundo".

Cun guión político practicamente idéntico ao dos últimos meses no que atinxe ás reivindicacións soberanistas Rajoy abonouse outra volta á teoría da maioría silenciosa. A "gran maioría do pobo de Catalunya non quixo participar" este domingo "do guión dos secesionistas", afirma Rajoy, demostrando así que son "xente de lei". Quen foron votar e apoiaron a consulta son, daquela, unha minoría fronte á que Policía Nacional e Garda Civil non fixeron máis que "cumprir coa súa obriga", aínda que fose "máis doado ollar cara a outro lado".

"Fixemos o que tiñamos que facer, somos o goberno de España, eu son o presidente do Goberno de España e asumín as miñas responsabilidades", mantén Rajoy, quen asegura que tras unha xornada que "só serviu para causar un grave dano á democracia", disponse a "convocar a todas as forzas con representación parlamentaria para reflexionar sobre o futuro". Solicitará ademais, avanza, a súa comparecencia no Congreso dos Deputados.

20:16 | Concentracións e manifestacións de 'Galiza con Catalunya' nas sete cidades galegas

A plataforma Galiza con Catalunya desenvolve este serán mobilizacións nas sete principais cidades galegas en "solidariedade" co referendo Catalán e contra a "represión" que, censuran, padeceron as persoas que participaron na consulta. Na imaxe, tomada pola CIG, a mobilización de Vigo.

20:00 | Hora de peche dos colexios e inicio do reconto

Como nas eleccións ordinarias, as oito da tarde foi a hora fixada para pechar os colexios electorais e iniciar o reconto do referendo do 1-O. Organizacións soberanistas como a ANC advirten da necesidade de "protexer" os centros de votación ata que remate o reconto, que se prevé prolongado e incerto.

19:53 | O balance de persoas feridas nas cargas policiais supera as 400

O último balance de persoas feridas nas cargas policiais é, segundo o Govern catalán, de 465 persoas. Segundo o voceiro do Executivo da Generalitat, Jordi Turull, finalmente foron pechados máis de 300 colexios electorais. "A actuación do Estado español é a vergoña de europa", acusa.

19:17 | A Asociación de Teatros de Catalunya recomenda suspender funcións como condena á "indigna situación" do 1-O

A Asociación de Empresas de Teatro de Catalunya recomenda aos seus asociados suspender as funcións e pechar as salas como "condena" á "indigna situación" vivida este 1-O. Alguns dos teatros que forman parte desta organización condenan abertamente a actuación policial contra o referendo. Está a contalo La Vanguardia.

18:46 | MAPA INTERACTIVO - A maioría dos colexios electorais, abertos

Os datos que manexa o Govern catalán indica que a práctica totalidade dos colexios electorais previstos para o referendo puideron abrir as súas portas. O Ministerio do Interior deu oficialmente por pechados unicamente 92. Este mapa interactivo permite consultalos.

18:23 | Gardas civís e Mossos d'Esquadra encáranse en varios centros de votación

Este 1-O está a deixar en diferentes puntos de Catalunya enfrontamentos entre membros da Policía e a Garda Civil cos Mossos d'Esquadra, que tiñan encomendado pechar os colexios e que aseguraron que o farían con "proporcionalidade" e sen empregar violencia. A policía catalá está a defender que cumpre co labor que teñen encomendado mentres manteñen a "seguridade". No entanto, varios xuíces teñen xa dilixencias abertas e valoran iniciar accións contra eles por desobediencia.

17:59 | Policía e Garda Civil, unha semana máis en Catalunya

Unha das intervencións policiais para requisar material do referendo / Carles Palacio-Catalunya Plural

O enorme dispositivo de Policía e Garda Civil desprazado a Catalunya, onde os Mossos d'Esquadra son o corpo de policía integral, ten ordes de permanecer cando menos unha semana máis en territorio catalán. Fontes policiais aseguran que os axentes foron advertidos de que estarían en Catalunya cando menos 15 días. Unha información de Gonzalo Cortizo.

17:23 | Interior afirma que pechou 92 colexios do referendo

O Ministerio do Interior asegura que Policía e Garda Civil pecharon "92 colexios electorais do referendo ilegal" en toda Catalunya. Sinala, novamente a través do seu perfil en redes sociais, que estes mesmos axenses realizaron 3 detencións, unha delas dunha persoa menor de idade.

