Padín, líder de Converxencia 21, novo alcalde de Tui co apoio do PP e os seus escindidos nun tenso pleno

O xa desbancado alcalde de Tui con Gonzalo Caballero, secretario xeral electo do PSdeG Dominio Público PSdeG

Carlos Vázquez Padín, presidente de Converxencia 21 a nivel galego e portavoz desa formación en Tui, vén de ser elixido alcalde da vila ao prosperar a moción de censura contra o anterior rexedor socialista, Enrique Cabaleiro, impulsada polo PP e outras formacións locais escindidas dos populares. A elección de Padín e a súa formación, que se declara liberal e soberanista e que conta con só dous concelleiros, supón un novo incumprimento por parte dos populares da súa reiterada petición de que gobernen os concellos o partidos máis votados, desta volta eles mesmos. A votación realizouse nun pleno marcado por momentos de tensión e con apupos do público presente oposto á moción de censura.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, a socialista Carmela Silva, ameaza con levar a moción de censura aos tribunais por basearse nun acordo que compromete investimentos doutras administracións controladas polos populares

O PP gañou as eleccións municipais de 2015 con só 4 dos 17 concelleiros da Corporación máis fragmentada de Galicia, seguido do PSdeG (3 concelleiros), a Converxencia 21 de Vázquez Padín (2), BNG (2), Ciudadanos Tudenses (2), a formación do ex-alcalde do PP Miguel Ángel Capón Rey Alternativa Tudense (2), Son de Tui (1) e Alternativa Popular de Tui (1). Foi investido alcalde o socialista Enrique Cabaleiro, co apoio de seis dos oito partidos e 11 dos 17 concelleiros: PSdeG (3), Converxencia 21 (2), BNG (2), Capón Rey (2), Son de Tui (1) e AP de Tui (1). Porén, nin Converxencia 21 nin AP de Tui entraron a formar parte do goberno local. Este martes PP, Ciudadanos Tudenses e AP de Tui votaron a favor da censura encabezada por Padín malia contar con só dous concelleiros. De xeito previo á presentación da moción de censura, os líderes e principais edís das outras formacións deixaran os seus postos como condición previa de Vázquez Padín para impulsar a operación e afastar da política local a quen a manexou durante as últimas décadas.

O pacto que sustenta o novo goberno baséase nun acordo, divulgado por Converxencia 21, que reflicte compromisos de investimentos en Tui doutras administracións gobernadas polo PP, polo que foi visto por PSdeG, BNG e En Marea como unha “compra” da alcaldía. O obxectivo último dos populares sería consolidarse no goberno reunificando a dereita local e contribuír desde ese partido xudicial á recuperación da Deputación de Pontevedra, agora en mans de PSdeG e BNG. A presidenta desta institución, a socialista Carmela Silva, non dubidou en sinalar o presidente provincial do PP e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o delegado territorial da Xunta, Cores Tourís, como os impulsores da operación. Silva, que este martes se desprazou a Tui, asegurou que estuda levar ao xulgado a “compraventa” do goberno local.

Caballero, Pontón e Villares amosaron as súas críticas a operación, da que acusan a Alfonso Rueda co obxectivo final de recuperar a Deputación de Pontevedra

A Tui tamén se desprazou o secretario xeral electo do PSdeG, Gonzalo Caballero, que en Twitter amosou o seu apoio ao alcalde saínte “fronte ás manobras da dereita”. Similar crítica na rede social realizou a portavoz do BNG, Ana Pontón, para quen a censura “da vergoña” e “pola porta de atrás con pactos escuros, demostra que están dispostos a todo por recuperar o poder”, en referencia ao PP. Similares valoracións mereceu a operación en días previos para o portavoz de En Marea, Luís Villares.

Padín e outros membros de Converxencia 21, nunha imaxe de arquivo Dominio Público Converxencia 21

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.