Segunda rebaixa salarial para un persoal público cos dereitos en caída libre

Protesta de empregados públicos en San Caetano CC-BY-SA Merixo

O 10 de maio de 2010 o daquela presidente do Goberno central, José Luis Rodríguez Zapatero, accedía á tribuna de oradores do Congreso dos Deputados para reclamar un "esforzo" que aplacase as autoridades europeas e os mercados financeiros. Unha emenda á totalidade dos piares da política social e económica coa que o PSOE concorrera ás eleccións menos de dous anos antes e que incluía a primeira baixada de salarios para o persoal público ou, o que é o mesmo, a medida de maior impacto nas condicións ao servizo da Administración pública dende as conxelacións salariais aprobadas polo Goberno de Felipe González en 1994 e polo de Aznar en 1997. Apenas dous anos despois o agora presidente, Mariano Rajoy, vén de protagonizar un debate semellante, cunha bomba de recortes baixo o brazo cuxa onda expansiva impacta tamén, como o de Zapatero, nos empregados públicos.

O persoal público queda sen a última paga extra do ano e enfróntase a unha "revisión da función pública"

Tras o que moitos expertos viron como unha intervención de facto en 2010, o Executivo socialista reduciu as retribucións do persoal público nunha media dun 5% nese mesmo ano e conxelounas para 2011. Ademais, rebaixaba un 15% aos membros do Goberno. O recorte do 5% estendeuse tamén aos soldos dos membros de diversas cámaras lexislativas do Estado, como o Parlamento de Galicia. A estas medidas engádese agora a nova rebaixa. Á espera da xuntanza do secretario de Estado de Administracións Públicas cos sindicatos da función pública, este mesmo mércores, Rajoy xa avanza que as persoas que traballen ao servizo de calquera Administración pública quedan sen paga extra de nadal ou, o que é o mesmo, sen unha das catorce partes nas que se divide o seu salario anual. Segundo o líder conservador, a rebaixa compensarase en 2015 a través do fondo de pensións.

Do mesmo xeito, o paquete de restricións inclúe tamén menos días de libre disposición -polo tanto, redución de posibles substitucións-, unha redución do funcionariado que exerce o labor de liberado sindical e un incremento da marxe de mobilidade, tanto xeográfica como de funcións, na liña do aprobado na reforma laboral para os traballadores do sector privado. A equiparación co "resto de traballadores" chegará tamén a un punto que, no caso de Galicia, xa foi notablemente reformado nos últimos meses: as condicións da incapacidade temporal. Outras medidas, como unha completa "revisión da función pública" están aínda por coñecer.

Así as cousas, o persoal ao servizo da Xunta e das entidades que dependen dela verán como o recorte de Rajoy se suma á lei de medidas temporais en determinadas materias do emprego público, aprobada en solitario polo PP por vía urxente no Parlamento galego. Nesa normativa, fortemente contestada polo conxunto dos sindicatos, as condicións da incapacide endurecéronse sensiblemente, penalizando máis as "enfermidades comúns ou accidentes non laborais", como unha gripe ou un accidente de tráfico sen consecuencias importantes. Dende a entrada en vigor da reforma, o pasado maio, entre o primeiro e o terceiro día de baixa "abónase un complemento ata acadar o 50% das retribucións cando sexa a primeira baixa no ano natural". Esta porcentaxe baixa ao 40% na segunda baixa "no mesmo ano natural" e, se se producen máis, "non se abona o devandito complemento". Entre o cuarto e o vixésimo día a porcentaxe do complemento aumenta para garantir que o funcionario ou empregado público "acada o 75% das retribucións". Só cando a baixa sexa prolongada, "a partir do día vinte e un", é abonado "un complemento ata acadar o 100% das retribucións".

Rajoy prepara o seu discurso © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.