Rajoy dá oito días a Puigdemont para que rectifique antes de aplicar o artigo 155 contra Catalunya

Mariano Rajoy, durante o Consello de Ministros extraordinario © La Moncloa

O paso previo á aplicación do artigo 155. O presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, compareceu este mércores na Moncloa logo do Consello de Ministros extraordinario de primeira hora para anunciar que este acordara "requirir formalmente ao Govern da Generalitat se declarou a independencia de Catalunya" e aclarar que este requirimento é "previo a calquera das medidas do Goberno que pode adoptar ao abeiro do artigo 155 a Constitución" e co obxectivo, dixo de "ofrecer certezas aos españois e aos cataláns". Dálle a Puigdemont ata o luns para aclarar se proclamou a independencia e ata o xoves 19 para rectificar de responder si ou non facelo. "Esperemos que este segundo non faga falta", dixo no Congreso. 

O Consello de Ministros acordou "requirir formalmente ao Govern da Generalitat se declarou a independencia de Catalunya"

Logo da declaración de independencia suspendida proposta por Puigdemont este pasado martes no Parlament na procura de diálogo, Rajoy criticou a "confusión xerada polos acontecementos" en Catalunya e advertiu que a resposta a este requirimento "marcará o futuro dos acontecementos". "Se manifesta a súa vontade de respectar a legalidade e restablecer a legalidade poríase fin a un período de inestabilidade, tensión e quebra da convivencia; é o que todos queren e agardan", dixo o presidente español. 

"É urxente pór fin á situación de Catalunya, que volva a tranquilidade e o acougo", engadiu quen advirte que, na súa contestación, Puigdemont "tamén ten a oportunidade de atender o clamor e as peticións de desde tantos ámbitos lle fixeron chegar para recuperar a convivencia harmónica e a seguridade xurídica". 

O Goberno central envía un requirimento que terá que ser respondido antes do luns; logo hai outro prazo ata o 19 para que rectifique

Aínda que na súa primeira intervención no Congreso non aclarou os prazos deste requirimento, si o fixo logo para asegura que se mandarán dous requirimentos para que o president da Generalitat dea a súa resposta. No primeiro, xa enviado, esíxelle a Puigdemont que aclare se proclamou a independencia e deberá ser respondido antes do luns 16. Se a resposta é si ou non responde, o Executivo enviará outro requirimento para que rectifique. Se non o fai antes do 19 de outubro, o Estado proseguirá coa aplicación do artigo 155 da Constitución. O Govern xa recibiu o primeiro dos documentos. 

 

A primeira reacción ao requirimento anunciado por Rajoy chegou en forma de chío nas redes sociais por parte do secretario xeral do PSC, Miquel Iceta, que un día antes valorara a aposta polo diálogo. "Valoro moito a prudencia e mesura da declaración de Mariano Rajoy", dixo quen puxo o foco en Puigdemont: "Espero que a resposta ao seu requirimento estea á mesma altura". Núria Marin, alcaldesa socialista de L'Hospitalet que tamén chamara a dialogar, celebrou a "medida e prudente" declaración do xefe do Executivo central. 

Acto seguido, Pedro Sánchez compareceu para dar o seu apoio ás medidas anunciadas por Rajoy pero para deixar tamén unha novidade importante, ao anunciar que acordou co presidente do Goberno central abrir "en seis meses o debate da reforma constitucional". Antes, amosou o apoio do PSOE ao Executivo na súa resposta a Puigdemont, ao considerala unha medida "prudente", aínda que tamén apostou polo "diálogo, claro que si". 

Sánchez asegura que acordou co Goberno central abrir en seis meses o debate da reforma constitucional

"Acompañamos o presidente do Goberno no seu requirimento para clarificar e sacar do pantano no que meteu Puigdemont á política catalá; nin os cataláns nin a sociedade española merecen a angustia de non saber se os que dirixente as institucións catalás declararon a independencia ou non", dixo Sánchez, que logo aclarou que o Executivo se comprometera a poñer en marcha a comisión do estudo do modelo territorial que impulsaron os socialistas no Congreso e abrir así espazo para unha reforma constitucional nun prazo de seis meses. 

Desde ERC, Marta Rovira (ERC) pide "aclaracións" a Rajoy porque "non dixo nada de diálogo nin de mediación". Albert Rivera, pola súa banda, non deixou moito lugar a dúbidas: "Falei con Rajoy e confirmoume que se activou o artigo 155". Estamos dispostos a falar dunha reforma da Constitución para todos os españois, non para os que queren liquidar o país", engadiu tras pedir que se aplique, precisamente, o devandito artigo. 

 

PSOE e Ciudadanos xuntan forzas co PP

Xa no Congreso, na comparecencia a petición propia de Rajoy no Congreso, o presidente do Goberno central advertiu a Puigdemont que "na súa man está volver á legalidade ou prolongar o período de inestabilidade". "A nosa democracia vive un dos momentos máis graves da nosa historia recente", engadiu, logo de advertir dunha "escalada de radicalidade, desobediencia e tumultos". "Os gobernantes perpetraron un ataque desleal contra a Constitución e a convivencia pacífica entre cidadáns", dixo o xefe do Executivo, que foi contundente no ton, que negou o diálogo "entre a lei e a ilegalidade" e que negou tamén calquera posiblidade de mediación. "A ninguén lle pode gustar o que pasou o 1-O, pero os únicos responsables son aauels que teimaron en manter ese desafío, non busquen outros culpables", asegurou sen facer referencia aos feridos. 

"Os gobernantes perpetraron un ataque desleal contra a Constitución e a convivencia pacífica entre cidadáns", di Rajoy

Durante a súa intervención, Rajoy empregou unha cita de Manuel Azaña, ex-presidente da República Española. "Todos somos hijos del mismo sol y tributarios del mismo arroyo", dixo o xefe do Executivo aludindo ás palabras do dirixente republicano e ao seu último discurso en territorio español durante os últimos meses da Guerra Civil, pero sen citalo. Azaña, daquela, facía unha chamada á reconciliación e a unha mediación internacional para non prolongar o conflito. 

Logo, na quenda de réplica, Rajoy aclarou que o "importante" era a resposta de Puigdemont ao requirimento e que "acerte" e aclare "que non proclamou a independencia". "É así de fácil", dixo, tras advertir, xa por fin, do prazo dado ata o xoves 19. Respecto do diálogo, limitouno unicamente á comisión pola reforma constitucional

"O importante é que Puigdemont acerte na resposta ao requirimento do Goberno", advirte Rajoy

Desde o PSOE, a súa portavoz Margarita Robles pediu que o "requirimento" a Puigdemont apele aos valores constitucionais e ao diálogo e solicitou tamén ao PP "autocrítica", aínda que se sumou sen dúbida ás medidas do Goberno central. Tamén Albert Rivera, de Ciudadanos, que volveu cargar con dureza "contra os nacionalismos e os populismos" e que defendeu actuar "con firmeza e prudencia" para garantir a soberanía nacional. Socialistas e C's negan a mediación que reclaman o Govern e formacións como Unidos Podemos e insisten na volta á legalidade. 

En Marea asegura que "a única saída" ao conflito catalán "é un referendo"

Na intervención do grupo confederal de Unidos Podemos, a portavoz de En Marea, Yolanda Díaz, culpou o PP do conflito catalán por "non comprener o que pasa" alí. Ademais, pediu "diálogo" e "parar o odio contra Catalunya e tamén o odio contra España". Alén disto, insistiu en que a "única saída, hoxe, nun ano ou en cinco, é un referendo; haberao". "Falemos, parlem, falando enténdese a xente", reivindicou. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.