0 Gardados para despois

O Govern pide mediación internacional e o PP di que o 1-O e os 800 feridos son "unha farsa"

Oriol Solé AltamiraOriol Solé Altamira


Rodrigo Ponce de LeónRodrigo Ponce de León | @rodrigopdl


Última chamada antes de declarar a independencia. O president da Generalitat, Carles Puigdemont, pediu ao Goberno de Mariano Rajoy que acepte sentar nunha mesa de diálogo presidida por mediadores internacionais. Se o Executivo central se nega, advertiu Puigdemont, o Parlament disporase a proclamar a independencia de Catalunya. E o PP xa descartou con rotundidade esa posibilidade. 

Puigdemont pide un diálogo a tres bandas: Generalitat, Goberno central e mediadores internacionais

"Nin eu nin o Govern estamos a declarar a independencia", quixo deixar claro Puigdemont, que indicou que o seu Executivo, logo da xornada do 1-O, tomou a decisión de "invocar a mediación real e sincera" a través desta mesa de diálogo a tres bandas: Generalitat, Goberno central e os mediadores internacionais. 

O PP, tan só unhas horas despois do referendo, respondeu con contundencia, advertindo que "todo é unha farsa, como a manipulación de que haxa 800 feridos". O coordinador xeral do partido, Fernando Martínez Maíllo, insistiu en que "todo é unha gran manipulación para conseguir os seus obxectivos de ilegalidade". Asegurou que a súa formación "apoia todas as actuacións do Goberno" ao ser preguntado pola resposta policial e teimou na "grande operación de márketing manipuladora que ten como obxectivo a vitimización do nacionalismo para conseguir a súa estratexia independentista, que é manipuladora e mentireira".

Maíllo asegura que "todo é unha farsa, como a manipulación de que haxa 800 feridos"

Mentres Puigdemont, na súa comparecencia desde luns, mostrou o camiño que seguirá se o Goberno non quere participar da mesa de diálogo: declaración unilateral de independencia no Parlament. "Se hai unha mediación, falamos de todo, se non se produce, tamén explicamos o que pasa: a saída está no Parlament e é perfectamente clara", indicou Puigdemont que, con todo, non concretou se esta declaración se faría nas 48 horas tras o 1-O que marca a lei do referendo.

A Generalitat pide á UE que "apadriñe" o diálogo e advirte de "actores" internacionais "dispostos a facilitar o diálogo"

Sobre quen ten que adoptar o papel mediador internacional, o president indicou que a Unión Europea "formalmente" non debería selo, aínda que si tería que "apadriñar" e recoñecer a mesa de diálogo. Segundo dixo o president, hai "actores" internacionais, xa sexa institucións, gobernos ou ex-mandatarios (que non identificou), "dispostos a facilitar o diálogo" entre Goberno e Generalitat.

No plano europeo, Puigdemont mostrouse "decepcionado como cidadán" coa reacción da Comisión Europea ao 1-O, que avisou o Goberno de que "a violencia non pode ser un instrumento en política" e que dixo "confiar" en Rajoy para arranxar a situación. 

O que si descartou o president a curto prazo é a convocatoria de eleccións ao Parlament. Se os cataláns volvesen ás urnas para uns comicios, dixo Puigdemont, sería nunhas eleccións "constituíntes" da república catalá.

Puigdemont non puxo explicitamente nin o referendo nin a proclamación de independencia como temas da mesa de diálogo internacional, aínda que, como fixo este domingo, considerou que os resultados do 1-O "vinculan" ao Govern e que tras a votación os cataláns "gañaron o dereito a ser escoitados e respectados". E avisou de que, sexa cal for o resultado da mesa, o Govern non contempla o mantemento do actual "status quo" como alternativa.

Neste sentido, Puigdemont recoñeceu que o diálogo da mesa de negociación tamén tería que versar sobre a soberanía de Catalunya. "A xente quere falar de Catalunya. A xente non saíu á rúa o domingo para falar do sistema de financiamento", lanzou o president.

