A ollada galega do "brutal" clamor independentista en Catalunya

Manifestación na Diada CC-BY-NC-ND Anna Fuster

"É a festa nacional catalá e todo o mundo é libre de facer as manifestacións que queira". Manuel Carrete, presidente do Centro Galego de Barcelona, fala aquí como historiador e galego que leva anos en Catalunya. Ao igual que moitos outros emigrantes chegados xa hai tempo, afástase das esaxeradas reaccións duns e doutros no resto do Estado e aposta por tomar "con normalidade" o que cualifica como unha manifestación histórica. Tamén Anxo Baranga, natural de Valdeorras, pintor, debuxante e actor e director de teatro, que acudiu a unha concentración que define como "brutal" e que "suporá un antes e un despois", pero que ve "normal e democrático" que a xente de "calquera pobo poida ter capacidade para ser autónomo e gobernarse por si mesmo".

"Catalunya é un país con lingua e cultura propia que quere ser máis país; a min que se fale de independencia dáme un pouco igual, o que me molesta é que falando diso non falemos da cantidade de políticos inútiles e caros que temos ou da baixada dos pensións", engade Luís Lamas, ex presidente do Centro Galego de Barcelona e máximo dirixente da Confederación de Entidades Culturais Rexionais en Catalunya. E fálase moito. "As radios fervían, están eufóricos", engade Baranga, que aprecia con naturalidade unha demanda soberanista que "pode cambiar as cousas". "É un punto de inflexión porque agora xa colleron a ruta e os cataláns son moi pacientes; están convencidos de que sendo independentes tirarán mellor cara a adiante", asegura este director teatral residente en Barcelona e que insiste en que "a xente non debería preocuparse por nada".

"É un punto de inflexión porque os cataláns xa colleron a ruta e son xente moi paciente"

"O Estado español é democrático e a UE tamén; España foi un invento político que funcionou, pero que dura o que dura; se os fillos queren marchar da casa, pouco podes facer por evitalo", insiste Baranga, que acepta tamén "moitos matices" na masiva manifestación do Onze de Setembre. "A independencia foi unha reclamación maioritaria, pero hai xente que apoiaría un estado confederal, o federalismo ou maiores cotas de soberanía; o problema é que non ven saída coa estrutura actual", aclara, nunha apreciación na que coincide con Manuel Carrete, que engade que "hai un descontento xeral, ben sexa con España ou cos recortes que se aplican".

"Non me parece axeitado falar tanto de independencia mentres nos están a recortar as pensións"

"Desgrazadamente, imos almorzar, comer e cear co tema da independencia e así xa non se falará tanto dos axuste económicos; non me parece axeitado estar falando seguido de soberanismo mentres nos recortan as pensións", advirte Luís Lamas, que cre que "se cadra, Catalunya gastou demasiados cartos en facer país cultural e lingüísticamente mentres deixaba morrer a industria e a economía".

Para Raimundo Viejo, galego doutor en Ciencia Política e da Administración, profesor na Universitat Pompeu Fabra de Barcelona e experto en nacionalismos, a manifestación do pasado martes "foi un punto de inflexión histórico". "A independencia deixou de ser un obxectivo para incluírse na orde do día política; pasamos do que facer a como facelo, a como acadar a soberanía", explica quen cre tamén que "na realidade europea e neoliberal actual, a independencia non ten moito sentido".

"Eu non teño a menor intención de quedar en España, dáme igual, pero creo sinceramente que non se pode facer o que se está dicindo que hai que facer", asegura, para aclarar máis adiante: "Foi un gran momento emocional, de reivindicación e unha chamada de atención ao Estado español, pero tamén coloca o independentismo de fronte á realidade: quen che vai dar a independencia? como se funda unha moeda catalá? e o hipotético exército? As armas están na OTAN e os cartos en Francfort".

"Estamos nunha UE na que os estados non teñen control da súa economía e Catalunya está feita unha merda... Como tiraría cara a adiante un estado independente catalán?", pregúntase Viejo, que cre que a independencia plena "é inviable", pero que non descarta que a comunidade autónoma "obteña máis competencias ou logre modificar a estrutura territorial do Estado español". "E Artur Mas sabe perfectamente que todo é política ficción, por iso non foi á manifestación", insiste o profesor universitario, que ve nesa "normalidade" coa que en Catalunya se trata a reivindicación unha evidencia de que "está máis determinada polo simbólico que polo obxectivo real final".

"Falar de independencia cando as economías non superaban as barreiras do Estado é moi bonito, pero nesta UE neoliberal é inviable"

"A maioría da xente en Catalunya non ten identidades excluíntes; agora hai unha morea de bandeiras catalás nas fiestras, pero non hai moito tamén as había de España cando a selección de fútbol gañou a Eurocopa", lembra quen si recoñece que a xestión do Estatut e a "falta de soberanía real" pode estar "rachando cunha memoria histórica entre a poboación catalá". "Pero falar de controlar o teu destino económico cando as economías non superaban as barreiras do Estado é moi bonito, agora que todo o deciden os mercados e Europa...", reflexiona.

Sexa como for, todos os galegos consultados asumen con total naturalidade o debate. Mentres Luís Lamas cre que non verá "unha Catalunya independente nos próximos cincuenta anos", Anxo Baranga está convencido de que "a capacidade do pobo catalán para presionar os seus políticos" pode abrir o carreiro cara a independencia. Manuel Carrete, ao tempo, advirte de que os cataláns "son xente libre que cando se une vai toda xunta polo mesmo obxectivo" e Raimundo Viejo instálase no pragmatismo de quen coñece como poucos a realidade sociopolítica. "Neste escenario, é un brinde ao sol; lembremos que non houbo nunca unha secesión dentro da Unión Europea", remata.

Dúas mozas, na manifestación da Diada CC-BY-NC-ND Fotomovimiento
Manifestación na Diada CC-BY-NC-ND Anna Fuster

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.