"Assumeixo el mandat del poble que Catalunya esdevingui un estat independent en forma de república" ("Asumo o mandato do pobo para que Catalunya se convirta nun estado independente"). Con esta frase, o president da Generalitat dixo cumprir co resultado do referendo do pasado 1-O pero, deseguido, aclarou que "por responsabilidade e por respecto", o Govern e el mesmo propoñen "que o Parlament suspenda os efectos da declaración de independencia" para abrir un diálogo e contribuír así, dixo, á "desescalada de tensión e ás demandas do pobo".
Puigdemont asume "o mandato de que Catalunya se convirta nun estado independente en forma de república" pero propón suspender a declaración de independencia
Foi a parte final dun discurso aplaudido polos deputados de Junts pel Sí pero non polos da CUP, un xesto que deixaba ben ás claras que non cumpría coas expectativas da parte do independentismo máis de acordo con declarar xa unha independencia real e rachar co Estado español.
Carles Puigdemont declarou o inicio do proceso cara á República de Catalunya ante o pleno do Parlament. Deu por válidos os resultados do referendo do 1 de outubro, que pon en marcha a lei de ruptura, pero na que á vez abriu un período para a mediación internacional e o diálogo con España.
O president abriu un período para a mediación internacional e o diálogo con España
Puigdemont reclamou ao Parlament que suspenda a declaración de independencia en procura da mediación internacional, cun período indefinido. Así, o Govern decidiuse por unha vía intermedia entre a declaración unilateral efectiva e a declaración en diferido, asumindo a vontade de chegar á República pero deixándoa suspendida para buscar a oferta de diálogo.
O obxectivo desta fórmula é dar o máximo protagonismo á vontade pactista e de mediación, pero sen renunciar a pór en vigor a lei de transitoriedade xurídica, aprobada polo Parlament e suspendida polo Constitucional. De acordo coa lei do referendo, tamén tombada polo TC, proclamar uns resultados nos que o 'si' obtivese un voto máis que o 'non' significa declarar a independencia.
Foi tras unha intervención na que Puigdemont fixo un repaso histórico da situación sociopolítica dos últimos anos en Catalunya, lembrando que a norma vixente, o Estatut, "foi recortada e non referendada polo pobo catalán" e que, malia que desde a Generalitat se reclamou "ata en 18 ocasións" un referendo pactado e legal, o Executivo central nunca o aceptou. Ademais, criticou con dureza a represión policial durante o 1-O, así como as "detencións, os ataques informáticos, a suspensión de webs ou os encausamentos xudiciais". "Nada diso impediu un referendo levado a cabo en condición durísimas", asegurou, cunha clara mensaxe dirixida ao exterior, co que intentou lexitimar a suposta vontade do pobo catalán por superar o actual marco. "Máis aló da Constitución tamén hai democracia", insistiu tras lembrar que Catalunya "contribuíu como o que máis" a consolidar a democracia española. "Era un bo punto de partida pero para outros foi o punto de chegada", advertiu.
Puigdemont levou os números xurdidos do 1-O ante o pleno. Cunha participación de 2.286.217 de persoas, o si á independencia obtivo o apoio do 38,5% sobre o censo e do 90,2% sobre os votos válidos. Unha vez oficializados polo president entraría en vigor a lei de transitoriedad, que estipula no seu artigo primeiro que "Catalunya se constitúe nunha República de dereito, democrática e social".
Govern e os deputados de Junts pel Sí e a CUP asinan a declaración de independencia que quedará en suspenso ata que se dea por rematada a mediación
O Goberno central, pola súa banda, considera inadmisible "facer unha declaración implícita de independencia para logo deixala en suspenso de maneira explícita", en alusión ao discurso de Puigdemont. Iso é o que avanzaron fontes do gabinete de Rajoy á axencia pública EFE. O Executivo insiste que non se pode dar como válido un suposto reconto dunha consulta "fraudulenta e legal" e por iso Rajoy tomará en Consello de Ministros este mércores medidas contra a Generalitat.