"A xente quere falar de Catalunya. A xente non saíu á rúa o domingo para falar do sistema de financiamento"

"Hai que pór fin á restrición de liberdades que se viviu onte e favorecer a mediación leal e sincera. Hai disposición de xente de fóra a asumir este rol, pero non é suficiente que este rol sexa aceptado por unha das partes. O Goberno español tamén ten que estar disposto a aceptalo", aseverou Puigdemont. Ás poucas horas, o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, reclamoulle a Rajoy que abra unha negociación "inmediata" co xefe do Executivo catalán.

Ademais desta petición, Puigdemont anunciou a creación dunha comisión de expertos para "chegar ata o final" na investigación das cargas policiais do 1-O, e esixiu a Interior a retirada de todos os efectivos policiais desprazados a Catalunya polo 1-O. 

 

"Non houbo referendo, só un pucheirazo"

Ao tempo que Puigdemont ofrecía unha última oportunidade de diálogo, o PP desexaba "a pronta recuperación dos feridos, incluídos os policías e gardas civís" e advertía que non se escoitar a ninguén da Generalitat pedir a súa recuperación. "Tan só se utilizaron antidisturbios nunha ocasións e foi cando se viron acurralados", dixo Maíllo malia as imaxes de violencia que recolleron a maioría de xoranis europeos e a chamada de atención da Comisión Europea. Interior, no mesmo día, elevou de 39 a 431 os policías e gardas civís feridos no 1-O. 

O PP defende a actuación policial: "Tan só se utilizaron antidisturbios nunha ocasión e foi cando se viron acurralados"

"O Goberno sente o total apoio dos líderes dos países europeos; ningún país da UE pode aceptar un desafío da rotura da legalidade vixente porque sería rachar coa lei no seo de Europa", engadiu quen criticou con dureza a Pablo Iglesias e que advertiu tamén que o Executivo "non vai dar un paso atrás" na defensa da legalidade". Así, pediu a Puigdemont "que non tome decisións en quente porque non van a ningures e teñen consecuencias inevitables" e reclamoulle que, para sentar a negociar "volva ao Estatut e á Constitución"

Ante a petición da Generalitat dunha intermediación internacional para establecer un diálogo co Goberno, Martínez Maíllo descartouna rotundamente logo de non descartar medida ningunha, como a asunción do mando dos mossos a través da Lei de Seguridade Nacional. 

Os populares negan que houbese referendo, urnas ou papeletas e rexeitan o diálogo con mediadores internacionais

"Non houbo referendo de autodeterminación. Non houbo urnas nin papeletas, só unha gran farsa cuns cubos que nos montaron, un gran pucheirazo", insistiu Maíllo, que dixo que non entraría a valorar os resultados. "Houbo xente votando varias veces ou na rúa, foi unha gran mentira", rematou. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Un paro este martes en protesta pola actuación das forzas de seguridade

A Generalitat, o Concello de Barcelona e os principais sindicatos gardaron dez minutos de silencio este martes en praza Sant Jaume como preludio ao "paro cívico" convocado para este martes. Ás 12 horas a praza enmudeceu como forma de rexeitamento das institucións catalás á violencia do 1 de outubro. Logo dos dez minutos, escoitáronse berros de independencia e "hem votat" (votamos).

O Govern, o Concello de Barcelona, CCOO e UGT unirose este luns no rexeitamento á actuación policial

O acto deixou unha fotografía inédita: todo o Goberno de Carles Puigdemont e tamén o de Ada Colau xuntos, e con eles o secretario xeral de CCOO, Javier Pacheco, e o de UGT, Camil Ros. Ademais, na mesma convocatoria houbo representantes das patronais das pemes Pimec e Cecot. Tamén se achegaron a praza Sant Jaume decenas de persoas, que se sumaron á protesta.

