"Aquel día dixen: non as fagas, non as temas e hoxe volvo dicir o mesmo. Eu sabía que isto tiña que rematar así, eu dicía que era inocente e o máis imporatente é que a xustiza di que son inocente". Deste xeito se expresaba este martes o alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, ao anunciarlle de "urxencia" á prensa da cidade que, case catro meses despois de que a xuíza instrutora do caso Campeón, Estela San José, o imputase por un presunto delito de prevaricación, a súa causa viña de ser sobresida ou, "dito nunha linguaxe menos formal, veño de ser desimputado", explicou o rexedor lugués co seu proverbial ton profesoral.
Dorribo acusara o alcalde de Lugo de acceder a favores urbanísticos a cambio de patrocinios
A acusación contra o tamén presidente do PSdeG baseouse, como ten informado Praza Pública, esencialmente nas declaracións ante a xuíza do presunto líder da trama, o empresario Jorge Dorribo, nomeadamente nas realizadas o 8 de agosto e o 13 de decembro de 2011. Na primeira comparecencia -de carácter voluntario-, segundo consta no sumario a cuxo contido tivo acceso este diario, Dorribo indicou que "tamén quería falar do Concello de Lugo" para expresar a suposta operación que, meses despois, deu lugar á imputación do rexedor lugués. Sempre segundo a versión do empresario, a súa compañía, Laboratorios Nupel, "comprometeuse a patrocinar o Arde Lucus", a festa romana da cidade, como contrapartida a un favor urbanístico. As naves dos seus laboratorios no polígono industrial do Ceao "ocupaban o 100% da parcela" e, polo tanto, non era posible "segundo a lei urbanística", declarou, comunicalas entre si "se non se retranqueaban". "Facer esa obra (...) era moita pasta, polo que era máis doado patrocinar", resumiu. Na segunda comparecencia Dorribo mantivo as acusacións, implicando ademais a unha traballadora do Concello.
Os múltiples patrocinios de Dorribo
Pero ese patrocinio non foi o único realizado por Nupel neses anos e o Concello da cidade non foi, nin moito menos, o único destinatario. Atendendo á memoria de actividades da empresa, incluída no propio sumario, Nupel gabábase de "non esquecer a cidade onde naceu e medrou" e por este motivo, aseguraba, "participa e coopera de forma activa cos diferentes concellos, deputacións (sic), organizacións benéficas, institutos e colexios", así como en "eventos lúdicos, sociais e culturais da cidade, como o Arde Lucus, festa de ambientación romana que xa se converteu nunha referencia". Froito desta política de patrocinios masivos, en poucos anos a cidade da Muralla inzouse de logotipos de Nupel e das súas marcas, ata o punto en apenas tres anos destinou 2,1 millóns de euros a "publicidade, propaganda e relacións públicas", segundo o informe elaborado polos administradores concursais da empresa, datado en xaneiro de 2012.
En tres anos Nupel destinou máis de 2 millóns de euros a "publicidade, propaganda e relacións públicas"
Equipos deportivos propios -a empresa promoveu o Nupel Racing Team de rallys- e alleos e numerosos eventos contaron co favor da empresa que, supostamente, era tamén o centro da presunta trama corrupta. Entre eles, efectivamente, figuran as achegas ao Arde Lucus. Segundo informou o propio Concello á xuíza instrutora, Nupel patrocinou a festa en 2007, 2009 e 2010 con achegas de 53.000, 28.000 e 32.480 euros. A única "contraprestación" que figura nos respectivos convenios é a inclusión do anagrama da empresa na publicidade da celebración. Ademais, o consistorio informou tamén a maxistrada de que a súa relación publicitaria con Nupel abrangueu un convenio máis, asinado en 2010 por 12.000 euros para a "organización e realización" dos actos conmemorativos do décimo aniversario da declaración da Muralla como patrimonio da humanidade. Neste caso, a "contraprestación", outorgada nun acto aberto aos medios de comunicación, consistiu na mesma inclusión de logotipos, o título honorífico de "embaixador da Muralla Romana" e un "agasallo institucional" en forma de figura cerámica.
O primeiro político desvinculado do caso
Despois de que Orozco tentase infrutuosamente demandar a Dorribo por inxurias e calumnias, a documentación e testemuños achegados semellan ter pesado dabondo para que a xuíza optase polo arquivo e convertese, deste xeito, ao alcalde de Lugo no primeiro dos políticos aos que se vinculou co caso en desligalo oficialmente do mesmo. Entre os máis salientables resta aínda saber que acontecerá coas imputacións sobre o ex ministro de Fomento, José Blanco e o ex conselleiro de Industria, Fernando Blanco. Tamén permanece imputado, aínda que con ligazóns, atendendo ao sumario, presuntamente máis fortes co caso, o ex deputado do PP Pablo Cobián, quen supostamente tería intercedido ante a Xunta para que a trama se fixese con axudas do Igape nas que terían mediado facturas falsas.
Orozco "lémbralle" a Feijóo que "pedía a súa cabeza inxustamente"
Neste contexto o rexedor socialista coida que "remata unha etapa" que "a partir de agora mesmo está esquecida", o que non evitará que os seus avogados, "tan pronto como poidan, continúen coa denuncia" contra Jorge Dorribo, xa que "non se pode consentir que aínda sendo imputado se calumnie aos demais". "A nosa Constitución recoñece o dereito a non dicir a verdade, pero en ningún caso fala de que se poida deifamar a calquera persoa, incluídos alcaldes e alcaldesas". Deste xeito, abonda, "se eu era inocente e me vía, como inocente, tan inxustamente tratado, creo na inocencia de todos os imputados e ata que se pronuncien os xuíces nunca se pode facer un xuízo".
Ao tempo, e mentres dende a Executiva nacional do PSdeG o seu secretario de organización, Pablo García, manifestaba a súa "ledicia" polo arquivo da causa, López Orozco aproveita para "lembrarlles" á oposición municipal e tamén "ao presidente da Xunta e a outros membros do seu Goberno que pedían a miña cabeza" que "está máis claro que a pedían inxustamente". "Non se pode xulgar a honorabilidade de ningunha persoa por moito interese político que poida haber", resolve.