0 Gardados para despois

Milleiros de persoas defenden en Santiago a autodeterminación de Catalunya

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Unha familia catalá de turismo en Santiago sorpréndese ao chegar á Praza de Praterías e atopala a rebordar de manifestantes que berran "votarán, votarán". Rapidamente piden prestada unha bandeira do "si", das editadas pola Assemblea Nacional Catalana e nai, pai e filla tiran unha foto coa manifestación de fondo. Fanno exactamente no mesmo lugar no que, escasos minutos antes, un turista que agardaba na ringleira de acceso á Catedral compostelá deixou a súa quenda para se achegar ás escaleiras e lanzar varios sonoros berros de "viva España, viva España!", se cadra á procura dunha reacción que non foi outra que a indiferencia de quen o ouviron.

Estas dúas escenas poden, se cadra, ser unha mostra de resumo do vivido o mediodía deste sábado na capital galega, data e lugar elixidos pola plataforma Galiza con Catalunya para a súa manifestación en "solidariedade" e apoio ao referendo de autodeterminación convocado para o 1-O e suspendido polo Tribunal Constitucional a instancias do Goberno de España. Con menor presenza policial visible que outras moitas mobilizacións acollidas polas rúas compostelás, entre a multitude cundiu a sensación de certa sorpresa polo volume da concorrencia, maior do agardado.

Con representantes de forzas parlamentarias como o BNG ou En Marea, da práctica totalidade do soberanismo organizado, de sindicatos como a CIG ou a CUT e mais de diversos colectivos sociais e culturais, a manifestación partiu da Alameda compostelá cun clima festivo e entre proclamas a prol da autodeterminación galega e catalá e mais en defensa do propio referendo do 1-O. "Votar non é delito" ou "Estado español, Estado policial" repetíronse en diversas ocasións como mostra de rexeitamento á prohibición.

Tras arredor dunha hora de percorrido a cabeceira da manifestación chegou ás Praterías, coas súas escaleiras como escenario presidido por senllas bandeiras catalá e galega con cadansúas estrelas e a representación dunha gran urna de cartón, que despois sería acompañada por outras urnas reais para que os manifestantes que o desexasen puidesen votar simbolicamente. As papeletas distribuídas pola organización eran, por unha cara, unha reprodución das editadas polo Govern de la Generalitat e pola outra, a tradución ao galego de L'Estaca, a popular canción de Lluis Llach que fora himno antifranquista e que o movemento a prol do referendo adoptou tamén como propio nos últimos meses.

Participantes na manifestación a prol do referendo catalán / Praza Pública

Ringleiras de peregrinos e turistas ían abríndose oco entre a concentración, para a que Praterías resultou escasa, durante a lectura do manifesto final. A plataforma convocante ve a autonomía de Catalunya "suspendida" por parte do Estado e censura  as "ameazas constantes dun réxime decrépito" que "chama referendo ilegal á democracia e desafío secesionista ao dereito de autodeterminación", din. Pero "A imposibilidade de pór cancelas á vontade popular" xa foi quen de "desbordar hai tempo as marxes", de aí que "para os poderes centrais non sexa só unha cuestión territorial", porque está "todo en xogo".

A plataforma convocante censura as "ameazas constantes" á convocatoria do referendo 

Esta plataforma e os colectivos que a compoñen animan "a toda a comunidade galega nese país irmán a dicir si ao referendo, si a Catalunya como Estado independente en forma de república e si á democracia". "Estamos convencidas -afirman- de que máis cedo que tarde unha oportunidade semellante se abrirá ao alcance das nosas mans".

Os aplausos ao manifesto final sucederon nas Praterías á música de Roberto Sobrado, cuxa actuación deu paso aos acordes de L'Estaca, esgrimidos pola concorrencia de novo ao berro de "votarán, votarán". A familia da foto uniuse ao canto coral e outro grupo de turistas preguntaba que era exactamente o que alí se reivindicaba, se a independencia para Galicia ou para Catalunya. Na lindeira Praza da Quintana, mentres, media decena de axentes antidisturbios conversaban entre eles sen incidente ningún no horizonte. De fondo soaba o himno galego, que puxo fin á mobilización e o perenne guitarrista da Quintana tornaba L'Estaca en blues.

Desactivar os subtítulos Activar os subtítulos

Canto de L'Estaca ao remate da manifestación a prol do referendo catalán en Santiago

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Concentracións claman pola "unidade de España" fronte a varios concellos

Este sábado foi tamén a xornada elixida para a celebración de concentracións en defensa da "unidade de España". No caso galego o seguimento da convocatoria da Fundación para la Defensa de la Nación Española non tivo o apoio formal de ningún partido político maioritario e o seu seguimento foi desigual, coas concentracións da Coruña e Vigo como as máis numerosas.

A convocatoria da Fundación para la Defensa de la Nación Española tivo seguimento desigual en Galicia, coas concentracións da Coruña e Vigo como as máis numerosas, con varias ducias de persoas

Consignas como "viva España" ou "viva Cataluña española" combináronse nestes actos con outras como "viva la Guardia Civil", "vivan las Fuerzas Armadas" ou, no caso da mobilización coruñesa, "vivan los Boinas Verdes". A simboloxía máis presente nestas protestas foi a bandeira española.

En cidades como Lugo ou Santiago o seguimento desta convocatoria foi moito menor e nelas os "vivas" a España alternáronse con críticas ao soberanismo catalán ou ao ensino da lingua galega. En ningunha delas se produciron incidentes.