A xuízo un ex-dirixente do PP galego por mentir en defensa dun narco

Carlos Mantilla nun acto co ministro Luis de Guindos Dominio Público Google+ Carlos Mantilla

A Fiscalía pide para o ex-senador Carlos Mantilla ano e medio de cárcere e nove de inhabilitación por falsear unha peritaxe para xustificar como aforros os ingresos de actividades ilícitas

Carlos Mantilla, destacado dirixente do PP vigués durante tres décadas, nas que foi senador e deputado, será levado a xuízo pola Fiscalía por mentir en defensa do narcotraficante Juan Carlos González Martín, alias Culebras, condenado en 2014 por narcotráfico e branqueo. Naquel xuízo Mantilla actuou como perito economista e xustificou como aforros os ingresos de actividades ilícitas do narco, feitos que para a Fiscalía supoñen un delito de falsa testemuña por parte dun perito e polos que pide un ano e medio de prisión e nove anos de inhabilitación. Mantilla, avogado e economista, recibiu en 2005 a Medalla de San Raimundo de Peñafort en recoñecemento aos servizos prestados á administración de xustiza, á que segundo a Fiscalía tentou enganar unha década despois.

Tras aquel xuízo de 2014 no que Culebras e varios familiares foron condenados por narcotráfico, a Fiscalía presentou en novembro de 2015 unha querela contra Mantilla que agora desemboca na apertura de xuízo contra el. O escrito de acusación da fiscal, datado o pasado 5 de xuño e avanzado este luns por El País, relata como Mantilla “coa intención de inducir o Tribunal ao erro e de beneficiar os acusados, presentou un informe que se dirixía a xustificar que o patrimonio dos acusados naquel procedemento procedía de actividades lícitas, silenciando para iso datos certos de gastos ou adquisición de bens que constaban no procedemento, presentando como conclusións fundadas afirmacións que carecían de soporte documental algún; achegando, para revestir de seriedade e de obxectividade o seu informe, datos sobre a porcentaxe de aforro medio familiar que afirmou, tanto no seu informe como na declaración prestada en dito xuízo oral, que procedían de organismos públicos como o INE, cando isto non era certo”.

“Coa intención de inducir o Tribunal ao erro e de beneficiar os acusados, presentou un informe que se dirixía a xustificar que o patrimonio dos acusados naquel procedemento procedía de actividades lícitas, silenciando para iso datos certos", di a fiscal no seu escrito de acusación

A fiscal indica, sobre un ingreso de Culebras de 5,3 millóns de euros nun banco portugués, que “o acusado afirmou no seu informe que procedían da actividade e ingresos xerados por unha serie de Bingos situados en Portugal” supostamente xestionados polo narco “a pesar de que non constaba ningún documento […] que reflectise a orixe ou xestación desas cantidades”. A fiscal salienta que “na súa declaración no acto do xuízo oral, baixo xuramento e co mesmo ánimo, ratificou as conclusións do citado informe a pesar de que non respondían á realidade dos datos e documentación achegada ao procedemento, sen ter documentación nova de sustento”.

A fiscal considera os feitos constitutivos dun delito de falsa testemuña por parte dun perito xudicial, polos que pide unha pena de ano e medio de prisión, nove anos de inhabilitación para o exercicio de profesión ou oficio de perito e unha multa de 3.000 euros.

Outras polémicas de Mantilla

Mantilla preguntouse se tras o 11-M gobernaría "Bin Laden ou Zapatero" e asegurou que en todos os partidos se move "diñeiro negro"

Mantilla, concelleiro entre 1983 e 1991 en Vigo, onde presidiu o PP local, vicepresidente da Deputación de Pontevedra entre 1987 e 1991, e senador e deputado entre 1989 e 2008, viuse envolto en dúas grandes polémicas na súa traxectoria pública. Logo das eleccións xerais de 2004 asegurou que o PSOE gañara grazas aos atentados do 11-M e preguntouse se ía gobernar “Bin Laden ou Zapatero”. En 2013 tamén dixo nun programa radiofónico que en todos o partidos se move “diñeiro negro”, o que o acabou levando a declarar ante o xuíz do caso Bárcenas, onde dixo non saber nada da cuestión.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.