Padín, de Converxencia 21, será alcalde de Tui grazas ao PP con só dous edís

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, do PSdeG, primeiro pola esquerda, nunha visita á vila de Alfonso Rueda, á dereita. Dominio Público Xunta de Galicia

Carlos Vázquez Padín, presidente nacional de Converxencia 21, formación que se define como liberal e que defende que “non pode haber ningún límite de decisión máis ca o que o pobo galego queira”, será o novo alcalde de Tui por decisión do PP malia que só conta con dous concelleiros. Os populares, con catro edís na Corporación máis fragmentada de Galicia, veñen de unirse a outras pequenas formacións locais de centro-dereita para asinar e rexistrar este luns unha moción de censura contra o goberno local encabezado ata o de agora polo PSdeG.

Os populares obvian as reiteradas apelacións de Feijóo a que goberne a lista máis votada e danlle a alcaldía a unha formación soberanista

As constantes apelacións do presidente Feijóo para que goberne en todos os niveis a lista máis votada vén de ser obviada novamente polo seu propio partido, disposto a facer alcalde a Vázquez Padín. Unha operación para a que este, por outra banda, puxo como condición que o resto de formacións se renovasen de xeito que non queda xa na Corporación local ningún dos edís que marcaron a conflitiva vida política local nas dúas últimas décadas.

Os sucesivos enfrontamentos desde 1998 entre os líderes locais do PP e os doutras formacións escindidas del desembocaron nas eleccións municipais de 2015 na composición da Corporación máis fragmentada de Galicia. O PP gañou os comicios con só 4 dos 17 concelleiros da Corporación, seguido do PSdeG (3 concelleiros), a Converxencia 21 de Vázquez Padín (2), BNG (2), Ciudadanos Tudenses (2), a formación do ex-alcalde do PP Miguel Ángel Capón Rey Alternativa Tudense (2), Son de Tui (1) e Alternativa Popular de Tui (1). Foi investido alcalde o socialista Enrique Cabaleiro, co apoio de seis dos oito partidos e 11 dos 17 concelleiros: PSdeG (3), Converxencia 21 (2), BNG (2), Capón Rey (2), Son de Tui (1) e AP de Tui (1). Porén, nin Converxencia 21 nin AP de Tui entraron a formar parte do goberno local.

Este luns, PP, Converxencia 21, Ciudadanos Tudenses e AP de Tui veñen de formalizar a moción de censura con Vázquez Padín como candidato á alcaldía. Previamente, os líderes e principais edís das outras formacións deixaron os seus postos como condición previa de Vázquez Padín para impulsar a operación.

A de Tui forma parte dunha estratexia global do PP de Pontevedra por reunificar o partido alí onde houbo escisións que contribuíron á súa vez á perda da Deputación

A moción de censura en Tui prodúcese coa dirección provincial do PP de Pontevedra, co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, á súa fronte, centrada no seu obxectivo de reunificar o centro-dereita nas vilas nas que diversas escisións provocaron en 2015 tanto a perda do goberno local como da Deputación de Pontevedra. Nesa estratexia, Tui preséntase como unha praza fundamental no seu partido xudicial. E nesa liña, o pasado 30 de maio Telmo Martín volvía á alcaldía de Sanxenxo tras entregarlla o anterior rexedor, Gonzalo Pita, escindido anteriormente do PP.

Resultados das municipais de 2015 en Tui Dominio Público Boletín Oficial del Estado
Carlos Vázquez Padín, presidente nacional de Converxencia 21 Dominio Público Converxencia 21

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.