17:16 | Convocadas concentracións nas sete cidades galegas en "solidariedade" co referendo catalán

A plataforma Galiza con Catalunya, convocante da manifestación do pasado sábado en Santiago como apoio á autodeterminación de Catalunya, chama a realizar concentracións nas sete cidades galegas en "solidariedade" coa consulta catalá e como rexeitamento á "represión" que, sinalan, están a sufrir as persoas que están a participar nas votacións.

16:46 | A alcaldesa socialista de L'Hospitalet: "Deixen tranquila á veciñanza, a violencia nunca é a solución!"

A alcaldesa socialista de L'Hospitalet, Núria Marín, vén de esixir ao delegado do Goberno central en Catalunya, Enric Millo, que cesen as cargas policiais na súa cidade para impedir o referendo. Marín, que se opuxo publicamente á consulta convocada polo Govern, desprazouse a un dos puntos con presenza policial e esixiu ao seu responsable que cesase a actuación, segundo informa Neus Tomás para Catalunya Plural.

A través da súa conta en Twitter a rexedora esixiu que "deixen tranquila á veciñanza" porque "a forza nunca é a solución". Realiza ademais un chamado "á calma" e "ao diálogo entre o Goberno central e a Generalitat".

16:27 | Numerosos medios internacionais centran a atención no referendo catalán e nas accións policiais

O referendo catalán e, sobre todo, as accións policiais para impedilo están a suscitar a atención de boa parte da prensa internacional. Xornais como o británico The Guardian, o portugués Público ou o francés Le Monde abren as súas edicións dixitais cos sucesos cataláns e dedícanlles amplos espazos. Tamén teñen o foco en Catalunya canles de televisión como a BBC ou a CNN, entre outras.

15:54 | O FC Barcelona xogará a porta pechada o seu partido ante Las Palmas no Camp Nou

Ante a "negativa" da Liga á petición de suspender o encontro previsto para esta tarde ante a UD Las Palmas, o Fútbol Club Barcelona vén de anunciar que disputará o encontro a porta pechada. A decisión chega despois de que o club canario emitise un comunicado contra o referendo catalán e anunciando que xogaría coa bandeira de España bordada na camisola especificamente para esta xornada.

Na mesma comunicación sobre o partido o FC Barcelona, que xa apoiara a consulta, "condena" as "accións" realizadas este domingo en "moitas localidades de toda Catalunya para impedir o exercicio do dereito democrático e a libre expresión dos seus cidadáns".

14:54 | O líder laborista británico, Jeremy Corbyn, pide frear a "violencia policial" en Catalunya

O líder laborista británico, Jeremy Corbyn, pide a través da súa conta de Twitter que o Goberno de España poña "fin" á "violencia policial contra a cidadanía en Catalunya".

14:47 | A Generalitat eleva a 337 as persoas feridas nas cargas, Interior sinala 11 axentes

O departamento de Saúde do Govern catalán eleva a 337 as persoas que foron atendidas en centros sanitarios "polas cargas dos corpos policiais españois". Mentres, o Ministerio do Interior afirma que 9 axentes da Policía Nacional e outros 2 da Garda Civil resultaron feridos "cando cumprían ordes da xuíz".

14:35 | Sáenz de Santamaría proclama que "non houbo referendo" porque o "desbaratou o Estado de Dereito"

A vicepresidenta do Goberno de España, Soraya Sáenz de Santamaría, compareceu este mediodía dende La Moncloa para proclamar que este 1-O en Catalunya "non houbo un referendo" nin "apariencia de tal", senón "unha farsa". A consulta convocada polo Govern e suspendida polo Tribunal Constitucional, sinala, foi "desabaratada polo Estado de Dereito".

Mentres Mariano Rajoy continúa a facer seguimento da xornada no recinto presidencial sen que estea prevista polo momento comparecencia pública ningunha, a súa número dous no Executivo considerou que o presidente catalán, Carles Puigdemont, está a demostrar que "a democracia lle vén grande". "Continuar con esta farsa non ten sentido", afirmou ademais de avalar a actuación policial.

