0 Gardados para despois

Catro visións galegas e unha conclusión desde Catalunya: "A solución é un referendo"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A tan só días do 1-O, Catalunya albisca unha xornada histórica. Pase o que pase, o vindeiro domingo será un momento clave no Estado e nun procés que agromou coa fallida aprobación do Estatut recorrido polo PP, avanzou coa masiva manifestación de 2012 e asentou cunha mobilización constante do soberanismo. En territorio catalán son arredor de 80.000 os galegos con dereito a voto, nados en Galicia aos que hai unir os milleiros de descendentes dun dos principais colectivos emigrantes naquela terra.

Uns 80.000 galegos poden votar en Catalunya; falamos con catro deles tres anos despois de escoitar a súa opinión sobre o 'procés'

Hai agora tres anos, catro destes galegos en Catalunya reflexionaban sobre a situación a poucos días da Diada e nas semanas previas ao 9-N. Con afinidades políticas diferentes e experiencias moi diversas, todos coincidían daquela no dereito dos cataláns a decidir o seu futuro. 36 meses despois, volvemos falar con eles. Manteñen a defensa da consulta á cidadanía como mellor solución a un conflito que, asumen, está cada vez máis enquistado. 

Son Marta, Xan, Maruxa e Anxo. Algúns con poucos anos en Catalunya, outros con máis de media vida, pero todos expectantes ante o que pasará logo do 1-O e con cadansúa forma de vivir o conflito político. "É todo moi emocionante, pero preocupante tamén; hai ilusión e optimismo e ganas de votar, pero non se vive con tanto dramatismo nin coa desunión que se intenta transmitir desde algúns medios", conta Anxo Baranga, pintor, debuxante de banda deseñada, director e actor de teatro de 61 anos que leva máis de trinta aló. Marta Sanchís, ferrolá de 32 anos, describe o ambiente como "un pouco raro" e recoñece "incerteza" ante o que vai pasar. "O ambiente está crispado; o independentismo xa estaba mobilizado, agora hai xente amolada que non pensa igual, pero tamén moitos que se mobilizan polo dereito a votar e contra as imposicións que chegan do Goberno do Estado", engade esta administrativa residente en Badalona e con pouco máis de tres anos de emigrada. 

"É moi emocionante, pero preocupante tamén; hai ilusión e ganas de votar, pero non se vive con tanto dramatismo", di Anxo Baranga

Maruxa del Puerto, da Pobra do Caramiñal, acaba de ter unha meniña. A súa parella catalá e ela aseguran vivir a situación "con tranquilidade, malia que o momento non é o ideal". Con máis dunha década en Barcelona, asegura que irán votar o domingo porque cren "na democracia e nas solucións políticas aos problemas políticos". Xan Picos, ferroviario de 39 anos que leva dez emigrado, non irá. "Traballo o sábado e o domingo á noite, así que descansarei... E case mellor", conta. Recoñece estar "preocupado e estraño". "Non me atopo cómodo e é a primeira vez que pensei en poder marchar; non me gusta a deriva, nin como o levan desde aquí nin como responde o Estado. Traballo nunha empresa estatal e non sei que consecuencias terá todo isto para min", engade. 

Respecto a un posible conflito social na rúa, os testemuños son moi coincidentes. Maruxa cre que, en realidade, o que hai son "manifestacións políticas" e que, no caso de existir esa crispación ou conflito, "non é só en Catalunya". "A presidenta das Cortes de Aragón foi agredida pola extrema dereita por defender o dereito ao voto; o problema non está só aquí", explica. Xan asegura que na rúa "non se ve" enfrontamento, pero o referendo ou o procés si é un tema habitual de conversa. "Traballo con moita xente de fóra e si que hai quen di agora que igual marcha, pero os medios inflúen moito, tanto o discurso antiespañol dalgúns de aquí como o anticatalán que teñen moitos en España", engade. 

Marta Sanchís cre que a protesta "estase espallando": "Mestúrase a mobilización independentista coa de quen, sen selo, rexeita a actuación do Estado"

"Hai unha narración demasiado dramática por parte dos medios de comunicación estatais", pensa Anxo, que cre que a maioría da poboación "quere votar". Marta, pola súa banda, o que máis nota é que a protesta "estase espallando". "En Badalona e en moitos zonas, agás no centro das cidades, non había moita mobilización, pero estes días chegaron as cazoladas ou as manifestacións", explica quen cre que na indignación "mestúranse agora os independentistas con moita xente que non está nin en contra nin a favor da independencia pero que si rexeita a resposta que está a dar o Goberno central". 

É unha reflexión compartida. "Estou totalmente de acordo con que a resposta do Goberno central ampliou a protesta. Moita xente que non é independentista agora quere protestar e mobilizarse", asegura Xan Picos, que considera que "suspender a autonomía de facto, entrar coa Garda Civil nas consellerías ou deter cargos políticos nas súas casas é moi forte". Todos cren que a operación policial e todas as iniciativas tomadas polo Estado nos últimos días alargaron a base soberanista. 

