0 Gardados para despois

Feijóo torna en ariete contra o soberanismo catalán o principal debate parlamentario galego

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Documentos relacionados

Cando, en 1990, Manuel Fraga foi investido por primeira vez como presidente da Xunta, o histórico líder da dereita española iniciou un proceso de lexitimación e mudanza ante o país que lle outorgara unha axustadísima maioría absoluta, a mesma que relatos eloxiosos posteriores acabarían retratando como esmagadora. Fraga Iribarne morría politicamente e nacía Don Manuel, un político á procura dunha Baviera filogaleguista de seu que na súa primeira intervención parlamentaria lanzou o que ninguén se atrevería a atribuírlle escasos anos antes, como a creación dun Museo de Galicia co apelido "Nacional". Este mércores o seu sucesor á fronte do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, semellou aproveitar o primeiro debate de política xeral da súa terceira lexislatura con maioría absoluta para iniciar un proceso inverso, da política galega á estatal.

Dende a súa propia convocatoria para este 4 de outubro todo o arco parlamentario galego deu por feito que o debate estaría necesariamente marcado polo que acontecese o 1-O en Catalunya e que o xefe do Executivo se presentaría como referente de estabilidade fronte ao "desafío" soberanista. Feijóo fixo tal, pero durante os primeiros vinte minutos do seu discurso ante o lexislativo foi moi alén. Tras repetir a promesa de fidelidade á Constitución e ao Estatuto que os presidentes realizan ao asumir o cargo Feijóo laiouse dos "infaustos" momentos políticos derivados do independentismo catalán e retou o resto de forzas a tomar partido con só dúas opcións: ou coa súa postura ou coa do Govern, que asimila á dos "réximes ditatoriais".

"Dóeme Catalunya", dixo Feijóo nun discurso en clave estatal no que advertiu de que forzará unha votación na que non caiban "equidistancias" ante o soberanismo: "ou se avala ou se condena"

"Dóeme Catalunya", dixo Feijóo, porque a Generalitat e quen a apoian tornaron en "golpistas" e ante esta circunstancia existen "forzas políticas supostamente democráticas" que son "ambiguas" ou mesmo apoian unha reivindicación soberanista que é "tamén" un "asalto contra Galicia". Pero esa "equidistancia" advirte, vai ter que rematar forzosamente neste mesmo debate. O PP, avanza, vai promover unha proposta de resolución, unha votación, na que todos os grupos terán que deixar claro "en que lado están".

O presidente da Xunta fala abertamente de "balcanización de España"

"Ou se avala ou se condena", "non hai posibilidade de indefinición" e nin sequera espazo para as "forzas políticas" que "falsamente pretenden arrogarse un suposto labor de mediación entre dous supostos extremos e mesmo simulan dar alternativas" e "reclaman día si e día tamén solucións políticas que curiosamente non concretan". O Grupo Popular e el mesmo como líder, adianta, "defendemos todas as medidas que sexan necesarias" para evitar a independencia de Catalunya. Pola unidade de España, pero tamén polo "interese de Galicia" ante a posibilidade dunha "quebra do Estado das Autonomías" que "abra paso a unha balcanización" do Estado.

Vista do hemiciclo durante a intervención do presidente

"Blindaxe" fronte á "tiranía das minorías"

Malia amosar "respecto" cara ao "traballo político que cómpre facer no asunto catalán" e presentar unha "man tendida" para que "o conxunto dos cataláns se sintan cómodos en España" o presidente empregou tamén o seu discurso para poñer marcos a eventuais negociacións e mesmo a futuros xogos de maiorías. No que pode ser considerado como unha nova recuperación da súa esixencia de reforma electoral, Feijóo ve no avance independentista catalán unha mostra "máis patente que nunca" da "tiranía dalgunhas minorías", ás que tamén achaca que nos últimos tempos se "falase máis" delas que "da xente que ten dificultades económicas".

