0 Gardados para despois

Gas Natural e Caixabank únense á fuxida de empresas de Catalunya que o Goberno facilita vía decreto lei

Catalunya PluralCatalunya Plural | @Catalunyaplural


O Consello de Ministros aprobou un Real Decreto Lei (RDL) de medidas urxentes en materia de mobilidade de empresas dentro de España. A medida, anunciada xa o xoves, busca facilitar a saída exprés ás empresas que están en Catalunya e que queiran cambiar axiña o seu domicilio social. En palabras do portavoz do Goberno, Iñigo Méndez de Vigo, o Executivo actuou a petición de "varias empresas". E faino logo de que o Banco Sabadell decidise mudar o enderezo a Alacant

O Executivo busca facilitar a saída exprés das empresas con sede en Catalunya e di actuar a petición de "varias compañías"

A norma aclara quen son os órganos competentes para aprobar o cambio de sede social por parte das sociedades que decidan mudarse. Facilítanse os trámites de maneira que só se existe unha declaración expresa en contrario por parte dos estatutos da sociedade, será o Consello de Administración o competente para aprobalo.

O RDL "aclara o contido" do artigo 285 do Texto Refundido da Lei de Sociedades de Capital para así facilitar a súa aplicación. Naquela norma do ano 2010 estableceuse que calquera modificación dos estatutos sería competencia da xunta xeral e que, agás disposición en contrario dos mesmos estatutos, sería o órgano de administración o competente. Con todo, en maio de 2015 e na procura da unidade de mercado (tamén a petición de grupos empresariais segundo Luis de Guindos), ampliouse o ámbito de aplicación a todo o territorio nacional e estableceuse que "agás disposición contraria dos estatutos, o órgano de administración será competente para cambiar o domicilio social dentro do territorio nacional".

Caixabank é das primeiras que beneficiará deste cambio, tras convocar o seu consello de administración esta tarde e aprobar o seu traslado a Valencia. O  resto de empresas do seu hólding poderían seguir esta iniciativa nas vindeiras horas. E unha delas, e moi importante, xa o fixo. Gas Natural aprobou este venres trasladar a súa sede social de Catalunya a Madrid. Decidiuno o consello de administrción extraordinario que se convocara. Con presenza corporativa tanto na capital do Estado como en Galicia, logo da integración de Unión Fenosa, a enerxética decidiu finalmente mudarse pero non á Coruña, onde mantén algunha sede. Na súa comunicación á CNMV, a empresa aclara que a mudanza prodúcese "debido á inseguridade xurídica" e "en tanto se manteña esta situación".

A enerxética Gas Natural decide trasladar a súa sede a Madrid

Gas Natural Fenosa é a terceira eléctrica española e primeira empresa gasista do país, herdeira da antiga Unión Fenosa (que adquiriu en 2008), ten máis de 17.000 empregados e en 2016 facturou máis de 18.400 millóns de euros. Mentres o seu principal accionista, La Caixa, o medita, a enerxética apostou por un cambio de sede polos efectos financeiros, regulatorios e laborais que tería unha declaración unilateral de independencia de Catalunya para unha empresa fortemente sometida a regulación española e cunha débeda de 15.000 millóns de euros. Os seus estatutos din que o consello de administración só é competente para "acordar o traslado do domicilio dentro do termo municipal de Barcelona".

Dez empresas cotizadas catalás poderán utilizar este RDL para o cambio exprés de enderezo social. A norma entra en vigor este sábado a ela pódense acoller Caixabank, a propia Gas Natural, Abertis, Grifols, Cellnex, Fluidra, Service Point, Ercros, Borges Agricultural Nuts, Dogi, Renta Corporación e Fersa. As cinco primeiras son compañías que cotizan no Ibex-35, o principal indicador bursátil español. Teñen un valor en Bolsa que o xoves andaba polos 75.000 millóns. 

O PSOE tivo acceso ao texto e deulle o seu apoio, que se expresará nunha abstención no Congreso cando se convalide o paquete de medidas.

Mas asegura que Catalunya aínda "non está preparada para a independencia real"

Ao tempo, nunha entrevista no Financial Times, o ex-president da Generalitat, Artur Mas, asegurou que Catalunya non está preparada para unha independencia real e que terá que seguir traballando nos mecanismos que lle permitirían traballar como un país soberano. Segundo di o diario, as chamadas de boa parte do independentismo a moderarse e adiar os seus plans chegan precisamente tras a aprobación do decreto lei para facilitar a fuxida das empresas do país. 

Mas asegura que Catalunya "gañou o dereito a ser un Estado independente" pero engadiu que para selo, hai cousas que o o país aínda non ten. "Isto non vai só de proclamar a independencia, senón de se converter de verdade nun país independente", engadiu. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Un xuíz investiga a policía por lesionar 130 persoas o 1-O e reprocha a versión do fiscal

Oriol Solé

130 denuncias e os seus correspondentes partes médicos de lesións polas cargas da Policía Nacional en 26 colexios da cidade de Barcelona o pasado 1-O. E subindo. Estas son as cifras que, ata este venres, recibira o titular do xulgado de instrución 7 de Barcelona, e que levaron o maxistrado Francisco Miralles a investigar ao Corpo Nacional de Policía por todas e cada unha das lesións denunciadas na capital catalá.