"Non estou de acordo coas respostas drásticas e as detencións; o único que fai o PP é aumentar o independentismo", di Maruxa del Puerto

"Non estou de acordo coas respostas drásticas e as detencións destes últimos días; o único que fai o PP é aumentar o número de independentistas", explica Maruxa, que cre que "a xestión dos tráxicos atentados de Barcelona e esta última operación policial incrementaron en menos dun mes o número de persoas que vai votar e que vai votar si, mesmo xente que non é independentista". E pon un exemplo: "CCOO, UGT ou a CGT, que non se mollaban moito no conflito, agora maniféstanse a favor do dereito a decidir e do voto". "Hai xente que non é independentista e está indignada, que percibe odio de fóra e que se mobiliza", engade Marta Sanchís, que non entende por que "todo se fai á forza". "Uns din á forza que cara adiante e outros que non porque si", engade, antes de aclarar que "o dereito a que o pobo vote si deberían telo". "Democracia? Non poder votar non o é", insiste. 

A opinión é semellante en todos os casos. Anxo lembra que "moitísima xente, millóns de persoas, cada ano desde hai tempo, mobilízase e quere votar". "O referendo hai que facelo porque a resposta ao problema ten que ser consultar o pobo", explica quen cre que o Goberno central "debería aceptalo, pactalo e facer campaña polo non, non hai outra; non se lles pode dicir aos cataláns que hai que buscar outra solución, a discusión debe ser sobre a pregunta e sobre a data e logo, a facer campaña, como fixeron os británicos con Escocia", di. Baranga vai máis aló. 

"No seu momento púidose facer un referendo, nin tan sequera vinculante senón consultivo", lembra Xan Picos

"Estou convencido de que se o referendo o fixese o Goberno central, quedaría como un goberno democrático ante Europa e ante a poboación catalá, que se sentiría moito máis cómoda dentro de España... E gañaría o non, pero agora non estou seguro de que opción vencería", insiste Anxo, que cre que agora "xa non se pensa tanto na independencia como na democracia". "Pasaron unha liña vermella e cometeron un grave erro", di respecto do Executivo de Rajoy. 

Xan Picos tamén cre que a solución é consultar ao pobo, pero mesmo moito antes. "No seu momento púidose facer un referendo, nin tan sequera vinculante senón consultivo, no que se preguntase pola relación de Catalunya con España, pero agora non o vexo, pasáronse as liñas vermellas e ningunha das dúas partes parece disposta a falar", explica. 

Algunos estudiantes cortaron la Diagonal esta mañana con urnas de cartón gigantes. /Foto: SEPC

Estudantes mobilízanse cunha urna xigante de cartón días antes da celebración da consulta do 9N en Catalunya / SEPC 

"O ideal e desexable é un referendo pactado"

Maruxa considera que "o ideal e o desexable sería un referendo pactado", pero cre que "mentres o PP estea no Goberno de España será imposible". "O Partido Popular aquí é cuarta ou quinta forza e, probablemente, despois disto irá a peor; teno perdido, sobre todo cun candidato como Albiol, pero coa forma de actuar en Catalunya gaña moitos votos no resto das comunidades", asegura quen cre que o PP é "o principal culpable" da situación actual. 

"O PP aquí teno perdido, pero coa forma de actuar en Catalunya gaña moitos votos no resto das comunidades"

"Podes acusar o independentismo de estar nunha posición moi contraria e radical, pero ninguén lles poderá dicir que non levan tempo avisando do que van facer. Pasaron moitos anos de inacción política e de non facer nada por parte do PP e non creo que haxa outra vía posible que non sexa o referendo", engade Del Puerto, que advirte que "se cadra hai cinco anos un novo financiamento ou un Estatut sen os recortes do Constitucional podería ser unha solución". "Pero agora mesmo non hai outra solución que non sexa votar", engade. 

Non faltan as críticas á forma na que o Parlament aprobou as leis do referendo e de transitoriedade. "Xa se viu como foi aquilo, como se tivo que aprobar e ante iso o Goberno central responde coa forza, da mesma maneira que eles ou peor", di Xan Picos. "Tal e como se fixo foi un desastre, pero pódese entender porque non hai outra opción; foi todo unha loucura por non deixar facer un referendo de maneira legal e no que, de así ser, gañaría o non seguro", engade Baranga, que advirte de que "se saltaron as leis porque se está desobedecendo". "As leis están feitas para  xente e non ao revés; os homosexuais pódense casar porque se protestou e se mudaron unhas leis que antes o consideraban ilegal... E así con tantas cousas", insiste quen non ve "lexítimo que non se poida votar para que cada un se organice como queira". "Seduce os cataláns, convénceos, pero non os insultes nin os chames egoístas nin os reprimas... Se así o fas, é normal que queiran marchar", conta. 

"Se o Goberno central tivese organizado un referendo, gañaría seguro o 'non'... Agora non sei que opción vencería"

Todos, ademais, coinciden en que a solución puido chegar antes. "Todo empezou por un tema económico que se puido solucionar a través do diálogo entre o Goberno de España e a Generalitat, ese foi o inicio de todo", explica Marta Sanchís. Para Xan, o amaño agora é "complicado". "Tiíñase que ter chegado a un acordo moito antes, pero agora as dúas posturas están radicalizadas e viran cara aos seus extremos", insiste quen di que nos últimos tempos escoitou "discursos supremacistas que nunca escoitara en Catalunya" e que repara tamén "nesas imaxes de gardas civís e polícias saínda cara aquí e sendo aclamados".

Tres anos despois, estes catro galegos recoñecen maior incerteza ante o futuro e lamentan que a solución non se procurase nin se conseguise antes. Pero asumen, tamén, que chegados a este punto escoitar a cidadanía é a única alternativa. "Agora xa, o referendo é a única solución", remata Maruxa ao carón da súa meniña, de apenas unhas semanas de vida. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.