PSC e CSQP ven positiva a chamada ao diálogo
A resposta da oposición foi ben diferente. A líder dela, Inés Arrimadas (Ciudadanos), leu un duro discurso que parecía ser o mesmo que tiña preparado se en realidade houbese DUI. Obviou o contido das palabras de Puigdemont e dixo que "tarde ou cedo" en Catalunya haberá "elecciónsn de verdade". Así, acusou o president de "pulverizar a autonomía de Catalunya coa súa irresponsabilidade" e advertiulle de "abrir a caixa de pandora dos movementos secesionistas en Europa". "Equivocáronse de século e de lugar, está vostede só", engadiu.
Arrimadas obviou as palabras de Puigdemont e cargou con dureza; Iceta criticounas pero instou ao diálogo
O líder do PSC, Miquel Iceta, pola súa banda, asegurou que "non se pode suspender unha declaración que non se fixo". Ademais, definiu a situación logo do discurso de Puigdemont como "complexa" e considerou que "o diálogo pode facerse máis difícil" pero instou de todos os xeitos a buscalo. "Todos fomos parte do problema e todos e todas temos que ser parte da solución", engadiu.
Tamén Lluís Rabell, voceiro de Catalunya Sí que es Pot, celebrou a chamada ao diálogo. "Sempre o defendemos e por fin Puigdemont nos deu a razón", asegurou tras recoñecer ao president a súa "valentía" e coraxe: "Suspender os efectos do que considera o 1-O é unha oportunidade que debe abrirse". Ademais, contrapuxo o discurso do rei coa "formidable mobilización cidadá que non pode desfacerse pola acción do Estado", unha defensa democrática das institucións que, dixo, contou con "independentistas e non independentistas".
A CUP lamentou que non se proclamase a República Catalá que, di, "é o único medio de negociación co Estado español"
A CUP, pola súa banda, amosouse moi crítica e dixo que "tal vez" perdeuse "unha ocasión" porque pensaban que "se ía proclamar a República Catalá". "Cremos que o único medio de negociación co Estado español é esta República", engadiu Anna Gabriel, que fixo alusión e gabou a Segunda República española e que advertiu que o seu grupo tiña outro discurso coral preparado en previsión da proclamación da independencia.
"A proclamación solemne non chegou como quixeramos que chegara", engadiu Anna Gabriel, que recoñeceu que a CUP soubo dese cambio de plans pouco antes do inicio do pleno. Ademais, asegurou que a súa formación "non suspende os efectos de nada" e preguntouse "con quen" se negocia ou dialoga. "Co Estado que nos persegue? Co que desprega forzas por todo o país? Co que nos nega dereitos civís básicos?", asegurou. "Hoxe iniciamos unha nova etapa de loita porque non podemos suspender os efectos dos votos de máis de 2 millóns de persoas; continuaremos loitando pola República", rematou.
A CUP di que "non suspende os efectos de nada" e anuncia que seguirá "loitando pola República Catalá"
Pola súa banda, desde o PP, Xavier García Albiol, pediu a Puigdemont que concretase "sore que quere dialogar" con Rajoy. "Si ao diálogo, pero non sobre como volar a soberanía nacional nin se esa voladura se fai en dous, catro ou oito meses", dixo, tras advertir de que "o Estado de Dereito non permitirá unha república catalá nin por etapas nin en diferido".
Desde Podemos, Pablo Iglesias asegurou que "non houbo declaración de independencia" e pediu a Rajoy que "asuma o diálogo e as vías políticas e que escoite a Europa". Albert Rivera, líder de Ciudadanos, pola contra, pediu a aplicación do artigo 155 da Constitución e a convocatoria de eleccións autonómicas.
O Constitucional suspenderá a suposta DUI
Por outra banda, e segundo adiantou eldiario.es, o Tribunal Constitucional prevé anular este mércores a (presunta) declaración de independencia feita por Puigdemont. Fontes do TC aseguran que, malia a petición de suspender a independencia, "houbo unha DUI e hai que anulala".