0 Gardados para despois

PSdeG | Leiceaga pide iniciar xa a reforma do Estatuto de Autonomía cun “horizonte federal”

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Feijóo centrou o debate de política xeral no conflito catalán e o portavoz do PSdeG,  Xoaquín Fernández Leiceaga, tentou situalo entre Madrid e Galicia. “Madrid é un concepto social e non territorial, un núcleo político, financeiro, empresarial e mediático, unha elite que procura ampliar a súa hexemonía”, salientou Leiceaga na súa réplica a Feijóo. Fíxoo para reclamarlle que abandone a súa “aposta centralista” e opte por “unha reforma que debe ter como horizonte un modelo federal, ou sexa, igualitario”. Porén, para Leiceaga “o único proxecto para España” do presidente galego “chámase Núñez Feijóo”.

“Abramos no Parlamento de Galicia a comisión de reforma do Estatuto” de autonomía, reclamou o socialista, salientando que “o camiño a un futuro de convivencia non pasa pola insubmisión nin pola represión, pasa polo convencemento e a asunción democrática”.

O portavoz do PSdeG alerta das catro fracturas que ameazan a cohesión da sociedade galega: “social, xeracional, de xénero e territorial interna”

Leiceaga alertou na súa intervención de “catro fracturas internas que ameazan a cohesión da nosa sociedade, a fractura social, entre os integrados e os excluídos, sobre todo polo desemprego; a fractura xeracional, a fractura de xénero e a fractura territorial interna”. E segundo o socialista, Feijóo, tras oito anos de goberno, non está a dar resposta a ningunha das catro.

Leiceaga dixo do presidente que é un “experto en vender atrasos e fracasos como novas promesas” e acusouno dun “populismo impositivo que distribúe clientelarmente regalos fiscais sen efectos no emprego e o crecemento, aumentando a fractura social”. “Teñen algunha avaliación dos efectos das rebaixas fiscais xa feitas?”, preguntou, do mesmo xeito que máis tarde dubidou dos resultados da política educativa da Xunta: “Levamos camiño de non mellorar o suficiente no inglés e de desandar o camiño no galego”. E sobre o retroceso demográfico, o socialista lamentou que “hoxe os tanatorios son a principal empresa nalgúns concellos”.

Leiceaga lembrou que "por primeira vez un deputado, do PP, é condenado por tráfico de influencias"

Leiceaga provocou murmurios interrogantes entre as bancadas do PP e mesmo no presidente cando salientou que “por primeira vez un deputado, do seu grupo, é condenado por tráfico de influencias”, en referencia á recente asunción ante o xuíz dese delito por parte do popular Pablo Cobián no marco do caso Campeón, cuestión á que Feijóo restou importancia.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.