14:13 | O BNG censura a "violencia inxustificada" e pregunta se os "porrazos" son a "legalidade" de Rajoy 

Montse Prado, Rubén Cela e Eva Vilaverde, coa alcaldesa de Badalona (segunda pola esquerda), este domingo / BNG

O BNG pregúntase, tras as cargas policiais de Catalunya, se "a apelación á legalidade tras a que se esconde o Goberno de Rajoy consiste en impedir a porrazos e pola forza bruta que a sociedade de Catalunya vote para decidir o seu futuro". Nun comunicado a formación soberanista chama a contrastar a "violencia inxustificada do Estado" coa "actitude cívica, valente e exemplar" da cidadanía catalá que acudiu a votar, indican.

A xuízo do Bloque, representado este domingo en Catalunya por unha delegación que encabeza Rubén Cela, é "evidente que o réxime do 78 saltou polos aires" e que "o actual marco institucional está esgotado e superado". "Máis pronto que tarde -conclúen- haberá un novo proceso constituínte, porque as ansias de demoracia dos pobos non poden ser freadas con violencia".

14:00 |  O PSOE critica o Govern por "dividir" a sociedade e a Rajoy, pola súa "incapacidade"

O PSOE considerou este domingo a través dunha declaración ante a prensa do seu secretario de organización, José Luis Ábalos, que este 1 de outubro é "un día triste para a nosa democracia". "Non nos gusta o que o mundo está vendo", di o representante socialista, dende cuxo punto de vista o Govern catalán é o primeiro responsable do que acontece por "levar a política das institucións ás rúas, dividindo a sociedade e poñendo en risco a seguridade".

Segundo Ábalos cómpre censurar tamén a "incapacidade" do Goberno de Mariano Rajoy para "prever" o que ía acontecer, informa Irene Castro para eldiario.es. A dirección do PSOE evitou referirse á reclamación de convocar eleccións tanto en Catalunya como en España. "Catalunya e o conxunto de España precisan a calma e a normalidade que debe caracterizar unha xornada coma esta nunha sociedade democrática", agregou.

13:52 | O primeiro ministro belga condena a violencia e chama ao "diálogo" en Catalunya

Nunha das primeiras reaccións internacionais ao 1-O o primeiro ministro belga, Charles Michel, sinala que a violencia "nunca pode ser a resposta" e expresa a condena do seu Goberno a "todas as formas de violencia", ademais de "reafirmar" o "chamado ao diálogo político".

13:44 | Ada Colau vota e pide a dimisión de Mariano Rajoy

A alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, participou no referendo tal e como anunciara. "Votei indignada pola represión policial, pero tamén esperanzada pola exemplar resposta da cidadanía", di a rexedora, que reclamou a dimisión de Mariano Rajoy, cuxa actuación ve "covarde".

13:20 | O PPdeG censura os apoios ao referendo e insta a Catalunya a "mirarse no espello de Galicia"

Tellado e outros cargos do PP, este domingo en Lobios

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, aproveitou este domingo a súa participación nun acto de partido sobre turismo para "lamentar" que "houbese persoas que dende as institucións que deberían ser democráticas conviden a cidadanía a vulnerar a propia democracia". Catalunya, di o número dous de Alberto Núñez Feijóo na formación conservadora, debería "mirarse no espello de Galicia" no canto de realizar un "desafío á legalidade".

13:13 | A votación, máis tranquila lonxe das grandes cidades

En localidades alén das principais cidades a votación está a desenvolverse con maior tranquilidade. Na imaxe, persoas agardando para votar en Torredembarra. Foi tomada pola eurodeputada Lidia Senra.

12:46 | O lehendakari Urkullu chama ao referendo pactado como "modelo de solución dialogada"

O lehendakari vasco, Íñigo Urkullu, realizou este domingo un "chamado" no medio dos "incidentes" que, en Catalunya, "afondan no risco de fractura social". O máximo responsable do Goberno de Euskadi expresou a través das súas contas en redes sociais a súa aposta por un "referendo legal e pactado", ao xeito dos de Quebec ou Escocia, como "modelo de solución dialogada á altura do noso tempo e das nosas sociedades".

Cómpre, di o político do PNV, evitar "situacións traumáticas que fagan máis inviable transitar, a partir de mañá, o cauce do diálogo". "Reitero tamén a mensaxe" que, di, xa "transmitiu" a Rajoy: "Isto non debe segur sendo así".

