A fuxida bancaria impacta de cheo na estratexia sobre a declaración de independencia

Oficina do Banco Sabadell © Banco Sabadell

As dúbidas sobre a tradución parlamentaria do referendo do 1 de outubro instaláronse na maioría independentista. A procura do Govern da fórmula coa que satisfacer aos máis de dous millóns de votantes independentistas e, á vez, evitar ser acusados dunha ruptura unilateral, bateu este xoves cun novo contratempo: o Banco Sabadell anunciou o traslado da súa sede de Barcelona a Alacant.

A fuxida bancaria podería aumentar este venres. CaixaBank, a xoia da coroa financeira catalá, convocou ao seu consello para analizar o traslado do seu domicilio social fóra de Catalunya. A reunión producirase despois de que o Consello de Ministros, previsiblemente, aprobe un decreto para facilitar o cambio de sede das compañías. Outra firma importante, Freixenet, tamén afirmou que proporá a saída. Así o dixo o seu presidente, José Luís Bonet. 

O Banco Sabadell trasladou a súa sede a Alacant e CaixaBank decide este venres se tamén marcha

Desde o Govern esgrimen os bos datos económicos recentes para espantar o medo á inestabilidade. Así, aseguran que o investimento estranxeiro creceu en 2016 pero sobre todo en 2017, que o PIB aumentou en Catalunya máis que en España, que as exportacións continúan vento en popa e que o paro baixa desde hai dous anos. Con todo, ben sexa pola fuxida de empresas ou por máis factores, desde o PDeCAT, partido de Puigdemont, xa piden frear a declaración unilateral de independencia prevista para o vindeiro luns. 

O traslado do Sabadell, a cuarta entidade en cota de mercado en Catalunya, sempre é un golpe para calquera economía, e o anuncio da reunión do consello de CaixaBank axitou o risco dunha ringleira de fuxidas similares. O mercado non castigou este xoves as entidades catalás, senón todo o contrario.

A demostración de forza que o pasado martes fixo o soberanismo cunha folga xeral sen a axuda dos grandes sindicatos tradicionais CCOO e UGT entraba dentro dos plans dun sector do Govern. É a chamada "operación prima de risco", unha medida que pasaría por axitar a economía como forma de activar a intervención europea no conflito entre Catalunya e o Estado.

As saídas dos grandes bancos non só intranquiliza o sector do gran empresariado que apoiou a Convergència, senón tamén sectores decididamente independentistas

As saídas dos grandes bancos, con todo, non só intranquiliza o sector do gran empresariado que durante décadas apoiou a Convergència, senón tamén sectores decididamente independentistas. E este medo impactou de cheo no debate que manteñen os partidos no Govern sobre unha posible declaración de independencia en Catalunya.

 

A montaña rusa da DUI

Os  partidos que forman Junts pel Sí reduciron as súas diferenzas despois da contundente mensaxe do rei, ao entender o PDeCAT que as palabras do monarca non presaxian ningunha opción para a negociación co Estado. Con todo, o pánico á fuxida cara a adiante segue intacta no partido ex-convergent, e máis tras as últimas noticias económicas.

A folla de ruta no Govern pasou da improvisación á montaña rusa segundo avanzou a semana posterior ao 1-O

A folla de ruta no Govern pasou da improvisación á montaña rusa segundo avanzou a semana posterior ao 1-O. O luns parecía claro que, despois do discurso dos representantes do Govern na noite electoral, a intención era seguir adiante coa declaración. O martes xurdiron as primeiras dúbidas desde o lado do PDeCAT e, o mércores, a Generalitat centrouse no discurso da mediación internacional.

Este xoves só a CUP mantiña tanto en público como en privado que a sesión parlamentaria do próximo luns debe ser unha declaración de independencia formal, extremo que cortou de vez o Tribunal Constitucional coa suspensión da comparecencia de Puigdemont ante a Cámara que acordaron JxSí e os anticapitalistas en base á lei do referendo, suspendida polo alto tribunal. No venres, as voces críticas dentro do PDeCAT aumentaron aínda máis. 

Junts pel Sí atópase dividido entre os que prefiren pagar o prezo de decepcionar os votantes do 1-O e os que optan por pagar as posibles consecuencias de aproveitar o foco mediático internacional para declarar a independencia

Isto non quere dicir que Puigdemont non explique no pleno do Parlament o mesmo luns os seus plans para o post-1-O, grazas a unha petición de comparecencia realizada polo portavoz de Catalunya Sí Que é Pot, Joan Coscubiela en base ao regulamento da Cámara e non á norma suspendida polo TC.

Con todo, Junts pel Sí atópase dividido entre os que prefiren pagar o prezo de decepcionar os votantes do 1-O e os que optan por pagar as posibles consecuencias de aproveitar o foco mediático internacional para declarar a independencia. A fin de semana, en días sen cotización bolsista, deberán tomarse as decisións.

Así, a coordinadora xeral do PDeCAT, Marta Pascal, e o conseller de Empresa, Santi Vila, valoraron ete venres que a prioridade neste momento é a mediación entre a Generalitat e o Goberno central. Pediron aparcar a proclamación inmediata da independencia, aínda que sen renunciar a ela. 

A coordinadora do PDeCAT e o conseller de Empresa piden adiar a declaración de independencia

Nunha entrevista na SER, Pascal evitou responder se o luns haberá declaración de independencia, pero deu a entender que, se fora por ela, non. "O 1-O vincúlanos, pero hai que facer as cousas ben", dixo. Noutras palabras: si a proclamar a independencia, pero non este luns. Así, fixo fincapé en que "a fotografía que saia" do Parlament non pode parecerse á imaxe de división da Cámara do pleno no que se aprobou a lei de referendo. Por todo isto, avogou por que nos vindeiros días non se "disolva a complicidade" entre os independentistas e a cidadanía que se indignou polas cargas policiais do domingo. "Temos que intentar non perder nin expulsar a ninguén", engadiu. 

"O referendo obríganos, pero temos que reflexionar sobre se as présas poden estragar o soño", di Vila

Ademais, Pascal insistiu en que o seu partido quere "garantir que a independencia sexa efectiva" e, ao igual que Vila, situou a mediación como a prioridade a curto prazo. Precisamente, o conseller de Empresa reitorou en RAC-1 o freo á declaración de independencia inmediata que xa defendera nun artigo no diario ARA. "O referendo obríganos, pero temos que reflexionar sobre se as présas poden estragar o soño", dixo. "Primeiro temos que acougar e acordar, se se me permite, un alto ao fogo, non tomar decisións irreparábeis nos vindeiros días. A suspensión da autonomía ou as detencións tensionarían o país e polarizarían a situación. Hai que acougar, asinar unha especie de tregua que nos permita un movemento de serenidade, de moderación", rematou Vila. 

Turull, Junqueras e Puigdemont, no Parlament © Parlament de Catalunya

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.