Feijóo apela a unha "reforma" que "blinde as administracións" da "chantaxe" do "nacionalismo"

No marco dunha crítica xeral á "dependencia que os sucesivos gobernos nacionais tiveron no nacionalismo", "xerme do problema catalán", o presidente da Xunta clama por inserir nas "reformas políticas que necesita España" unha aposta para "blindar as administracións fronte á chantaxe" do que define como "partidos que non aceptan o papel que lles outorga a democracia". Iso serviría  para "evitar" que haxa forzas "con capacidade para poñer diques que nos impidan a todos avanzar". Reclámao, proclama, dende a "lexitimidade" de "ser o único presidente" con maioría absoluta e, daquela, "o único á marxe deste problema".

A única cita do debate, do catalán Espriu: "Todos somos escravos da lei para que poidamos ser libres"

O balance do primeiro ano de lexislatura e as promesas para os vindeiros anos ficaron, así, nun segundo plano tras un discurso que se diferenciou nos de anos anteriores mesmo na tendencia do equipo do presidente a introducir nas súas principais intervencións parlamentarias diversas citas de galeguistas históricos e doutros persoeiros. Só houbo unha cita textual e foi do poeta catalán Salvador Espriu. "Todos somos escravos da lei para que poidamos ser libres", dixo primeiro en catalán e despois en galego entre aplausos da bancada conservadora.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Nove novas medidas anunciadas por Feijóo

  • Ampliación da Tarxeta Benvida ata que o neno cumpra tres anos para as familias con rendas baixas e máis bonificacións nas escolas infantís para o segundo e o terceiro fillo
  • Ampliación do permiso de maternidade para os empregados públicos ata as 22 semanas
  • Promete que “en 2018” haberá “60.000 dependentes atendidos”, o que implicaría a práctica totalidade, fronte aos algo máis de 40.000 actuais
  • Oferta pública de emprego de 14.000 prazas ata 2020
  • Campus dedicado á Formación Profesional
  • Rebaixas de impostos sen concretar só para quen invista nos ámbitos agrícola, forestal ou inmobiliario nos cascos históricos e espazos industriais
  • Crearanse máis indicacións xeográficas protexidas de produtos alimentarios
  • Malia deixalo aparcado o Ministerio de Fomento, Feijóo insiste en que Lugo terá AVE
  • Propón unha declaración conxunta de todos os grupos contra a “turismofobia”

A oposición ve un presidente afastado de Galicia e só preocupado pola súa proxección estatal

Á espera das súas respectivas intervencións na sesión de tarde, ao remate do discurso matinal de Feijóo os portavoces dos tres grupos parlamentarios da oposición coincidiron en cualificalo como afastado da realidade galega e máis preocupado pola súa proxección política persoal no ámbito estatal. Os tres lamentaron que o presidente tirase do conflito catalán para evitar falar dos “problemas do país”.

Villares, Leiceaga e Pontón lamentan que o presidente tirase do conflito catalán para evitar falar dos “problemas do país”

O portavoz de En Marea, Luís Villares, cualificou o discurso de “decepcionante” e de  “película de debuxos animados” na que “usou a Cataluña para evitar falar dos problemas de Galicia”. Villares salientou que o presidente non ofreceu propostas para “as persoas que deixou tiradas durante a crise” e citou en especial os mozos e as vítimas de violencia de xénero.

O portavoz do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, dixo que o discurso evidencia que o primeiro ano deste terceiro mandato de Feijóo foi “perdido” e que o presidente “insiste nas vellas receitas”. Para Leiceaga, en Galicia hai “catro grandes fracturas que merecen ser confrontadas desde o ámbito político”: social, de xénero, xeneracional e territorial (entre a Galicia do interior e a da costa). Canto as referencias ao conflito catalán, o socialista dixo do presidente galego que “o seu proxecto para España chámase Alberto Núñez Feijóo”.

A portavoz do BNG, Ana Pontón, criticou a Feijóo como “incapaz de sensibilizarse cos problemas da sociedade galega”, “inmobilista” e “resignado”. Sobre o conflito catalán, Pontón dixo que  o presidente está “entregado ao discurso da extrema dereita” pero que ante a actual “crise institucional do réxime do 78, a solución non vai vir de discursos incendiarios e de envolverse na bandeira da constitución” senón de negociacións políticas.

O portavoz do grupo popular, Pedro Puy, pola súa banda, cualificou o discurso do seu xefe de filas de “realista” e “centrado nos problemas de Galicia” con propostas para consolidar a recuperación económica e reforzar a cohesión social.