12:27 | O Goberno central dá por "desactivado" o censo universal

O Ministerio do Interior asegura que tamén "desactivou" o "censo universal" habilitado pola Generalitat para que calquera persoa poida votar noutro colexio se o seu foi pechado. A caída provocada deste sistema informático, afirma o Goberno de España, permite que unha mesma persoa poida votar varias veces.

12:14 | Zoido defende a "proporcionalidade" do dispositivo policial en Catalunya

O ministro do Interior, Juan Ignacio Zoido, saíu esta mañá ao paso das críticas ás intervencións dos axentes antidisturbios para impedir o referendo catalán e defendeu a súa "proporcionalidade". En declaracións a laSexta o responsable gobernamental considerou que a consulta non é máis ca un "paripé" que os axentes están a impedir. "Só nunha das intervencións", asegura, actuaron as forzas antidisturbios. O "causante do que está a pasar" é, en calquera caso, o president Puigdemont, afirma.

11:57 | Ringleiras de votantes onde non interveu a Policía

As imaxes dos locais electorais nos que interviron as Forzas de Seguridade do Estado para impedir o referendo contrastan coa doutros nas que non o fixeron, onde persoas que desexan votar agardan facendo ringleiras. Os fallos do sistema informático están a ralentizar o proceso, segundo informa Oriol Solé.

11:39 | Persoas feridas nas cargas policiais do Eixample barcelonés

Persoa ferida nun ollo na rúa Sardenya de Barcelona / Robert Bonet

As cargas policiais que a Policía Nacional realizou en varios puntos do barrio barcelonés do Eixample para evitar o referendo deixaron varias persoas feridas. Durante a súa retirada da contorna do colexio Ramón Llull os axentes dispararon bólas de goma. As persoas feridas nas cargas policiais en toda Catalunya son 38 atendendo ás cifras dos servizos de emerxencia, segundo informa Arturo Puente para Catalunya Plural.

11:09 | O voto de Punset

Malia á tensión da xornada do 1-O en Catalunya algúns rostros coñecidos están a amosar o seu apoio ao referendo. É o caso do divulgador científico Eduard Punset; o que fora ministro coa UCD amosou en Twitter o momento da súa votación e escribiu "a democracia é imparable".

10:53 | A Generalitat afirma que "tres de cada catro" mesas foron constituídas

O voceiro do Govern asegura en rolda de prensa que "o73% das mesas", un total de 4.561, puideron ser constituídas. Jordi Turull aproveitou a súa comparecencia para reclamar a dimisión do delegado do Goberno centralen Catalunya, Enric Millo, ao que considera "responsable" directo da "represión" policial e "violencia de Estado" que, ao seu xuízo, lembra aos tempos da ditadura, dixo.

10:44 | O Govern difunde imaxes dos seus membros a votar

O Executivo catalán está a amosar a través das redes sociais imaxes dos seus membros a votar tras esquivaren a suspensión do referendo decretada polo TC e que efectivos policiais están a aplicar con diferentes accións por toda Catalunya. Na imaxe, o vicepresidente do Govern da Generalitat, Oriol Junqueras.

10:28 | Os Mossos d'Esquadra aseguran que cumpren as ordes xudiciais

Despois de que, dende primeiras horas da mañá, o Ministerio do Interior suxerise que os Mossos d'Esquadra non están a impedir o referendo como deben, a conta oficial da policía catalá en Twitter vén de afirmar que están a "traballar para dar cumprimento ás ordes" do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya ao respecto. Fano, din, "con proporcionalidade e adecuándonos a cada situación para garantirmos a seguridade".

10:11 | Fallos no aplicativo informático dos colexios electorais

Membros das mesas electorais que se puideron constituír aseguran que o aplicativo informático habilitado pola Generalitat para a votación comeza a amosar fallos, o mesmo que a conexión a internet. No entanto, esas interrupcións da conexión non son xerais e nalgúns barrios funciona con normalidade nalgúns colexios e noutros, non, segundo informa Catalunya Plural.

9:54 | Puigdemont consegue votar

O president da Generalitat, Carles Puigdemont, conseguiu votar nunha das urnas instaladas en Cornellà de Terri despois de que a Garda Civil interviñese no colexio de Sant Julià de Ramis no que tiña previsto facelo. A imaxe difundiuna Jordi Sánchez, presidente da ANC.