É o preludio do paro que se realizará este martes. A plataforma Taula per la Democràcia, formada por corenta entidades da sociedade civil para defender as institucións catalás e os dereitos fundamentais dos cidadans, convocou un "paro xeral" como protesta contra a violencia policial durante o 1-O. O vicepresidente da Generalitat, Oriol Junqueras, uniuse á convocatoria mentres que o president Puigdemont tamén dixo agardar que fose un éxito. Ademais, a ANC e Òmnium Cultural fixeron xa o domingo á noite unha chamada á cidadanía para sumarse a esta aturada nacional que non afectaría so ao mundo laboral senón a toda a poboación

Taula per la Democràcia convoca un paro xeral en Catalunya en resposta á desproporción da actuación das forzas de seguridade

A este paro úneselle tamén a folga xeral que convocaron catro sindicatos minoritarios, así como a CUP, aínda que CCOO e UGT uníronse ao "paro" en resposta á violencia policial do pasado domingo e aclaran que non é unha folga ao non ser por motivos laborais, senón que tamén chamaron a consensualo coas propias empresas, ben sexa en forma de paróns temporais ou concentracións. Así, desmárcanse da folga xeral convocada por outras centrais e din que non avalarán ningún posicionamento cara á Declaración Unilateral de Independencia (DUI). 

"As declaracións do president Puigdemont na noite do 1-O non deixaron lugar a dúbidas de que a única estratexia política que contempla o Govern é a DUI. Sendo isto así, UGT e CCOO dicimos claramente que non avalamos esa posición nin esa estratexia política", aclararon as centrais nun comunicado conxunto. 

Bruxelas reprocha ao Goberno a violencia e a ONU pide unha investigación imparcial

Bruxelas insistiu este luns no discurso sobre  Catalunya e o 1 de outubro que repetiu nas últimas datas. Pero houbo unha novidade na mensaxe que lanzou o portavoz da Comisión, Margaritis Schinas, ao referirse de maneira indirecta ás cargas policiais que deixaron  centos de feridos en varias cidades catalás. "A violencia non pode ser un instrumento en política", declarou ante os xornalistas na súa rolda de prensa.

"A violencia non pode ser un instrumento en política", di a Comisión Europea

O portavoz de Jean-Claude Juncker, que chamou a todos os actores políticos ao diálogo, sinalou que non é tempo para "a división e a fragmentación". "Máis aló dos aspectos legais, a Comisión cre que son tempos de unión e estabilidade", dixo Schinas. Ademais, asegurou que confían na xestión que fará Rajoy do ocorrido "en base á Constitución e aos dereitos fundamentais dos cidadáns".

Aínda que os xornalistas insistiron en preguntar a Schinas por Catalunya e sobre a que se refería ao falar de violencia, este rexeitou engadir algo máis á mensaxe oficial da Comisión. Unha actitude que mantivo a pesar das reiteradas cuestións sobre o 1-O, que practicamente monopolizaron a comparecencia do portavoz grego.

O resto do discurso serviu para lembrar que consideran que a votación do domingo en Catalunya "non foi legal" e que este segue sendo un "asunto interno de España". E reiterou que calquera rexión que se independice dun estado membro veríase fóra da Unión Europea.

O Alto Comisionado da ONU pide un estudo imparcial de "todos os actos de violencia"

Por outra banda, a organización das Nacións Unidas moveu ficha tamén este luns por medio do seu Alto Comisionado para os Dereitos Humanos, que pediu unha investigación imparcial sobre a violencia policial no 1-O. Zeid Ra'ad Al Hussein amosouse moi "perturbado" pola situación ocorrida en Catalunya e pediu un estudo de "todos os actos de violencia" nun comunicado ao que tivo acceso eldiario.es. Así, reclamou respostas "proporcionais" por parte dos axentes e aclarou que o conflito debe resolverse con "diálogo político, co total respecto ás liberdades democráticas". 

Ademais, o pleno do Parlamento Europeo decidiu modificar a axenda da sesión plenaria desta semana para incluír o mércores pola tarde un debate que levará o título de Constitución, Estado de dereito e dereitos fundamentais á luz dos acontecementos en Catalunya.