Ante a "avalancha", en palabras do propio maxistrado, de denuncias e partes médicos recibidos polas cargas policiais na capital catalá o 1-O, o xuíz abriu unha trintena de pezas separadas -unha por cada un dos 26 centros de votación onde se denunciaron cargas- desde as que se irá chamando a lesionados, investigados e testemuñas que corresponda.

A maioría de lesións denunciadas son hematomas ou erosións pero o xuíz lembra que dous deles son graves

No seu auto, o xuíz apunta a que a maioría de lesións denunciadas son leves "hematomas ou erosións", aínda que lembra que "un mínimo" de dous dos 130 feridos en Barcelona son graves -un deles, o home que recibiu unha bala de goma nos arredores do colexio Ramon Llull, que non perdeu o ollo pero quizá si a visión.

Neste sentido, o maxistrado apunta a que, se así o determina a investigación, a maioría de feridos "deberán cualificarse como delitos leves" de lesións, xa que os agredidos pola Policía non tiveron que recibir tratamento médico ou cirúrxico. Do mesmo xeito, o xuíz non descarta totalmente "que non existisen outros delitos", xa que nalgunhas denuncias presentadas maniféstase que os policías insultaron os cidadáns mentres os agredían.

A decisión do xuíz de investigar as 130 lesións supón un pau ao fiscal (que pediu investigar só unha denuncia) así como ao Goberno central, que leva unha semana gabando a intervención policial e cualificándoa de "proporcional". Pola contra, supón un aval á denuncia da Generalitat presentada o mesmo 1-O, que pedía investigar todas as cargas.

O xuíz replica punto por punto as teses do fiscal que rexeitou investigar as cartas

De feito, o xuíz replica punto por punto as teses do fiscal, que rexeitou investigar as cargas porque os feridos só representaban o 0,037% dos votantes o 1-O e cualificou de "espuria" a denuncia da Generalitat. Considerou tamén o fiscal que todos os que se concentraron fronte aos colexios electorais 1-O fixérono "de forma tumultuaria" e que o despregamento policial non alterou a convivencia en Barcelona.

"Afectación da normal convivencia hóuboa", asegura o xuíz, que insta o fiscal a "non minimizara gravidade" do ocorrido

"Afectación da normal convivencia hóuboa", replica o xuíz, que insta ao fiscal a non "minimizar a gravidade" do ocorrido o 1-O.

O maxistrado mostra a súa "discrepancia total" co fiscal e lémbralle que "non é ilegal nin ilícito" que os cidadáns fosen o domingo aos colexios electorais "a reunirse ou a realizar calquera actividade que alí se programou, incluído depositar un papel sen valor legal ningún nunha urna".

O maxistrado lembra que "non é ilegal nin ilícito" que os cidadáns acudisen aos colexios

E empraza o xuíz ao fiscal a concretar se os lesionados, no momento de ser agredidos, "estaban a facer fila para emitir o seu voto", ou se a súa actitude era de "protesta pacífica" ou "resistencia pasiva ou resistencia activa leva ou grave" aos axentes.

A relación de denuncias por lesións dá conta da actuación policial do domingo en Barcelona, que se despregou en varios distritos da cidade, na súa maioría do Eixample, Nou Barris, Horta Guinardó, Sarrià-Sant Gervasi e un de Ciutat Vella, no barrio da Barceloneta.

O Govern proclama os resultados oficiais do 1-O

Os resultados do referendo do 1 de outubro xa son oficiais. Proclamounos o Govern da Generalitat enviándoos ao rexistro do Parlament de Catalunya, do que informou nunha nota de prensa distribuída aos medios este venres pouco antes das 17 horas. Segundo a lei do referendo, tras a proclamación destes resultados comeza un período de dous días para que o Parlament se reúna en sesión plenaria para facer unha declaración formal de independencia.

A proclamación dos resultados incumpre a lei do referendo ao ser feita polo Govern e non pola Sindicatura Electoral

A acción levada a cabo polo Govern este venres incumpre abertamente a lei do referendo, aprobada polo Parlament e suspendida polo Constitucional, xa que esta prevía no seu mesmo artigo 4 que a proclamación dos resultados correspóndelle á Sindicatura Electoral e non ao Govern. Con todo, aquela Sindicatura está desactivada xa que todos os seus membros presentaron a dimisión para evitar a multa diaria imposta polo Constitucional.

A participación certificada é de 2.286.217 persoas, un 43,03% do censo

As cifras enviadas polo Govern este venres cambian lixeiramente das presentadas provisionalmente por en a noite electoral. Finalmente a participación certificada é de 2.286.217 persoas, un 43,03% do censo, e 23.793 que nos datos presentados o 1-O, sendo o si o 90,18% e o non o 7,83%.