9:41 | O Goberno central: "Obrigáronnos a facelo"

O delegado do Goberno de España en Catalunya, Enric Millo, vén de comparecer para valorar o operativo policial contra o referendo. Segundo o alto cargo gobernamental, "vímonos obrigados a facer o que non queriamos facer", dixo en referencia ás cargas policiais. Segundo o responsable popular, o Govern da Generalitat é o responsable de "axitar a rúa" e a súa "irresponsabilidade" non fixo máis que "poñer en risco a moitos cidadáns, incluídos nenos e anciáns", informa Oriol Solé.

9:32 | O Ministerio do Interior amosa imaxes de urnas incautadas

O Ministerio do Interior está a destacar na súa conta de Twitter as accións que están a desenvolver a Policía e a Garda Civil en Catalunya para, din, "facer cumprir a lei de forma ordenada". "A Policía e a Garda Civil SI cumpren as ordes do xuíz", di a conta oficial.

9:24 | A Garda Civil intervén no colexio no que ía votar Puigdemont

Efectivos antidisturbios da Garda Civil entran rompendo os cristais ao local habilitado como colexio electoral en San Julià de Ramis, onde estaba previsto que votase o presidente da Generalitat, Carles Puigdemont. Imaxe da emisión ao vivo de TV3

9:12 | A Policía marcha coas urnas do colexio Jaume Balmes de Barcelona 

A Policía Nacional intervén as urnas do colexio Jaume Balmes de Barcelona entre protestas das persoas concentradas no exterior. 

9:03 | Ringleiras para poder votar, tamén fóra de Barcelona

Chegada da delegación de membros da Eurocámara a un colexio electoral de Sant Boi / Praza Pública

Mentres a Policía Nacional intervén colexios electorais en Barcelona, vivíndose xa as primeiras cargas, noutras localidades centos e mesmo milleiros de persoas agardan para poder votar. É o caso deste colexio de San Boi de Llobregat, ao que os Mossos d'Esquadra acudiron para entar pechalo, pero desistiron da intención por mor do volume da aglomeración cidadá. Contra as 9 da mañá acudiron a este centro os membros da delegación do Parlamento Europeo que seguen a xornada.

9:00 | Hora prevista pola Generalitat para a apertura de máis de 2.000 colexios electorais

O Govern catalán asegurou na presentación do dispositivo do referendo ter prevista a apertura de 2.315 colexios electorais en todo o territorio catalán. Os Mossos d'Esquadra deron a indicación de desaloxo dos espazos públicos destinados ás votacións por orde xudicial. A instrución do major da policía catalá, Josep Lluís Trapero, estipula que deben ser baleirados e pechados, pero sen empregar a violencia.

8:45 | A Policía comeza a tentar o desaloxo de locais electorais

Efectivos da Policía Nacional despregados para impedir o referendo comezan a tentar o desaloxo de locais electorais entre as primeiras escenas de tensión coa veciñanza que tenta mantelos abertos. Na imaxe, a escola Jaume Balmes, de Barcelona, tomada por Oriol Solé para Catalunya Plural.

8:30 | Constitúense as primeiras mesas electorais mentres se mantén a mobilización


Concentración en Cotxeres (Sants), en defensa do referendo e para evitar o peche dos locais de votación / Praza Pública

En diversas localidades catalás constitúense xa as primeiras mesas electorais do 1-O. Uns 12.000 efectivos das forzas de seguridade están xa despregados mentres se mantén a mobilización para evitar o peche de locais electorais, nos que veciñanza e colectivos sociais estiveron durante toda a noite. Na imaxe, unha concentración en Cotxeres (Sants).

8:05 | O Govern anuncia un censo electrónico e universal

Nunha comparecencia ante a prensa os consellers Jordi Turull e Raül Romeva anuncian a posta en marcha dun censo único, electrónico e universal para a votación. Este sistema, din, permite que o electorado poida participar en calquera colexio e non só no que ten asignado e asegura, din, que cada persoa non poida votar máis dunha vez. Cóntao Arturo Puente para Catalunya Plural.

6:25 | TV3 amosa unha imaxe das primeiras urnas do 1-O

Mentres milleiros de persoas voluntarias fan garda nos locais habilitados como colexios electorais, a televisión pública catalá amosa a chegada das primeiras urnas do referendo a un deles. Os Mossos deran a instrución de ter pechados todos estes locais antes das 6 da mañá deste domingo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.