O PPdeG queda só na defensa da actuación policial e do Goberno central

Pedro Puy, portavoz do PP no Parlamento galego, foi un dos poucos dirixentes consultados que apoiou a actuación policial en Catalunya durante o 1-O. Segundo dixo, os axentes actuaron por "mandato xudicial" ante "moitos que estaban a intentar provocar que houbese incidentes e que non se cumprise o encargo dos xuíces". Dunha opinión semellante foi Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, que cre que as forzas de seguridade actuaron con "firmeza e prudencia" e que foi unha "reacción contundente do goberno lexítimo de España"

Puy cre que os axentes actuaron por "mandato xudicial" ante "moitos que estaban a intentar provocar que houbese incidentes"

Foi o PP a única formación política que se amosou así. Desde o PSdeG, o portavoz parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, cre que o Executivo central "trabucouse" ao actuar "contra a cidadanía" e non "contra quen estaba a promover un sucedáneo de referendo". "É unha equivocación maiúscula que crea máis división", lamentou o dirixente socialista, quen pediu non perder de vista que, a pesar de que as posicións independentistas son "minoritarias" en Cataluña segundo os datos da Generalitat, si reflicten unha vontade "importante" de "buscar un novo marco legal".

O BNG cre que "o réxime do 78 está tocado e esgotado" e que Catalunya "deu un exemplo de civismo e defensa da democracia"

Desde o BNG, Ana Pontón, a súa voceira, dixo que si "respecta" o resultado do referendo do pobo catalán. "O réxime do 78 está tocado e esgotado e son as nacións sen Estado as que abren unha porta á esperanza" porque "non se pode negar a realidade política" de Catalunya, País Vasco e Galicia, argumentou a dirixente nacionalista, que destacou o "exemplo de civismo, pacifismo e defensa da democracia" levado a cabo polos cidadáns cataláns fronte á actuación represiva do Goberno que mostrou unha "violencia de Estado inxustificable". A represión policial "recórdanos a esa España en branco e negro do franquismo", engadiu.

O portavoz de En Marea, Luís Villares, criticou a resposta "represiva" ofrecida polo Executivo de Mariano Rajoy ao conflito "político" en Cataluña e avogou por buscar unha maioría "alternativa" á fronte do Goberno que permita reconfigurar o modelo de Estado, ao considerar que se atopa "inhabilitado como interlocutor". En conferencia de prensa, o lucense trasladou a "solidariedade" da súa formación coas "900 persoas" feridas por unha actuación "inxustificada e desproporcionada" das forzas de seguridade cuxos "mandos" non estiveron á altura do momento político.

Ademais, o portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, considerou que a xornada de referendo independentista en Cataluña e a "brutal e violenta" represión exercida polas forzas de seguridade do Estado evidenciaron que "o réxime do 78" está "finiquitado", ao mesmo tempo que se deu inicio á "constitución" da República catalá.

Pola súa banda, o goberno municipal de Santiago de Compostela pediu a dimisión do presidente Mariano Rajoy pola súa "incapacidade" para abrir vías de negociación coa Generalitat que permitan solucionar o conflito catalán de forma "pacífica e democrática". "Máis de 800 feridos será algo que levará na súa conciencia", alegou a edil de Compostela Aberta María Rozas.

Xulio Ferreiro: "Se hai 2,5 millóns de persoas tan claramente en contra da legalidade vixente, hai que buscar solucións"

Do mesmo xeito se manifestou o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro. "Rajoy non é parte da solución, senón parte moi importante do problema; debería dimitir ou que as forzas parlamentarias busquen unha alternativa", asegurou o rexedor, que avoga por solucións "políticas" a un conflito "político". "Se hai 2,5 millóns de persoas en Catalunya tan claramente en contra da legalidade vixente, hai que buscar solucións porque a reclamación é masiva", insistiu. 

Desde Ferrol, o seu alcalde, Jorge Suárez, cre que "se non queremos unha fractura irreparable, cómpre buscar unha solución política a un conflito que non é entre Rajoy e Puigdemont, senón que afecta milleiros de persoas". "A solución non é o uso da forza nin as decisións unilaterais, senón a busca dunha solución política a un conflito polítito", rematou.